María José Pereira (epidemióloga): “ter a vacina en decembro sería case un milagre”

A doutora, que lidera a loita anti-covid no CHUAC, alerta dun aumento de casos nos próximos meses e chama á colaboración cidadá para evitar o colapso hospitalario: “a nova normalidade significa renunciar a algunhas cousas”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Agarda un outono difícil. Esa é a conclusión fundamental das impresións que a epidemióloga María José Pereira verte sobre o estado da covid en Galicia. A doutora galega, -xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUAC- manifesta a súa confianza na sanidade pública sen ocultar o clima de incerteza que se respira dende hai meses: "estamos a falar un virus que non coñecemos"

Un investigador realiza probas nun laboratorio
Un investigador realiza probas nun laboratorio | Fonte: MINISTERIO DE CIENCIA - Arquivo

Dentro dos límites marcados por este descoñecemento xeral, as previsión de Pereira -que exerce nunha das áreas sanitarias máis afectadas ata o momento-, debuxan un futuro que incita máis ben ó pesimismo. De acordo coa profesional sanitaria, hai altas probabilidades de que a fin do verán e o regreso á actividade laboral dea forzas ao virus; para o que, polo momento, non haberá vacina. “O prazo de decembro [prognosticado polo Goberno] pode ser un pouco optimista”, destaca.

OS CASOS “SEGUIRÁN AUMENTANDO”

A reactivación do mercado laboral supón un momento clave para Galicia a nivel epidemiolóxico, en especial despois dun mes de agosto no que os casos se multiplicaron por 12, pasando de apenas 308 a 3742 contaxios en catro semanas, como se pode apreciar no grafico a continuación disposto. O máis probable, destaca a doutora, é que a situación vaia a peor. “Independentemente de que nos apliquemos todo o posible parece que os positivos van seguir aumentando”.

A xefa do Servizo de Medicina Preventiva do clínico coruñés destaca que, polo momento, non é posible coñecer aínda a “intensidade ou magnitude” deste incremento de casos. “Se a suba se mantén e o virus circula descontroladamente entre a poboación poderiamos estar falando dunha segunda vaga como tal”, destaca a epidemióloga nunha intervención que contrasta coas ponderacións de expertos como Juan Gestal, para quen levamos na segunda vaga dende xullo.

Segundo apunta a epidemióloga, a problemática da denominación resulta complexa porque a incidencia do virus é desigual nos distintos territorios do Estado e mesmo das Comunidades Autónomas. “A situación de cada área é moi diferente. Hai comunidades cun nivel de circulación que xa podería cumprir os criterios de onda epidémica”. Na Comunidade de Madrid, por exemplo, a incidencia acumulada das últimas semanas achégase ós 350 casos por 100.000 habitantes, mentres que en Galicia a taxa máis elevada atópase en Lugo: apenas 109. 

"Non penso que estea a haber ocultación de contaxios por covid"

Fronte ó caso lucense, A Coruña conta con 60 casos por cada 100.000 habitantes, Ourense 53 e Vigo tan só46; entre as mellores cifras do estado. Pereira subliña, neste aspecto, a súa confianza no sistema de contabilidade de casos de Galicia, que -apunta- está “en proceso de mellorar tendo en conta o aprendido”. “Pódense dar certos problemas como o feito de contar os casos a primeira ou última hora da xornada , porque cambian, pero non penso que estea a haber ocultación de contaxios”.

OS PRAZOS DA VACINA

Máis alá do reconto de casos, a grande incógnita que rodea á enfermidade é, precisamente, cando se contará coa ansiada vacina que permita retomar a vida pre-covid. As primeiras previsións do Goberno central apuntan a dispoñer das primeiras doses para decembro, un prognóstico que Pereira ve “quizais demasiado optimista”. “Contar cunha vacina para decembro sería case un milagre”, explica.

"Aínda que contásemos coa vacina en decembro poderiamos tardar meses en conseguir imunidade de rabaño"

Neste aspecto, a Xefa de Medicina Preventiva destaca a necesidade de non apurar os prazos do medicamento para garantir a súa eficacia. “Todos temos moitas ganas de contar coa vacina pero é importante respectar os prazos para garantir que sexa tan segura como calquera outra”, pondera. Á parte, destaca a doutora, contar con ela en decembro “tampouco implicaría que puidésemos esquecernos do virus”. “Ao comezo a vacinación será selectiva, comezando polas persoas de risco: sanitarios, maiores... Poderiamos tardar meses ata conseguir a chamada ‘inmunidade de rabaño’”, pondera.

Con respecto a este concepto Pereira puntualiza que para ‘vencer’ o virus sería preciso vacinar a unha porcentaxe “moi importante da poboación”. “Esta é unha cuestión que depende da enfermidade. No xarampón, por exemplo, precísase que un 90% da poboación estea vacinada. No caso da covid, penso que deberiamos esixir un 75% de vacinados sobre a poboación total, é dicir, o mesmo que se contempla para a gripe. E a vacina, claro, ten que durar, non poder implicar unha protección dun só mes”, concreta. 

VENTILACIÓN FRECUENTE

Ata contar coa vacina, a doutora destaca a necesidade de seguir as restricións sanitarias impostas polas autoridades. Máis alá de máscaras e distancias, Pereira considera "importante" someter a ventilación frecuente os espazos pechados. “Sabemos que en contornas con ventilación mala ou inexistente o risco de contaxio increméntase”, destaca. En liñas paralelas, a doutora fai un chamamento á responsabilidade cidadá á hora de aceptar medidas como a obrigatoriedade de portar máscaras en acontecementos deportivos federados, que vén de impulsar a Xunta. “A nova normalidade implica renunciar a algunhas cuestións”, valora. 

Ante estas circunstancias, a prevención cidadá resulta clave para evitar o colapso dos hospitais, que en calquera caso enfrontan un outono que se prevé “difícil”. “Xa nos meses do confinamento estivemos traballando 10 veces máis ca de costume”, recorda a doutora, que subliña a complexidade do virus ó que nos enfrontamos. “A covid é, en definitiva, unha enfermidade nova, co cal non temos ningún recordo inmunolóxico que nos permita defendernos dela. Esa é a cuestión”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta