Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2020 | Actualizada ás 11:32
IESIDE, o proxecto de Educación Superior de Afundación, a Obra Social de Abanca, puxo en marcha a súa Exponential MBA Challenge, premiado con cinco bolsas. Tras recibir case un centenar de inscricións, procedentes de latitudes tan diversas como Perú, Arxentina, Brasil ou China, foron finalmente 24 as persoas seleccionadas para participar neste reto, das cales, cinco foron as receptoras do premio, Marián García Barcia, Keren Otero Rodríguez, Jenssen Jáuregui Huallpamaita e Pablo Amado Juste.
O Exponential MBA de IESIDE é o único máster universitario oficial de España de Dirección e Administración de Empresas especializado na xestión exponencial e dixital, que combina os coñecementos impartidos no seu MBA cun Certificado Superior en Exponential and Digital Business, axuntando as claves para un liderado empresarial na nova contorna.
Os cinco gañadores desenvolveron unha iniciativa baseada no desenvolvemento das soft skills ou habilidades brandas que combinan as competencias sociais, de comunicación ou a intelixencia social e emocional, entre outras. Todas as ideas foron presentadas ante un tribunal que, ademais de achegar un informe explicativo sobre a súa valoración, determinou quen serán os gañadores das bolsas.
EN CORUÑA E VIGO
A nova titulación universitaria que presenta IESIDE, o Exponential MBA, ten como obxectivo ofrecer aos seus estudantes as máis innovadoras tendencias no marco empresarial. O programa, que se impartirá nos campus da Coruña e Vigo, combinando a presencialidade física coa virtual, iniciarase o próximo mes de outubro e está dirixido a estudantes recentemente titulados.
O Exponential MBA compleméntase cunha estancia en NOVA School of Business and Economics (NSBE) de Lisboa, unha das 50 mellores escolas do mundo segundo o ranking Executive Education, 2020 do Financial Times.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.