Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/08/2020 | Actualizada ás 20:35
O gas radón, un dos elementos con máis presenza nas vivendas galega por estar presente en rochas como o granito, provoca unha maior disposición a padecer cancro de pulmón. Así o recollen Investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, que acaban de publicar un estudo en Environmental Research, unha das revistas máis prestixiosas en epidemioloxía ambiental.
Neste estudo, os investigadores certifican un aumento do risco de cancro pulmonar asociado á exposición a radon residencial e ademais cunha relación lineal. A maiores, os investigadores identifican igualmente que o tabaco produciría unha importante amplificación do efecto, “así, unha persoa gran fumadora, pode chegar a multiplicar practicamente por 3 o seu risco de cancro de pulmón (xa de por si moi alto) se pasa de estar pouco a moi exposta ao radon no seu domicilio”, aclara o investigador principal do estudo, Alberto Ruano.
VIVENDAS CON GAS RADON
As persoas expostas a máis de 200 Bq/m3 duplican o risco de cancro de pulmón respecto a aquelas en contextos inferiores a 50 Bq/m3 na súa vivenda. Para o profesor Ruano, “estes resultados indican a importancia do radon como factor de risco do cancro de pulmón e a necesidade da implantación da directiva europea sobre as radiacións ionizantes, que xa debería estar en vigor dende febreiro de 2018 en España”. Subliña tamén a importancia de poñer en marcha iniciativas locais “xa que Galicia é a Comunidade Autónoma máis afectada por este gas de orixe natural”.
Os datos do traballo son os máis importantes recollidos ata agora, non só polo que conteñen, senón polo tamaño da mostra: 1.842 casos e 1.862 controis, con máis de 3.700 participantes procedentes de varios hospitais e comunidades autónomas. Isto o sitúa como un dos estudos máis importantes en canto a tamaño sobre radon e cancro de pulmón.
RADÓN E TABACO
Con todo, o profesor da USC advirte ademais que a magnitude do risco da enfermidade debido a este gas é moito menor que a asociada ao tabaco. Iso si, a primeira recomendación para alguén con nivel alto de radon no seu domicilio é que non fume “nin esa persoa nin os ocupantes da vivenda, xa que o risco se multiplica”. Para o desenvolvemento do presente estudo, todos os detectores utilizados foron revelados no Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, un dos tres Laboratorios españois acreditados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para medir este gas en vivendas.
A investigación foi financiada por varios estudos competitivos do Fondo de Investigacións Sanitarias e da Xunta de Galicia e forma parte da tese de doutoramento da primeira autora, María Lorenzo González, tamén dirixida polo profesor Xoan Miguel Barros Dios, director do Laboratorio de Radon de Galicia. O estudo enmárcase no grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia en Epidemioloxía e Saúde Pública, coordinado polo profesor Ruano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.