O incendio de Cualedro supera as 1.500 hectáreas e convértese no máis grande desde a vaga de lumes de 2017

Durante as primeiras horas avanzou con gran velocidade, alimentado polo vento e a calor na zona.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 31/07/2020 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

O incendio forestal iniciado o pasado mércores no municipio ourensán de Cualedro, e que continúa activo, supera as 1.500 hectáreas de terreo queimado, segundo as últimas estimacións da Xunta, unha cifra que o converte no máis grande que rexistra Galicia desde a vaga de incendios de 2017.

Un avión da UME sobrevoa e verte auga sobre o incendio de Cualedro (Ourense)
Un avión da UME sobrevoa e verte auga sobre o incendio de Cualedro (Ourense) | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

A Consellería do Medio Rural actualizou este venres as estimacións de superficie queimada por este incendio, que, no seu avance durante as primeiras horas, obrigou a activar a Situación 2 pola súa proximidade ás vivendas do núcleo de San Cristovo, en Monterrei.

O lume, aínda activo, iniciouse o mércores na parroquia de San Millao e durante as primeiras horas avanzou con gran velocidade, alimentado polo vento e a calor na zona. De feito, a súa proximidade ao núcleo de San Cristovo obrigou a activar a Situación 2 durante a noite do mércores ao xoves, aínda que finalmente o pobo non resultou afectado.

A última hora do xoves, pola súa banda, as chamas volveron xerar momentos de tensión ao dirixirse ao núcleo de Oímbra, chegando á zona que se sitúa entre Bousés e A Granxa. Alí, os medios aéreos conseguiron cortar as o lume e deixalo illado á beira dunha estrada provincial situada entre esas dúas localidades.

MÁIS DE 1.500 HECTÁREAS

Ante a "evolución favorable" deste incendio, Medio Rural informou de que a nova medición provisional de superficie afectada alcanza as 1.535 hectáreas, das que 525 son agrícolas e 1.010 forestais --960 rasas e ao redor de 50 arboradas--. Por iso, en virtude desta medición, o de Cualedro adquire a consideración de Gran Incendio Forestal (GIF).

Pero, ademais, dáse a circunstancia de que é o maior incendio forestal rexistrado en Galicia desde a vaga de lumes de outubto 2017, na que arderon case 50.000 hectáreas no país. De feito, en todo o ano 2018 arderon en Galicia, segundo recolle o Pladiga, 2.599 hectáreas de terreo e algo máis de 6.800 en todo 2019. O ano pasado, o lume máis grande rexistrado foi o que afectou os municipios coruñeses de Dodro e Rianxo, que calcinou 1.160 hectáreas.

Para a extinción deste lume levan mobilizados dous técnicos, 37 axentes, 95 brigadas, 38 motobombas, seis pas, trece helicópteros e outros tantos avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

100 HECTÁREAS EN RODEIRO

Por outra banda, xa son 100 as hectáreas afectadas polo incendio forestal que desde a tarde deste xoves afecta o municipio pontevedrés de Rodeiro. O lume, iniciado na parroquia de Riobó, está estabilizado desde a pasada noite.

Para o control deste incendio mobilizáronse sete axentes, 21 brigadas, 15 motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e seis avións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta