Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/02/2013 | Actualizada ás 21:36
Abrente, o grupo máis próximo á socialdemocracia dos que quedan no Bloque, presentará unha emenda ás teses que defende a UPG, o partido comunista máis numeroso na frente. Na próxima Asemblea Nacional do 16 de marzo, que decidirá unha posíbel refundación do BNG, Abrente tampouco se integrará, en principio, nas listas que promove a UPG.
O voceiro de Abrente Carlos Aymerich confirmou a presentación da emenda no Consello Nacional do Bloque organizado en Compostela. Iso si, Aymerich admitiu que aínda hai posibilidade de pacto, pois queda pendente outro Consello Nacional para votar os textos remitidos hoxe.
Abrente é a forza que acolle aos militantes de Máis Galiza que non marcharon do BNG tras a última Asemblea Nacional. Nesa Asemblea a UPG gañou democraticamente todas as votacións, polo que en principio o partido de Nestor Rego e Francisco Jorquera non debería ter problema para vencer tamén na próxima Asemblea sen o apoio de Abrente. Con todo, hoxe quedou claro que Abrente non está pola integración automática asumindo os postulados dunha práctica máis ortodoxamente comunista e soberanista que propugna a UPG.
Neste xiro, a UPG está a considerar a posibilidade de tentar integrar nunha única forza aos colectivos independentistas que nas últimas décadas se afastaron do Bloque polo súa suposta deriva cada un discurso menos independentista. O portal independentista Galiza Livre confirmou a existencia de conversas tanto con Causa Galiza como con Nós UP. De feito, o Bloque promove unha plataforma pola autodeterminación na que pretende integrar aos independentistas, unha iniciativa inédita no BNG dos últimos anos.
Guillerme Vázquez, admitiu hoxe entre liñas que hai contactos, pero "oficialmente" non. "Outra cousa é que neste país todo o mundo fala con todo o mundo, pero dende o punto de vista de establecemento de conversacións formais, non" declarou en rolda de prensa quen permanece como voceiro até a Asemblea.
De entrada semella que a importante distancia ideolóxica entre a socialdemocracia de Abrente e o soberanismo marxista de forzas como Nós-UP poidan convivir sen roces dentro dunha mesma organización.
Abrente aposta por un BNG que supere o modelo frontista superando a doble militancia, onde os militantes son membros tanto do Bloque como das súas correntes. Tamén argumenta que, para transformar a sociedade galega, é imprescindíbel tentar acadar máis poder político nas institucións.
Debate dentro da UPG
Dende a UPG, Jorquera negouse a valorar a emenda de Abrente. O voceiro parlamentario tamén rexeitou debater sobre nomes para substituír a Vázquez, malia que en principio el é o favorito para tal labor.
Dentro da propia UPG hai un debate intenso sobre como artellar o futuro do Bloque. Mentres unha parte da formación considera que cómpre tender pontes para tentar a medio prazo recuperar a unidade do nacionalismo atraendo aos escindidos de Compromiso por Galicia e Anova Irmandade Nacionalista; outra parte considera que a prioridade é afondar no xiro á esquerda e, de paso, atraer aos independentistas sen ter tanta presa para chegar a acordos con Anova e Compromiso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.