Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2020 | Actualizada ás 21:50
Novo paso no enfrontamento entre a Consellería de Educación e parte da comunidade educativa ás portas do curso máis difícil que se lembra. A Xunta de Galicia, segundo publica CIG-Ensino, vén de anunciar que manterá os servizos mínimos contestados polos sindicatos para a vindeira folga de profesores, que terá lugar o vindeiro mércores 23.
A medida vén de ser recibida con rexeitamento polo sindicato, que xa na folga anterior levou ante o TSXG a medida de Román Rodríguez por considerar que se trataba dun "ataque" ó dereito fundamental a exercer folga. O TSXG declinou a petición do sindicato e optou pola defensa legal das medidas, que -segundo a formación- impediu que a folga anterior contara cun seguimento amplo.
Con todo, CIG-Ensino xa adiantou que volverá levar ante o máximo tribunal galego a medida, se ben recoñecen que a "vergoñenta" sentencia anterior será replicada "con case total seguridade". "Supoñemos que os maxistrados do TSXG seguirán entendendo que a educación e o dereito á seguridade e á saúde das persoas pasa a un segundo plano diante doutros intereses", destacaron na súa web.
UNS SERVIZOS "MÁXIMOS"
Os servizos mínimos das folgas convocadas neste comezo de curso difiren da regulación de actos semellaentes realizados con anterioridade en tanto que esixen a presenza dun docente por cada aula, circunstancia que, sobre todo nos niveis de educación infantil e primaria, impide que o seguimento das xornadas sexa maioritario. A medida de Educación chega logo de semanas de enfrontamento aberto con parte da comunidade educativa e cando os sindicatos prevían unha adhesión maioritaria ás folgas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.