Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2020 | Actualizada ás 20:03
InvestiGAL, a Rede Galega de Investigación, denunciou este luns que a Xunta de Galicia non ten intención de convocar este ano as axudas para contratos posdoctorais do programa autonómico de I+D+i
En concreto, indican que esta decisión se xustificaría, aparentemente, en que os orzamentos non foron aprobados polo Parlamento aínda ou noutros elementos, como a incerteza da mobilidade internacional debido ao contexto de COVID-19. O colectivo advertiu das consecuencias "directas e negativas" que tería esta situación tanto sobre o colectivo como nos propios centros.
Por unha banda, impediría aos novos doutores (preto de 400 por ano) poder acceder a algunha das 50 axudas deseñadas para a etapa inicial do posdoctorado, é dicir, as que se corresponden á modalidade A, e que lle permite formarse nos mellores centros de investigación no estranxeiro.
Así mesmo, uns 31 investigadores da convocatoria 2017 da modalidade A quedarán no paro en decembro e sen posibilidade de continuar a través dalgunha das 20 axudas da modalidade B, que convoca anualmente a Xunta.
O colectivo denuncia os "atrasos sistemáticos" que veñen producindo desde 2016 e que xa non foran convocados en 2015, favorecendo a que os candidatos pasen longas tempadas no paro ou mesmo a 'fuga de cerebros' a outros territorios. "É por iso que a falta de continuidade penaliza, por un lado, ás carreiras profesionais e ás súas liñas de investigación e ás propias institucións, que ven como o persoal no que se gastaron recursos formativos acaba traballando noutros centros e países", denuncian.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.