Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/03/2013 | Actualizada ás 11:10
"Que ningún pretendido intento de amedrentarme me freou no desempeño do meu labor na defensa dos intereses xerais e crítica daquilo que non considero apropiado, porque a miña traxectoria persoal e profesional permíteme ter a conciencia moi tranquila e actuar en consecuencia". Esta é unha das frases dun comunicado que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, acaba de facer público tras a publicación por parte de El País dunhas fotografías nas que aparece co coñecido contrabandista Marcial Dorado.
Feijóo non nega en ningún momento a súa amizade con Dorado pero aclara que todas as veces que coincidiu con el "foi por coincidencia cun compañeiro de traballo da miña mocidade, e nun contexto de lecer, nunca no ámbito das miñas responsabilidades laborais". Ademais insiste en que no momento desas fotografías "non fora condenado por ningunha das causas polas que anos despois o foi".
O presidente galego destaca que rompeu o contacto con Dorado cando tivo coñecemento de que mantiña causas abertas coa Xustiza. Insiste, ademais, que se trata dunhas fotografías de mediados dos anos noventa, cando tiña arredor de 34 anos. "Non me sorprende a súa publicación porque desde hai xa anos, supoño que coa intención de amedrentarme, fixéronme chegar mensaxes privadas e insinuacións públicas de que se farían chegar aos medios de comunicación", engade e puntualiza que, a pesares da súa publicación, "tampouco logrará frearme no desempeño do meu compromiso cos intereses xerais".
Accións contra El País
Sen embargo, Feijóo anuncia que actuará contra el Pais para defender a súa honra e "contra aqueles que pretendan valerse da publicación destas fotografías para difamarme ou poñer en cuestión a miña traxectoria persoal e profesional e o meu compromiso cos intereses xerais e contra a ilegalidade"
"Segundo teño entendido, --as fotos-- forman parte do material requisado nun rexistro a Marcial Dorado, anos despois, e que foron descartadas en diferentes operacións xudiciais por irrelevantes". "Despois dunha longa traxectoria política e catro anos como presidente, o único co que creron poder amedrentarme foi co morbo dunhas fotos da miña mocidade e a través do dano persoal; o que me permite actuar coa tranquilidade de poder dicir a verdade sempre e neste momento", engade.
Feijóo non é o primeiro presidente ao que se lle acusa de estar con contrabandistas. Hai uns meses tamén saltaron unhas fotografías de Rajoy no barco dun coñecido contrabandista galego.
Dorado xa era contrabandista
Segundo publica El Pais, Dorado e Feijóo foron amigos durante uns anos. Un acabou á fronte do Goberno galego e o outro no cárcere por narcotráfico. A pesares do que afirma Feijóo, o xornal mantén que, neses anos, Dorado xa era moi coñecido polas súas actividades como un dos xefes do contrabando de tabaco en Galicia, e Feijóo ocupaba destacados postos na Administración sanitaria, primeiro na autonómica e logo na estatal. A relación incluíu invitacións a Feijóo á casa e ao barco de Dorado, ademais de viaxes que realizaron xuntos.
Naquela época o contrabandista fora detido dúas veces: en 1983, na primeira gran redada contra o negocio ilegal do tabaco nas Rías Baixas, e en 1990, por orde do xuíz Baltasar Garzón, dentro da Operación Nécora, aínda que logo excarcerárono e non chegou a ir xuízo. Anos despois da súa relación con Feijóo, Dorado foi arrestado por narcotráfico e agora mesmo atópase no cárcere cumprindo unha condena a 14 anos.
El País reuniuse con Feijóo o pasado día 20. Nesa reunión o presidente da Xunta puido ver as fotos ás que tivera acceso este xornal e ofreceu a súa versión dos feitos. O xornal sinala que obtivo as fotos días antes, pero non contactou co líder conservador galego ata que comprobou a veracidade das mesmas. Feijóo e o contrabandista coñecéronse a través do que fose durante anos home de palla deste último nos seus múltiples negocios, Manuel Cruz López "logo falecido en accidente de tráfico", militante do PP en Ferrol e chofer oficial de conselleiros da Xunta como José Manuel Romay, principal impulsor da ascendente traxectoria de Feijóo como xestor na Administración e da súa meteórica carreira política até o seu nomeamento como sucesor de Manuel Fraga en 2004.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.