25 anos do 'Valo de Manselle', o muro levantado polos veciños que inspirou un libro

Dodro celebra o aniversario dunha obra que puxo en valor a importancia da acción comunal na aldea galega. "Foi un acto revolucionario", destaca Anxo Angueira, escritor, veciño da vila e autor de "O Valo de Manselle".

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2020 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Ten 90 metros de longo e unha altura mínima de catro. Construído con pedras de cachote en chafrán, o Valo de Manselle é algo máis que un muro. Situado no concello coruñés de Dodro, o Valo de Manselle é un exemplo vivo dese sentir "comunal" que aínda latexa en certas aldeas galegas como era o Manselle "dos anos 90".

Construción do valo de Manselle, 1995
Construción do valo de Manselle, 1995 | Fonte: Anxo Angueira

"No seu momento foi un acto revolucionario", explica Anxo Angueira, escritor e veciño da vila que decidiu retratar o acontecemento no libro O Valo de Manselle. Angueira estivo este venres en Dodro, xunto co resto de veciños "que quedan de entón" para lembrar unha obra que puxo en valor a importancia da acción comunal na aldea galega. "Moitos pensaron que era unha loucura", recorda.

A historia do particular muro de Manselle arrinca en 1995 cando os veciños da vila deciden investir uns aforros da Comunidade de Montes para volver facer practicable un campo de xogos "inmemorial" que estivera ubicado en terreos comunais. A concentración parcelaria rematara trocándoo nun vertedoiro que foi limpado polo Concello tras presións dos veciños.

Con todo, o espazo seguía sen ser utilizable porque estar próximo a un desnivel "moi grande", segundo explica Angueira. "Así non había futuro", razoa. Nestas circunstancias, os veciños acordaron -nunha asemblea comunal- empregar os aforros da Comunidade de Montes para erguer o muro e "protexer a explanada" onde tiñan lugar os xogos. O problema veu porque o orzamento "só daba para a escavación e as pedras do alicerce", recorda Angueira.

2 ANOS DE TRABALLO

"Cada un achegaba o que tiña: auga, pedras... e man de obra"

A resposta dos veciños foi clara: "o valo farémolo nós". Así arrincou unha historia que Angueira describe como "extraordinaria".  "Durante dous anos todos os veciños do pobo -homes e mulleres- se unían os sábados para traballar no muro", recorda. "Cada un achegada o que podía: auga, pedras... e man de obra" , explica.

Angueira lembra con entusiasmo a estreita colaboración vivida na vila: "era unha toma de posición, no político e no cultural, realmente insólita. Non se lle pedía nada ás institucións. Mellor aínda, instaurábase a máis poderosa institución coñecida: a da unidade veciñal". O veciño explica que, ante un feito "extraordinario", tentou reclamar a atención da prensa, sen éxito. "Entón decidín facer o libro para deixar constancia disto", apunta.

RETRATADO NUN LIBRO E UNHA EXPOSICIÓN

Á marxe da obra, Angueira preocupouse de retratar como cada veciño ofrecía "o lombo de cada un"  cunhas fotografías recuperadas para estas xornadas de lembranza. Así, nos actos de memoria ó Valo, que arincan este venres 25, Angueira presentará tanto a reedición da obra O Valo de Manselle -publicada orixinalmente un ano despois da finalización da obracomo a exposición fotográfica que recolle o acontecemento.

A mostra estará composta tanto por fotografías de Angueira como por outras instantáneas da autoría de Rita Bugallo e Eduardo Rivo. "Non lle fan xustiza estas imaxes ó traballo realizado e ós seus protagonistas, algún dos cales, e isto é algo moi inxusto, non está sequera nelas. Probablemente collín a cámara en dúas ou tres ocasións que puiden, porque me parecía que aquilo era un suceso extraordinario que cumpría rexistrar", recorda Angueira.

"A IDEA DO COMUNAL SEGUE LATENTE"

A xornada do día 25 será pechada cunha actuación musical ao cargo de Secho, que irá seguida -xa na xornada do día 26- coa Liga de Bolos de Dodro, que arrincará ás 16:30 no Montiño de Manselle. Dende a organización apunta que as actividades do venres, no caso de chover, serán trasladadas do ó local social do Montiño en Imo.

Angueira confía en que ó acto acuda toda a veciñanza do pobo. "Cando se presentou o libro, na que agora é a Facultade de Filosofía, en Santiago, viñeron todos", explica. "Á xente pareceulle moi rechamanete ver á veciñanza da aldea nun acto literario". O autor recoñece o pasar do tempo e que, por suposto, "o pulso da aldea é menor agora que hai 25 anos, e xa non dicir 50". O espírito do Valo de Manselle, porén, permanece. "A idea do esforzo comunal non se perde, segue lantente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta