Emprendedores na pandemia: estes son os “tolos” que se lanzan á piscina en plena crise

O confinamento obrigou a moitos galegos a deter os seus plans empresariais. Algúns tiraron a toalla, outros seguiron mesmo nos sectores máis afectados, entre eles o turismo e a hostalaría. Estas son as súas historias.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-E non houbo quen che dixera que era mal momento?

Evolución do número de empresas en Galicia. EPDATA
Evolución do número de empresas en Galicia. EPDATA

-Buf... case que todo o mundo.

A resposta repítese en múltiples conversas. Dáa Martín Padín, que ten en marcha unha empresa de servizos agrarios en Cambados, e tamén Tania Fernández, que leva menos dun mes cun centro de estética orgánica en Ourense. Non é para menos. Tania e Martín forman parte dos máis de mil galegos que nos últimos meses deixaron a un lado o “medo” -que aínda hoxe recoñecen- e fixeron o impensable: botar a andar unha empresa no cerne da crise máis profunda e impredicible dos últimos tempos.

Por suposto, os plans de ambos emprendedores xa estaban en marcha antes do comezo da actual situación sanitaria. “Xusto ó mes seguinte de escoller o local chegou o confinamento e parouno todo”, explica a empresaria afincada en Ourense. A súa testemuña reflicte a situación de centos de galegos que, coa entrada do estado de alarma, preferiron aprazar os seus plans empresariais á espera dun contexto máis estable.

O resultado deste parón foi unha parálise histórica que só comezaría a remitir co levantamento das restricións á mobilidade. Así o amosan as cifras do rexistro mercantil ofrecidas polo INE. Se en marzo foron constituídas un total de 296 empresas -unha cantidade semellante á do ano pasado- en abril apenas se detectaron 92 sociedades, un 75% menos que en 2019. A seca empresarial daría á súa fin coa nova normalidade, chegando incluso a marcar cifras positivas nos meses de xullo e agosto.

O turismo foi unha das actividades que máis se resentiu coa pandemia. Con todo, seguen a nacer empresas dispostas a explotar o tirón de Galicia. EUROPA PRESS
O turismo foi unha das actividades que máis se resentiu coa pandemia. Con todo, seguen a nacer empresas dispostas a explotar o tirón de Galicia. EUROPA PRESS | Fonte: ELISA PIÑÓN - Arquivo

Aínda que o rexistro mercantil foi declarado servizo esencial e non chegou a pechar durante a pandemia, os datos dan a entender que moita xente se botou para atrás ante unha situación de incerteza e inminente crise. Unha ollada rápida ó BORME abonda para comprobar que os boletíns deses meses son un ermo de empresas a medio constituír, sociedades que a día de hoxe contan con administrador e domicilio social pero carecen de páxina web ou mesmo teléfono.

IDEAS NOVAS PARA ESQUIVAR A CRISE

Fronte ós que se botaron atrás, tamén existen os emprendedores que aproveitaron os meses baixo o estado de alarma para “reflexionar” e sacar adiante unha idea nova. Ese foi o caso de Raúl Enjo, un galego con experiencia no turismo que no mes de marzo decidiu lanzar -xunto coa súa parella- unha empresa de visitas guiadas. “En principio íase tratar dunha axencia convencional pero nos meses do confinamento estivémoslle dando á cabeza e sacamos un scape urbano”, explica en referencia a “unha especie de xincana na que os turistas visitan a cidade a través de probas”.

A idea, sostén Enjo, resultou sendo un éxito: “funcionou moi ben. Podemos dicir que valeu ata para salvar o verán, porque as visitas guiadas xa nin dan beneficio da pouca xente que vai”. Con esta baza, o emprendedor galego ve con mellores ollos un futuro que a priori se debuxaba moi negro. “Esta idea serviunos para chegar a xente de Santiago e Galicia, co cal temos a esperanza de poder seguir traballando en tempada baixa. De todas as crises saen boas ideas”, celebra.

A HOSTALARÍA, NA CORDA FROUXA

O “risco” que se detecta nas iniciativas tomadas estes meses agrávase en casos como o de Enjo, que recoñece que escolleu “o peor ano da historia do turismo” para lanzar a súa aposta. “No banco ríronse de nós por montar unha empresa de turismo na pandemia. Chamábannos os >”, relata. A situación é semellante para os escasos emprendedores que quixeron probar sorte noutro dos sectores máis damnificados pola covid-19: a hostalaría.

“En Galicia hai moitos sitios onde fan polbo, pero nesta zona, que é máis industrial, faltaba unha, e non nos botamos atrás coa pandemia”. As palabras son de Mar Varela, que nos últimos meses comandou a odisea de poñer en marcha un restaurante en plena crise. Varela recoñece as “dificultades” sufridas –“hai veces que te arrepintes de ter dado o paso”, asegura- pero tira de experiencia fronte ás adversidades. “Levo 40 anos neste negocio. A hostalaría xa viviu moitas crises: a do 82, a das vacas tolas, a do 2008...”. 

O único que lamenta a hostaleira son as “complicacións engadidas” que veñen por atoparse o seu negocio en Arteixo, unha das zonas máis afectadas polas restricións da Xunta. “Cando reduciron o aforamento pasamos a facturar menos do 10% do que sacabamos antes. E mentres tanto os gastos quedan igual”, recorda.

COMERCIO ONLINE E AGRO, EN ALZA

Mentres os negocios con maior presencialidade quedan á deriva na pandemia, o mercado online vén de sufrir un crecemento que empresarios como Rafael Chía souberon aproveitar. Rafael, que ata hai pouco vivía dunha tenda de telefonía en Noia, viuse obrigado a dar o salto ó dixital logo de “máis de tres meses parado e sen axudas”. “A tenda online era un proxecto secundario que tiña de fai tempo. Pensaba sacalo a dous ou tres anos vista, pero coa pandemia houbo que acelerar porque non quedaba alternativa”.

Aínda que recoñece que “agora mesmo a cousa está parada”, confía na boa marcha do negocio -dedicado á venda de compoñentes informáticos- co paso dos meses. “O mercado online sempre vai ir para arriba. No tema da informática as tendas en liña teñen máis variedade e prezos máis competitivos que as físicas”, asegura.

Da man do comercio dixital, o agro foi outro dos sectores que -á imaxe do campo en xeral- gañou peso coa pandemia. Así o destaca Padín, que olla con seguridade o futuro da súa firma de vendima e servizos fitosanitarios, entre outros. “Meterse nunha empresa na pandemia é complicado, pero ó final o coidado das viñas vai seguir aí, independentemente de como se venda o viño”.

"PROBLEMAS" COA ADMINISTRACIÓN

Todos os empresarios consultados por GC coincidiron na existencia de “problemas” á hora de levar adiante as xestións administrativas para constituír as sociedades nos meses pandemia. “Co parón, a administración comezou a funcionar telematicamente e logo resultou que moito do papeleo que arranxamos non o recoñecían porque fora asinado online”, explica Tania Fernández.

A experiencia de Tania é paralela á expresada por Padín, que denuncia a demora dos trámites. “Temos a sociedade a medio constituír porque a administración ao traballar telematicamente vai máis lenta”. Os conflitos derivados do “papeleo” impediron que boa parte dos emprendedores consultados comezaran a súa actividade a tempo para aproveitar o verán, unha circunstancia que pode sumar problemas a unha situación xa delicada de por si. En palabras de Raúl Enjo: “toca facer números. Todas as empresas están tentando aguantar ata o ano seguinte coa esperanza de non destruír postos de traballo. É o que nos queda”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Temos un tuit para Feijoo, e cicais unha solución de futuro para moitos emprendedores en Galicia (?) https://twitter.com/00Gamela/status... As vellas políticas non servirán de nada en tempos de pandemia ! Cómpre Valentía !!!