Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2020 | Actualizada ás 21:30
Fin de verán cargado de especies salvaxes nas rías galegas. Ó avistamento dun grupo de orcas acontecido nos últimos días súmase agora dous vídeos tomados na costa de Noia na que se aprecia a polo menos un exemplar de golfiño. Fontes consultadas por GC, e que foron testemuñas destes avistamentos, indican que se trata dun animal "moi dócil" que xa foi vistos pola zona nas derradeiras semanas.
En ambas metraxes apréciase como os autores dos vídeos interactúan directamente co golfiño. Porén, e segundo alerta o investigador Bruno Díaz, fundador e director do centro Bottlenose Dolphin Research Institute, este é un comportamento "a evitar" polos bañistas. "Non debemos esquecer que se trata de animais salvaxes, non son peluches. Non é boa idea tocalos ou darlles unha aperta", apunta.
PERIGO
Neste aspecto, o académico lembra que "nalgúns casos poden chegar a medir máis de tres metros e pesar máis de 300 kilogramos", unhas dimensións que, aínda no suposto de que non pretendan atacar ós bañistas, poden xerar situacións de perigo. Por riba, o código legal español contempla unha protección para estes tipo de cetáceos que impide achegarse a menos de 60 metros a todos os bañistas, de acordo cun Real Decreto de 2007, "pioneiro" en Europa, segundo Díaz.
ANIMAIS RESIDENTES
Segundo destaca o investigador, a presenza de golfiños nas augas galegas é habitual porque "Galicia conta con grupos residentes", é dicir, que permanecen nos mares galegos "de xaneiro a decembro, todo o ano". Neste aspecto, os golfiños marcan distancia con outro tipo de cetáceos, que, como é o caso das orcas, tan só se atopan en Galicia de xeito estacional, coincidindo co paso destas na procura de presas que migran.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.