Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 09:35
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia denuncia que, en España, só 5 comunidades teñen regulada a figura de educador/educadora social nos seus sistemas educativos: Extremadura, Castilla-La Mancha, Andalucía, Baleares e Canarias. "Os Gobernos de cada Comunidade, con distintas prioridades políticas e diferentes sensibilidades cara os dereitos da Infancia, deben abordar xa a intervención socioeducativa na escola desde a acción da educación social", indican.
A longa lista de problemas e realidades que hai que xestionar nos centros educativos aconséllano: convivencia, absentismo, maltrato, violencia, desigualdade, diversidade, carencia de recursos, etc. Os centros educativos necesitan con urxencia facilitadores no social e no educativo que sexan ponte entre dentro e fóra das paredes da aula.
Extremadura é a primera comunidade que toma a iniciativa en España no ano 2002. Na actualidade todos os cursos de secundaria desta autonomía contan con profesional da educación social.
Javier Pérez é profesor técnico de Servizos á Comunidade en Extremadura. A súa tarefa enmárcase dentro do Servicio de Programas Educativos. A experiencia de 18 cursos co traballo activo do profesional da educación social fixo que en Extremadura sexan profesionais de referencia imprescindibles no sistema educativo. “Os profesionais da educación social convertíronse nunha figura de referencia nos centros educativos”, afirma.
"A figura do profesional da educación social é un referente próximo para as nenas, nenos e adolescentes, o que facilita o seu traballo e beneficia a todos”, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.