A complicidade do silencio

Este artigo ía titularse “Non nos esquezamos de Brecht”. Como seguramente moitos estaba convencido de que o poema “E por min viñeron” fora escrito por Bertolt Brecht a mediados dos anos 30, cando o réxime nazi mostraba, dentro de Alemaña, os horrores que despois estendería por toda Europa.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 24/08/2020

Comparte esta noticia

 Á obra de Brecht débolle moitas horas de lectura e tamén ter chegado á música de Kurt Weill e ás magníficas interpretacións de Ute Lemper. Pero cando comencei a recopilar datos para este artigo atopeime con que o poema, segundo moitos estudosos, fora escrito en 1946 polo pastor protestante Martin Niemöller, e que el mesmo fora prisioneiro no campo de concentración de Dachau entre 1941 e a súa liberación en abril de 1945. Fora detido por enfrontarse ás atrocidades do réxime nazi, ao que nos seus inicios, igual que fixeran moitos conservadores alemáns, defendera.

Hoxe paga a pena lembrarse daquel poema.

“Cando os nazis viñeron a buscar aos
Comunistas
Gardei silencio
Porque eu non era comunista.
Cando encarceraron aos
Socialdemócratas
Gardei silencio
Porque eu non era socialdemócrata.
Cando viñeron a buscar aos sindicalistas
Non protestei.
Porque eu non era sindicalista.
Cando viñeron a buscar aos xudeus
Non pronunciei palabra
Porque eu non era xudeu.
Cando ao remate viñeron a buscarme a
Min
Non había ninguén mais que puidera protestar”.


Escrito hai tanto tempo, nunhas circunstancias ben diferentes ás actuais, o poema, desgraciadamente, sigue sendo actual.

A liña que une aos nazis de onte e á extrema dereita de hoxe non é delgada. O poema fala dunha estratexia de imposición do terror, de exterminio, unha estratexia que para que triunfe precisa do silencio de moitos. Precisa que moitos, cando perseguen ao que está ao lado, non alcen a voz, non se poñan ao seu carón porque... non vai con eles.

Hoxe o acoso que sofren o vicepresidente 2º do Goberno,Pablo Iglesias, e a ministra de Igualdade, Irene Montero, así como outros membros do goberno, do PSOE ou de Podemos, e activistas de esquerdas e movementos sociais, que en moitos casos nin ostentan cargos nin teñen unha relevancia pública destacable, debe ser denunciado por toda persoa que defenda un marco democrático para a vida política e pública na nosa sociedade.

O acoso a un cargo público nunca se pode xustificar con argumentos tan ruíns como que “vai no cargo”. Un cargo público conleva, entre outras moitas cousas, someterse á crítica pública e a render contas das accións que realice no exercicio das súas funcións, pero non faculta a ninguén a insultar a esa persoa ou a acosala, nin cando exerce o seu cargo nin, menos aínda, cando está no seu ámbito privado.

Pretender xustificar o acoso, a un cargo público, ou a calquera persoa coa que discrepemos, como un exercicio da liberdade de expresión é simplemente unha aberración que non se pode consentir nunha sociedade democrática. Apelar á  liberdade de expresión non pode nunca ser argumento para coartar a liberdade doutro a expresarse.

A estratexia da extrema dereita española é clara. É a estratexia do medo. É a estratexia do fustigamento. O seu modelo de desenvolvemento é coñecido. É a estratexia que usa a extrema dereita estadounidense, por exemplo, no acoso ás clínicas nas que se practican abortos, e que acaba asasinando médicos. É a estratexia da extrema dereita alemá, que acaba incendiando centros de acollida de refuxiados, ou matando aos políticos que lle plantan cara.

Non se pode xustificar o acoso aos políticos progresistas de hoxe no sufrimento que tiveron que pasar quen nos precederon na defensa da liberdade. A política, o exercicio dun cargo público, non pode requerir a condición de heroe. A grandeza da democracia é que esta só require para o exercicio da función representativa ser escollido polos teus iguais, cidadáns do común. A democracia non quere heroes necesita cidadáns, xente normal e corrente, que se implique, que se comprometa cos asuntos de todos... iso é a política, a xestión do común.

A estratexia da extrema dereita é a negación da democracia, a negación dos canles que a democracia brinda para o exercicio da discrepancia, da disensión e substituilos por brutalidade, por violencia, por acoso, por terror...

Frente á estratexia da extrema dereita o silencio nunca é unha opción. Hoxe o silencio de Pablo Casado respecto ao acoso aos líderes de Podemos é tan elocuente como a participación de cargos de Vox nalgúns dos actos que denunciamos. Flaco favor fai ese silencio á democracia en España, seguramente non é unha das súas prioridades. Flaco favor fai tamén ao PP, un sintoma, un mais, da súa incapacidade para pensar como un líder que aspira a gobernar un país.

Poñerse ao carón dos líderes de Podemos, hoxe, para quenes discrepamos con eles en tantas e tantas cousas, non significa en absoluto, compartir a súa forma de pensar, nin un respaldo á sua acción política, partidaria ou institucional. Estar ao carón dos líderes de Podemos significa estar, sin ambiguedades, a carón da democracia, apoiar, sin ningunha dúbida, a necesidade de profundizar nas formas democráticas de facer política, reafirmarnos no dereito a discrepar, o noso dereito e o dereito dos que discrepan de nos, defender o dereito a exercer as nosas libertades sin medo. Estar hoxe a carón dos líderes de Podemos, e de calquera que é perseguido ou acosado por defender as súas ideas, as compartamos ou non, significa dignificarnos como sociedade, recoñecernos como comunidade cívica de respecto á diversidade.

O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162
O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.