Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2020 | Actualizada ás 11:41
Dodro recuperará a súa Liga tradicional de Bolos en plena pandemia. Así o apuntou a Concellería de Educación, Deportes e Emprego do municipio coruñés, institución a cargo do campionato. Segundo destacan dende o Concello, a primeira xornada desta actividade terá lugar o vindeiro sábado 22 no Campo do Bosque e contará coas "medidas de seguridade pertinentes", como é o uso obrigatorio de máscara para espectadores e participantes.
Á parte, a Liga de Bolos de Dodro realizarase ao aire libre porque así é como se desenvolveu historicamente este xogo tradicional que o concello coruñés pretende recuperar. Dende o consistorio vencellan a vontade de recuperar esta actividade ós "campionatos puntuais" que tiveron lugar en distintos puntos do Concello organizados por asociacións veciñais.
Así, e segundo apuntan dende o consistorio, a idea de recuperar este xogo tradicional xurdiu logo de que unha pedra base -"que serve como zona de posto dos bolos"- fora atopada na aldea de Bexo. A pedra foi aproveitada para habilitar un novo campo de xogo, de xeito semellante ó que aconteceu na aldea de Manselle, onde foron os veciños os encargados de dispor a pedra de lanzamento para recuperar o xogo no campo da feira.
Dende o Concello destacan que, nos últimos meses, a oferta foi ampliada con dúas pedras máis, entre a do Campo do Bosque e a do complexo deportivo de Lestrobe. Á parte, destacan un traballo de filmación de testemuñas da popularidade do xogo dos bolos en Dodro no século pasado, coa participación de D. Juan Abuín Collazo e D. Gerardo Tarrío.
10 EQUIPOS
A Liga de Bolos de Dodro desenvolverase en catro probas que comezarán coa cita do Campo do Bosque o sábado vindeiro. Unha semana máis tarde tocaralle a quenda ó Complexo Deportivo de Lestrobe (29 de agosto). Finalmente, a segunda volta estará repartida entre o Campo da festa de Bexo -onde terá lugar o 19 de setembro- e o de Manselle, o 26 de setembro. Polo de agora, sosteñen dende o Concello, inscribíronse xa dez equipos, algúns deles chegados de Rianxo, Boiro e a Pobra do Caramiñal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.