O 89,5% dos traballadores galegos ven os seus hábitos alimentarios "algo ou nada saudables"

Un 54,9% dos enquisados asegura que o seu traballo é basicamente sedentario.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/09/2020 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

Traballos maioritariamente sedentarios e hábitos alimentarios pouco saudables son dous elementos que, segundo unha enquisa elaborada pola Sociedad Española para el Estudio de la Obesidad (SEEDO), identifican os costumes dos galegos no contexto laboral.

Alimentos vexetais
Alimentos vexetais | Fonte: UVigo.

Esta análise, levada a cabo a nivel estatal sobre unha mostra de 2.000 traballadores, indica que un 54,9% dos enquisados en Galicia asegura que o seu traballo é basicamente sedentario, "pasando a maior parte do tempo sentado e camiñando pouco".

Ademais, sinala que o 89,5% dos traballadores galegos cualifican os seus hábitos alimentarios como "algo ou nada saudables", sendo a comunidade autónoma con maior porcentaxe de España, e tan só o 10,5% cualifícaos como "moi saudables".

"Chama a atención o alto número de traballadores galegos que cualifica o seu traballo como sedentario e, ademais, considera que os seus hábitos son algo ou nada saudables, polo que é fundamental que concienciemos á sociedade sobre a importancia de manter bos hábitos a nivel nutricional no traballo, onde pasamos gran parte do noso día a día", explica o doutor Manuel Gargallo, especialista en Endocrinoloxia e Nutrición do Hospital Universitario Infanta Leonor e da Fundación Jiménez Díaz, e membro da SEEDO.

O experto lembra, ademais, os "rechamantes" índices de obesidade que hai en España e destaca que "está comprobado que é un factor claro de risco para determinadas patoloxías, como a diabetes, as enfermidades cardiovasculares, entre outras moitas, incluída a covid-19". Tamén subliña que, durante o confinamento, segundo datos da propia SEEDO, un 44% da poboación engordou entre un e tres quilos.

"O aumento do teletraballo, o uso de máscaras e o distanciamento social xa son parte do noso día a día e claves para coidar a saúde de todos. Pero, ademais, os hábitos e recomendacións para coidar da nosa saúde nutricional e evitar sobrepeso seguen invariables e debemos telos moi en conta neste atípico regreso ao traballo", esgrimiu.

A IMPORTANCIA DA HIDRATACIÓN

O documento destaca a importancia de contar "unha correcta hidratación" durante o horario laboral e recalca que a auga debe ser a fonte de hidratación prioritaria e o seu consumo debe ser dun a dous litros diarios.

Ademais, sinala que existen outras alternativas interesantes, como a cervexa sen alcol, dado o seu baixo contido calórico e os seus ingredientes e a súa elaboración en base ao proceso de fermentación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta