Yolanda Díaz esixe a Feijóo garantir que se cumpren as condicións sanitarias e democráticas para votar

A ministra de Traballo di que a candidatura de Galicia En Común, na que se integra a súa formación, xa avisou do risco que supuña celebrar agora as eleccións. En Común propón a PSdeG e BNG unha reunión para abordar o brote da Mariña ante a "inacción" de Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 09/07/2020 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, esixiu este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que garanta que o vindeiro domingo, durante as eleccións galegas, se van cumprir tanto as garantías sanitarias como democráticas na zona da Mariña, afectada por un brote de coronavirus, porque hai "moita preocupación" respecto diso.

Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz nun acto de campaña de Galicia En Común-Anova Mareas en Ferrol
Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz nun acto de campaña de Galicia En Común-Anova Mareas en Ferrol | Fonte: En Común.

Así o asegurou en declaracións a Cuatro, ao ser preguntada pola situación que se vive nesta zona, e pola petición que formalizaron os alcaldes de dez municipios da comarca --do PSOE e BNG---, pedindo a suspensión dos comicios.

A ministra e dirixente de Unidas Podemos lembrou que a candidatura de Galicia En Común, na que se integra a súa formación, xa avisou do risco que supuña celebrar agora as eleccións, despois de que xa tivesen que ser aprazadas o pasado 5 de abril pola pandemia de Covid-19.

"A competencia para fixar as eleccións é do presidente da Xunta, pero sempre dixemos que había moito risco de convocalas neste momento. A oposición non compartía a posición de Feijóo e as declaracións de agora son inquietantes", criticou.

Díaz referiuse en concreto ás declaracións nas que o presidente en funcións da Xunta e candidato do PP afirmou que o máis lóxico é que os contaxiados non vaian votar, e tamén que non hai que "meter medo" aos galegos, xa que se se puideron celebrar as probas de acceso á universidade tamén se pode ir votar "durante quice minutos".

"En Galicia hai moita preocupación sobre as garantías sanitarias e democráticas para poder exercer o voto na Mariña o domingo", avisou a ministra, que este xoves acompañou o candidato de Galicia en Común, Antón Gómez Reino.

Neste sentido, defendeu que "o presidente da Xunta debe comparecer e dar explicacións para garantir aos galegos que se cumpren os requisitos", en primeiro, relativos ás "garantías democráticas", para que se poida votar "en igualdade de condicións que no resto de Galicia", e por outro, as garantías "en termos de saúde".+

REUNIÓN

O candidato de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, convidou á cabeza de lista de PSdeG, Gonzalo Caballero, e BNG, Ana Pontón, a reunirse este venres para abordar o brote de Covid-19 na Mariña e o seu impacto nas eleccións deste domingo tendo en conta que considera que debe primar "o principio de precaución".

Gómez-Reino lanzou esta mensaxena Alameda de Santiago este xoves despois de coñecerse a resolución da Xunta Electoral Central que, en resposta a senllos recursos de Galicia en Común e Marea Galeguista, avala a celebración dos comicios este domingo.

Tras lamentar a "sistemática ocultación" que, di, pon en práctica a Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo; Gómez-Reino alertou das "preocupantes informacións" que proceden da Mariña sobre o brote de coronavirus, polo que convida os líderes socialista e nacionalista a sentar este venres ante a "inacción" do Goberno galego que "non" convocou "en ningún momento" ás forzas da oposición para abordar este asunto.

"Temos clarísimo que nunha situación como esta o que debe primar para un responsable público é o principio de precaución", incidiu Gómez-Reino antes de censurar a "manifesta irresponsabilidade" coa que, di, actuou un Feijóo, cuxo "único obxectivo" ao manter este proceso convocado de forma "unilateral" é sacar réditos "electorais".

"Ponse en risco tanto os dereitos democrácitos como o dereito a saúde dos veciños da Mariña", engadiu o cabeza de lista da alianza de esquerdas, que preguntou a Feijóo "se está disposto a asumir as responsabilidades derivadas de pór en risco a saúde" dos habitantes do norte de Lugo.

Neste sentido, puxo o foco en que Feijóo deberá "asumir" as responsabilidades dos "hipotéticos contaxios e danos para a vida da xente" se o proceso segue adiante. "Galicia en Común vaille pedir ao señor Feijóo ata a última responsabilidade se non se garante o dereito á saúde e o dereito a sufraxio", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta