Alerta laranxa por temperaturas de ata 37 graos nas zonas do Miño en Ourense e Pontevedra

Tamén estarán en alerta amarela por altas temperaturas zonas do interior da Coruña, de Lugo e de Ourense, así como as Rías Baixas e a contorna das comarcas coruñesas do Barbanza e Noia.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 18/07/2020 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou para este sábado a alerta laranxa por altas temperaturas nas zonas do río Miño, nas provincias de Pontevedra e Ourense, por temperaturas de ata 37 graos.

Segundo a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espérase que o fenómeno meteorolóxico dea comezo este mediodía e que se prolongue ata as últimas horas da tarde.

Ademais, estarán en alerta amarela por altas temperaturas zonas do interior da Coruña, de Lugo e de Ourense, así como as Rías Baixas e a contorna das comarcas coruñesas do Barbanza e Noia.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, Emerxencias informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, espérase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manterse hidratado, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Así mesmo, lémbrase que nunca debe deixarse a nenos ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

Mozo á sombra ante as elevadas temperaturas en Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
Mozo á sombra ante as elevadas temperaturas en Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta