Por salvemoscabana (http://www.salvemoscabana.blogspot.com) | GC ABERTO | 30/03/2013
'Salvemos Cabana' naceu como plataforma veciñal tras unha serie de reunións de amigos, veciños e familiares de Cabana de Bergantiños a finais do pasado agosto ao coñecer os detalles da explotación a ceo aberto que Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater pretendía instalar na nosa bisbarra con dous grandes retos: informar con discrección e actuar de xeito eficiente. Conforme pasaron os meses recibimos numerosos apoios dentro e fora de Galicia.
As primeiras medidas foron de índole práctica, creando unha web sinxela e fácil de ler (a primeira que se fixo relativa á mina de Corcoesto) que puidese informar a todas aquelas persoas interesadas en coñecer a grandes rasgos os detalles do proxecto e os impactos da megaminaría sobre a saúde humana e o medio. Por aquelas datas iniciouse tamén a tarefa informativa a través de twitter coa conta @salvemoscabana (tamén a primeira sobre este tema). A opción de facebook desestimouse dende un principio polos problemas derivados desta rede social e os indicios que podía dar para o seguimento das nosas actividades por parte da empresa mineira e os seus partidarios.
Nese momento preparouse tamén a petición ao Presidente da Xunta en change.org, redireccionada dende www.ouroimpuro.multired.net e que hoxe acumula máis de 22.200 firmas contra o proxecto mineiro. Posteriormente, tamén fomos partícipes da petición do biólogo e investigador do CSIC Serafín González na recollida de firmas contra a minaría contaminante, apoiando en todo momento a iniciativa.
A nivel social, realizamos dende o principio unha dobre tarefa, tentando informar de xeito directo ou indirecto aos nosos veciños e á xente interesada tentando sempre evitar as confrontacións e protexendo ás nosas familias. A nivel público, o pasado 16 de novembro organizamos na localidade de Santa Comba a primeira xornada celebrada sobre minaría tóxica en Galicia, á que seguiron 15 actividades máis dirixidas tanto a xóvenes coma a público adulto, as últimas celebradas fai escasos días na Mariña luguesa e en terras asturianas primando, como dende o primeiro momento, a información e a discrección.
Na esfera pública, comezamos a finais de decembro, cando se confirmou da aprobación por parte da Consellería de Medio da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto mineiro. Ata ese instante apenas sairamos a prensa pero valoramos que era o momento idóneo para facelo ao considerar que a aprobación do proxecto podía ser inminente. Dende entón, actuamos de xeito constante en medios para denunciar os manexos da empresa mineira e aos seus defensores, as carencias ambientais do proxecto e os riscos que supón para a poboación, traballando sen descanso na elaboración dun plan de alternativas laborais que foran viables para a nosa zona.
A loita contra a insensatez deste proxecto mineiro ten tres fundamentos: a información, o asesoramento técnico e a acción a nivel xudicial. Sen considerar de xeito simultáneo os tres parámetros, calquera outro xesto non pasa de ser unha busca de notoriedade máis ou menos interesada que remata por beneficiar únicamente a quenes defenden unha iniciativa que pode carrexar graves consecuencias a medio e longo prazo a nivel socioeconómico e ambiental para a Costa da Morte e a Bisbarra de Bergantiños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.