Juan Gestal (epidemiólogo): "A covid pódese transmitir ata a 8 metros de distancia en espazos pechados"

O profesor avisa de que a chegada do outono supoñerá un "risco engadido" porque non todas as máscaras protexen correctamente en espazos pechados. Defende que "no mellor dos casos" haberá unha vacina "ben avanzado" 2021 e avisa: "Galicia debe mellorar a vixilancia epidemiolóxica, temos moita transmisión comunitaria"

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nin tan sinxelo nin tan rápido. Juan Gestal (Muros, 1947) resta, con cada resposta, un chisco do optimismo que as autoridades veñen vertendo nos últimos meses sobre a visión pública da pandemia. Para o epidemiólogo galego, a covid-19 non só vai para longo: tamén reviste moita máis facilidade de contaxio da que nos adoitan contar e para a que estamos preparados.

O epidemiólogo Juan Gestal, á dereita
O epidemiólogo Juan Gestal, á dereita | Fonte: Europa Press.

As semanas vindeiras, marcadas polo regreso ás aulas e o retorno xeral á actividade, serán críticas tanto para Galicia como o resto de Comunidades Autónomas. Dende finais de xullo, o territorio galego vén rexistrando un incremento sostido dos casos de covid-19, que xa a finais do mes pasado superaron o récord do confinamento, sempre que sexa tido en conta o cambio no criterio de cómputo por parte do SERGAS.

Ante estas datos, Gestal destaca que Galicia leva na segunda vaga de covid "dende mediados de xullo". "Posiblemente debemos estar xa chegando ao cumio dela", puntualiza. Aínda que o profesor sinala que "é moi difícil saber o que vai ocorrer nos próximos meses", adianta que outono e inverno traerán unha dificultade engadida: o regreso a espazos pechados.

Esta circunstancia, destaca o experto, supoñerá un "risco engadido" para a poboación."Varios casos acontecidos nos últimos meses indican que, se estes lugares non están ben ventilados, hai perigo de que o virus se siga propagando aínda mantendo a distancia, cumprindo coa hixiene de mans e levando máscara, a non ser que sexa unha FFP2". Segundo explica Gestal, esta posibilidade -que deixaría nunha situación delicada a alumnos e profesores de cara ó curso escolar- ten relación con que a covid non só se transmite "por pingas".

UNHA TRANSMISIÓN DA QUE "NON PROTEXEN" ÁS MÁSCARAS

Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos
Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

"Penso que estamos cometendo un erro grave non tomando máis en serio a transmisión por aerosois", pondera Gestal. A diferenza da transmisión por pingas, a dispersión por aerosol implica que o virus pode permanecer flotando no aire e desprazarse distancias longas. "En moitos brotes en lugares pechados houbo transmisións a distancias de mesmo 8 metros", destaca o profesor.

A problemática estriba en que as distancias de seguridade requiridas polas autoridades son marcadamente máis reducidas, oscilando entre o metro e medio e dous metros. Por riba, apunta Gestal, a maioría de máscaras que empregamos non protexen fronte aos aerosois. "Como se explica que estando toda a poboación enmascarada continúe difundíndose tanto e a tanta velocidade a enfermidade? E nas residencias de maiores coas medidas de control impostas?", pregúntase o profesor.

Ante estas dificultades engadidas, o consello de Gestal pasa pola "ventilación dos locais pechados, a baixa ocupación dos mesmos, a menor estancia posible e extremar o resto das medidas de prevención". Á parte, o epidimólogo destaca a eficacia das máscaras con filtro de partículas FFP2 fronte ó resto das dispoñibles no mercado: "as persoas vulnerables, para estar protexidas adecuadamente, deben usar estas", destaca.

A VACINA, "EN OUTONO DE 2021"

A protección contra a covid non é baladí porque, segundo explica o epidemiólogo, é posible que teñamos que convivir co virus "aínda un par de anos máis". Nas últimas semanas sucedéronse os anuncios por parte do Goberno que apuntaban á chegada das primeiras doses de vacina no vindeiro mes de decembro. Gestal discrepa das previsión do Ministerio de Sanidade: "decembro é un prazo moi curto. No mellor dos casos teremos vacina no 2021 xa ben avanzado".

O profesor emérito vencella esta demora ós propios prazos dos ensaios, que "van ao seu ritmo". "Aínda que se trata de acurtar fases cando é posible, a fase III [na que se pon a proba a súa eficacia protectora nun grupo moi numeroso de poboación] necesita o seu tempo", destaca o epidemiólogo, que insiste nun prognóstico máis conservador: "se dispoñemos dela para vacinar cara o outono-inverno do próximo ano estaría moi ben".

Ás dificultades nos prazos da vacina únese o feito de que a eficacia desta "non será do 100%. "A OMS, dada a situación de pandemia, marcou un límite do 50% na eficacia protectora das vacinas para a súa autorización. Confío en que as que se poñan no mercado teñan aínda unha eficacia maior", puntualiza o epidemiólogo. Partindo desta eficacia, Gestal marca como obxectivo vacinar a unha grande parte da poboación para acadar a chamada "'protección de rabaño'", na cal o virus deixaría de circular. Porén, esta circunstancia non chegará ata contar cun "60 ou 80% de pobación inmune".

O PAPEL DOS ASINTOMÁTICOS

Máis alá das vacinas, o covid-19 vén de conformarse como un virus de impacto histórico polas dificultades que as autoridades sanitarias teñen para controlar o seu espallamento. Estas complexidades deriva, en boa medida, do papel que teñen na súa transmisión os portadores "incubacionarios e os sans", é dicir, os coñecidos como asintomáticos. "Arredor do 44% dos contaxios teñen lugar na fase pre-sintomática", destaca Gestal.

 

Ante esta circunstancia, o profesor apunta como medida de prevención "mais efectiva" o rastrexo epidemiolóxico, que debe ser "o mais amplo posible", para localizar "ao maior número de fontes de infección asintomáticas". Deste xeito sería posible "cortar as cadeas de transmisión ocultas da enfermidade", un labor no que o goberno galego suspende.

 

"MOITA" TRANSMISIÓN COMUNITARIA EN GALICIA

 

"Galicia ten que mellorar moito a súa vixilancia epidemiolóxica, sobre todo no referente ao rastrexo dos contactos e na busca dos asintomáticos", destaca Gestal. O profesor pon cifras ó problema: "A porcentaxe de asintomáticos que estamos detectando é do 66'8%, aínda moi elevada", destaca. A media de España, segundo Gestal, sitúase no 53%, tamén por moi por riba do 5% sinalado pola OMS para poder falar de "control" da enfermidade.

 

"No 79'4% dos casos de Galicia non se determinada a fonte da infección. A media nacional é do 43'7%" 

 

Gestal explica esta barreira do 5% nos termos seguintes: "Cando se pon en marcha o rastrexo a porcentaxe de asintomáticos que se detecten debe aumentar ata chegar a un punto no que, mantendo o esforzo de busca, comeza a descender. Canto máis esforzo de busca se faga antes se acada o cumio e se descende mais rápido".

 

Neste sentido, o feito de estar rexistrando unha porcentaxe "tan alta" en Galicia indica, para o profesor, a existencia de "moita transmisión comunitaria". Esta problemática apréciase tamén nos datos de rastrexo: "no 79'4% dos casos de Galicia non se determina a fonte da infección, a moita distancia da media nacional, un 42'7%", analiza.

 

Con todo, destaca o profesor, Galicia si detenta unha "mellor" posición epidemiolóxica que o resto do estado en valores como a incidencia acumulada ou o número de casos dispoñibles. Nesta circunstancia podería influír, por outro lado que a situación de España dentro de Europa sexa "moi mala". "Quizás sexamos o pais que peor está e que peor respondeu á pandemia, tanto na primeira vaga como agora na segunda" apunta o profesor "tanto a nivel das institucións como nos comportamentos incívicos de algúns colectivos cidadáns". 

 

Nesta situación de incerteza, a recomendación de Gestal pasa por cumprir as recomendacións sanitarias e evitar os espazos pechados con mala ventilación. O epidemiólogo evita descartar que a covid poida quedar como unha enfermidade residual para o resto da historia. "Isto ninguén o sabe. Hai catro coronavirus que producen catarro común e que están con nós dende hai moitos anos. Pode este novo SARS-CoV-2 quedar? Xa veremos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gestal Farmafioso

Cuando se descubra la verdad, nos acordaremos de Juan Gestal y de sus paseillos por la telegaita.