A Covid e os cárceres: Que apodrezan todos aí!

Está xa próxima a festa de “A Mercé”. Así reza o lema: Ave, Sancta Mater captivorum omnium, et ora pro nobis”. A nosa Señora da Mercé é de moi antigo a Padroeira dos presos. Trinitarios, Mercedarios e redención de captivos. Diso xa fala Cervantes no Quixote.

Por Xaquin Campo Freire | Ferrol | 17/09/2020

Comparte esta noticia

E con motivo desa memoria, o 24 de setembro, celébrase a festa nos cárceres, se é que nos cárceres pode haber festa algún día. E menos agora.

Cárcere da Torre
Cárcere da Torre

Este é o día para entregar as condecoracións aos funcionarios polos servizos recoñecidos.
Tamén os diversos voluntariados reciben as honoríficas medallas civís ao Mérito Social Penal «pola realización de servizos de relevancia, creación de entidades colaboradoras na reinserción e resocialización dos reclusos ou polo extraordinario apoio prestado á Administración penal, así como pola súa contribución á mellora da actividade penal en calquera das súas manifestacións».

No ano 2015, «caeume» a min unha medalla de bronce. Digo ‘caeume’, porque é moi semellante á lotería: «cáeche».

A historia é sinxela. En resumo foi así. No 2009 intentei visitar un fregués que sufría reclusión no cárcere de Teixeiro, (A Coruña), por algo que normalmente se tería de resolver e solucionar na mesma comunidade sen necesidade de romper a vida de toda unha familia.

D. Manuel García Souto era o capelán titular. E foi pola súa mediación como se me facilitou a entrevista. Estoulle agradecido. Ao saírmos, cunha paz e serenidade que me impresionaron, convidoume a botar unha man no cárcere. Na diocese de Mondoñedo-Ferrol non tendes cárceres. Pero si moitos presos e moitas familias de reclusos cheas de angustias, sufrimentos e problemas. Sempre será mellor unha axuda en proximidade, xa que nós sendo da Arquidiocese de Santiago, ficamos máis lonxe. Aceptei sen dubidalo. Fíxenme voluntario. Logo veu a entrega a uns irmáns que, como lle dixo Xob a Deus: Ata agora “coñecíate só de oídas, pero agora víronte os meus ollos. “(Xob 42,5). Ese día agasalláronme cun décimo premiado. E aí sigo. En min non hai máis mérito.

Logo, tamén D. Dionisio, o educador do módulo 7, me honrou coa súa vida e amizade, que resultou ser outro décimo da Primitiva con premio extraordinario. Axudoume a ir entendendo e descubrir como mellor botar unha man. Incluso cos reclusos enfermos internados na unidade de custodia no Hospital de A Coruña.

Teño de ser sincero e honesto con iso do «Mérito Social Penal». Non sei de quen foi a idea, pero o mérito meu é ben pequeno. En todo caso é do conxunto dos que participamos nesa tarefa. Porén quero ser agradecido. Relato isto para indicar que hoxe coñezo un pouco o cárcere por dentro. Sobre todo entrei en contacto moi intenso coa persoa de moitos reclusos, das súas familias, de moitas vítimas e tamén co mundo dos ‘xulgadores’, dos legais e de tantos cidadáns que, sen pensalo máis, din, dicimos, coma ese pobre axitador político: “Os presos? Que apodrezan aí!” “Pai, perdóaos, porque non saben o que fan.”( Lc 23, 34). Nin tampouco o que din.

Cáritas e outras entidades solidarias usan moito nas campañas o slogan: “Ponte no seu lugar”. Ese é o mérito. A empatía, autenticidade, consideración positiva, aceptación incondicional, escoita activa, e saber ver cos ollos do corazón. Esas son as actitudes segundo Carl  Rogers.  Vexamos como o expresan os meus mentores espirituais e modelos a seguir:
1. Xesús de  Nazaré. «Estiven no cárcere e viñéstesme a ver». E ao verme, «non torcestes a cara».

2. S. Paulo. (Hb 13, 1-3). «Perseverade no amor  fraterno. Non esquezades a hospitalidade, pois grazas a ela algúns hospedaron a anxos. Tratade e preocupádevos dos presos coma se vós mesmos estivésedes encadeados con eles; preocupádevos dos que sofren, porque vós tamén tedes un corpo».

3. O Papa Francisco: Proclamou o ano da compaixón e úrxenos ao pobo cristián e a toda persoa de ben a ter un corazón de pobre. (Misericordiae  cor).

4. Lembrades a Canción de Poquito?,  aquel pallaso dos  Chiripitifláuticos? «Tengo cinco estrellas, un gato y un libro; tengo pocas cosas, y muchos, muchos amigos»

 Eu tamén teño moitos amigos. Mérito voso. Grazas a moitísimos amigos do mundo penitenciario. Quero empezar por os e as que sofren reclusión e que están na maior das pobrezas: Coa súa propia conciencia rota e sen autoestima. Sen fama nin amigos; sen saúde e sen nome na sociedade. Cabe máis pobreza? Ninguén os quere. De vós e para vós, amigos presos, son estas medallas que se entregan pola Mercé, polo moito amor e dor que pasades cada día en «La fábrica del llanto y el telar de las lágrimas» , en verbas de Miguel Hernández.
Os cárceres maioritariamente están habitados por pobres, vítimas das máis variadas miserias que nunha grande porcentaxe son enfermos psiquiátricos. Para comprobalo basta con achegarse a estudos serios e acreditados. Un bo número deles están na internet.  

A muller presa sofre, pola mesma causa, tres penalidades a maiores pola súa condición feminina. Hixiene, menos posibilidades de clasificación ao ser un único módulo, menos oportunidades de promoción humana e persoal. E outras que non cito. Non son certamente os tempos de Concepción Arenal. Nin de Lidia Falcón cando no franquismo escribiu: “En el Infierno”. “Ser mujer en las cárceles de España”. A precariedade da muller é máis grande, máis humillante e, por suposto, máis inxusta. E sofre máis a ausencia dos fillos e eles tamén.
Moitos de vós chegastes aquí xa predeterminados por orixe. «Porque el mundo me ha hecho así, porque nadie me amó»  Se eu nacese e vivise nesas circunstancias tamén estaría aquí. E non me gustaría que ninguén, ninguén, me estivese a desexar que podrecese no cárcere. Nin llo desexo a eles, aínda que mo digan.

E quero ter moi presentes aos ‘nosos’ funcionarios. Unha profesión moi dura e que produce  burnout: "a síndrome do traballador queimado" relacionada cunha resposta de tensión crónica no traballo. Xeralmente, caracterízase por un progresivo esgotamento físico e mental, falta de motivación absoluta, entre outros.” Hainos autenticamente  vocacionados e cunha entrega encomiable. Son testemuña. E doulles as grazas a quen o fai ben.

A  COVID 19 E O CÁRCERE

Non nos imaxinamos como se acrecentan os medos, a rixidez na disciplina xa de seu dura e difícil, o silencio, as tensións crecentes, a soidade, a privación de comunicación cos familiares, o aumento das máis e máis variadas pobrezas, perda de actividades, medo á morte, perdas de esperanza, prantos, etc.  

Menos mal que lles facilitaron teren máis comunicacións polo telefone.

“Mira, oh! Que apodrezan aí!” Cando ti, amigo ou amiga, político ou  proclamador de palabras grosas desa guisa, que por algunha razón es ou estás preso/presa da túa falta de equilibrio verbal persoal, aprende que no teu mesmo interior está a podrecer o ser humano por unha falta da sindérese máis imprescindíbel para responder de verdade aos grandes retos deste mundo que dicimos querer cambiar.

Moitas veces buscamos compensacións para a nosa  autoescoita. Non amigo. Iso xa o fai Trump. Non o tomes de modelo. Niso que proclamas estás a clamar a berros as túas propias doenzas. Pero fas dano. Moito dano. E estaste  autodestruíndo. Por iso reitéroche as palabras de Paulo: “Tratade e preocupádevos dos presos coma se vós mesmos estiverdes encadeados con eles; preocupádevos dos que sofren, porque vós tamén tedes un corpo”.

Prefiro mirarme no espello constitucional, que agora tanto a invocamos. Art. 25, § 2: “As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara á reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados. O condenado a pena de prisión, que estiver a cumprir a mesma, gozará dos dereitos fundamentais deste Capítulo, fóra dos que se vexan expresamente limitados polo contido do fallo condenatorio, o sentido da pena e a lei penal. En todo caso, terá dereito a un traballo remunerado e aos beneficios correspondentes da Seguridade Social, así como ao acceso á cultura e ao desenvolvemento integral da súa personalidade.”

Tamén este é un espello no que mirar a nosa propia personalidade individual e comunitaria e seguramente atoparemos reflectidas, xunto cos avances e acertos, bastantes patoloxías sobre todo psicosociais a remediar sen tardanza.

Aumentan exponencialmente nestes intres a cantidade, modelos e tipos de prisións de tantas clases que estamos a padecer nesta nosa sociedade de cada día, co perigo de podrecermos todos sen remedio se non atopamos camiños acertados: as residencias dos nosos anciáns, todas as institucións educativas de infancia, adolescencia, mocidade; mundo do traballo, paro, subemprego, explotación de persoas en condicións de escravitude, abusos, violencias, maltrato e malos tratos a nenas/nenos, mulleres, anciás e anciáns, discapacitados, etc.

Resultan escandalosos os argumentos esgrimidos, hai poucos días, para evitar o control da pandemia nos centros de prostitución ‘autorizados’. Non xa por defenderen ás persoas alí atrapadas, explotadas e prostituídas, senón porque os  prostituidores e usuarios poderían quedar ao descuberto e non colaborarían para seguir o fío da cadea dos  contaxios. Hipocrisía pura. Xa sei que a análise deste ‘negocio’ é moitísimo máis complexo e complicado e que non está ao alcance dun artigo, nin sequera dos grandes rotativos. Non se quere? Non se pode? Non se sabe? Preguntaría  Epicuro.

 “Aporofobia (ἄπορος  áporos ‘pobre’, φόβος  fóbos ‘medo’) é o medo e rexeitamento cara á pobreza e cara ás persoas pobres. É a animosidade, hostilidade e aversión, respecto das zonas ou barrios carenciosos e relacións coas persoas pobres, ou sexa, fronte a aquelas persoas que se atopan desamparadas e con moi poucos recursos”. E é un perigo crecente nas novas pobrezas que se nos aveciñan.“Mira, oh! Que apodrezan aí!” Non, amigo. Non estou de acordo. Tamén niso hai mostras dunha radical aporofobia.

Canta necesidade temos de celebrar, cada un ao seu modo, a Festa da Mercé:  Mater  captivorun. E con canta humildade teremos de rogar: Ora pro nobis!

En Ferrolterra temos ademais outros catro motivos de achegármonos e celebrarmos A Mercé. Cada un deles con lembranzas entrañábeis:

1.- O Pazo d’A Mercé, en Neda e D. Paco da Mercé. Cantas lembranzas daquel médico que sufriu tanta represión nas propias carnes por ser ante todo humanitario. “O médico dos pobres”. Que cobraba 15 pesetas, se llas podías dar. Tiven a sorte de tratalo. Un modelo.

2.- A Capela da Mercé en Cervás e o Voto de Chanteiro tan vencellado ao Muelle, a Ferrol Vello e á Parrocheira. Diso hai xente máis documentada ca min para renovarnos a memoria.
3.- E logo dúas comunidades Mercedarias: O Colexio Tirso de Molina, en Amboage, agora con Confraría. Lembro ao P. Felipe e ao P. Laka. Por aquí pasou tamén o biblista Pikaza.

4.- E o Colexio de Fajardo. De onde saíron tamén moitas xeracións de mestras e enfermeiras, aínda en tempos das nosas acordanzas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.