Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2020 | Actualizada ás 19:53
En Marea reclamou o "cesamento inmediato" do director xeral de Defensa do Monte da Xunta, Tomás Fernández-Couto, tras os incendios rexistrados na provincia de Ourense e demandou que o Goberno galego articule "un plan de prevención para evitar estas catástrofes".
Nun comunicado, a formación tachou de "irresponsable" ao número un do departamento de Defensa do Monte e reprobou que declarase "que sabía o que ía pasar" mentres ardían a "riqueza" e o "patrimonio" de localidades da provincia de Ourense.
Neste sentido, En Marea afirmou que "a solución para a problemática dos incendios pasa pola política territorial" e insistiu na necesidade de que se adopten "medidas reais e a longo prazo" para previlos.
Mentres, lamentou que a "única política" da Xunta consista en "esperar que a choiva apague os lumes", polo que a tachou de "incompetente e neglixente".
Nesta liña, a formación recalcou que se trata dun problema que afecta a "todo o territorio" e cuxa solución pasa por "reconducir o abandono da actividade agrogandeira e o despoboamento do rural", así como por "acabar coa eucaliptización e o monocultivo no monte".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.