Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2020 | Actualizada ás 13:58
A comunidade educativa do Concello de Brión, composta polas familias da escola A Luaña --unitaria-- e as Anpas de Sabaxáns, da EEI de Os Ánxeles, do CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión, rexeita de plano o peche da escola unitaria e cuestiona que se adopte esta decisión en plena crise sanitaria polo coronavirus, cando a idea é apostar por aulas máis pequenas.
A escola de Luaña ten un alumno menos dos que se consideran o mínimo para manter abertas este tipo de escolas e, segundo denuncian nais e pais, agora os alumnos trasladaríanse a Pedrouzos, unha escola que quedaría "masificada" nun contexto no que se aposta por "aulas burbulla".
Nun escrito conxunto, a comunidade educativa entende que os criterios do peche que "prioriza" a Xunta neste caso "son os economicistas" fronte ao "dereito constitucional de protección da saúde" do alumnado, xa que esta escola "cumpre coa totalidade de requisitos sanitarios esixidos e é a definición de 'aula burbulla' proposta".
Engaden que, "aínda por riba", estes nenos van acabar en aulas "xa de seu masificadas" noutros centros do municipio, e "aumentarán a problemática xa presente nos servizos de comedor e autobús". Deste xeito, e apelando ao "sentidiño", que a propia Xunta emprega como lema, reclaman o "imperativo mantemento da escola" para o próximo curso, xa que "en situacións extraordinarias, débense adoptar medidas extraordinarias".
APOIO DO BNG
Precisamente sobre esta cuestión pronunciouse este luns a deputada electa e responsable de Educación na pasada lexislatura do BNG, Olalla Rodil, quen considerou "irresponsable" o peche desta escola, ou a de Verducido (en Pontevedra).
Así, mostrou "todo o apoio" da formación nacionalista e reclamou á Xunta que, polo menos, sente a falar coa comunidade educativa sobre esta cuestión. "Non poden primar un suposto aforro que nos pode saír moi caro a todos", salientou.e estudantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.