Empresa da familia de Louzán gaña medio millón da Deputación

Os seus camións están nunha finca de Ribadumia na que cea a miúdo a cúpula do PP, incuído Rajoy. A construtora logra tantas contratas que varias veces a Deputación de Pontevedra admitiu no BOP que non lle podía alugar máis camións porque xa os tiña todos traballando para a propia Deputación. "Todo está legal", responde a Administración que dirixe Rafael Louzán tras ser interpelada por GC.

Por Walter Burns | Ribadumia | 22/04/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Áridos de Curro S.L. (Aricur) recibiu da Deputación de Pontevedra máis de 502.000 euros nos últimos seis anos. O administrador único da empresa, segundo comprobou GC no Rexistro Mercantil, é Juan Luís Abal Piñeiro, primo segundo do presidente da Deputación, Rafel Louzán Abal (PP).

Rafael Louzán, presidente do PP de Pontevedra e da Deputación
Rafael Louzán, presidente do PP de Pontevedra e da Deputación

Aricur gañou 15 adxudicacións neste tempo, varias delas mediante concursos sen publicidade ou a través da prolongación das contratas. As adxudicacións a Aricur son tan constantes que polo menos dúas veces a Deputación tivo que admitir no seu propio Boletín (BOP) que non lle adxudicaba máis contratos á constructora porque Aricur xa lle alugara todos os seus camións á propia Deputación. 

Versión da Deputación

Consultada a Deputación sobre estes feitos, fontes oficiais explicaron a GC que "todo o relacionado con Áridos de Curro está legal".  As mesmas fontes admiten que hai unha relación "familiar" entre Louzán e a empresa, relación que cualifican, iso si, de "moi, moi lonxana".

Ademais insisten en que Áridos de Curro xa traballaba para a Deputación antes de que Rafael Louzán fose presidente. Os voceiros oficiais defenden a legalidade dos procedementos nesa administración até o punto de invitar a todos os medios a consultar calquera expediente.

Embarcadeiro, solicitado polo primo de Louzán, e moto acuática no Umia na finca Atranco, onde se gardan os camións e cena a cúpula do PP
Embarcadeiro, solicitado polo primo de Louzán, e moto acuática no Umia na finca Atranco, onde se gardan os camións e cena a cúpula do PP

"O Atranco", merendeiro do PP e garaxe para a Deputación

Os dous primos, Abal Piñeiro e Louzán Abal, manteñen unha boa relación. Juan Luís Abal é quen tramita os permisos administrativos para a finca "O Atranco" en Ribadumia. Cando Mariano Rajoy comezou o seu veraneo o último agosto, Louzán (presidente do PP de Pontevedra) invitouno a el e a cúpula do PP galego a cenar na finca do seu primo segundo, tras dar un paseo pola beira do Umia ao que convocaron á prensa.

En realidade as cenas da elite conservadora na finca do primo de Louzán son frecuentes.  Está situada ao pé do Río Umia, por cuxa beira a Deputación inagurou un paseo fluvial hai uns meses.

A ruta discurre todo o camiño pola banda esquerda do río. En Ponte Cabanelas, xusto cando a ruta chega ao Atranco, a Deputación decidiu que o sendeiro pase á beira dereita, evitando finca de Abal Piñeiro. O blog "A ti meu Cambados" ten máis información sobre este peculiar trazado.

Por petición de Abal Piñeiro, en 2010 a Deputación de  Pontevedra autorizoulle ao Atranco un embarcadeiro.  O Boletín Oficial de Pontevedra especifica que a obra non debe "impedir o paso pola zona de servidume". Porén, GC comprobou que toda finca está valada, violando a liberdade de paso que a Lei fixa para a beira de todos os ríos. De feito, a finca non só ten unha cancela todo ao redor, senón tamén está vixiada con cans e cámaras de seguridade.

Que xustifica tal vixilancia no Atranco, que está a uns centos de metros da casa natal de Louzán, ademais das cenas cos líderes do PP? GC comprobou que na finca gárdase maquinaria de obra que, segundo fontes da oposición, traballa en contratas da Deputación de Ribadumia, parte dela propiedade de Aricur. 

Todos os anos a Deputación aluga unha pala e dous camións a Aricur

Estas son adxudicacións a Aricur, a empresa do primo segundo de Louzán,  nos últimos sete anos, a cuxa documentación accedeu GC. Os prezos están sen IVE. A suma global con IVE supera os 502.000 euros:

En 2006 Aricur recibiu 7.000 euros polo aluguer dunha pala, 5.600 polo alugamento dun camión e outro 10.500 euros polo alugamento doutro camión. Estas contratas fixéronse sen un concurso de seu. Como outras 59 adxudicacións, a Deputación tramitounas "ampliacións" dun concurso anterior, que esta Administración prolongou porque estimaba que se lle estaban a agotar as horas alguadas e os subministros para obras.

O 2 de xaneiro de 2008 Aridos de Curro era unha das máis beneficiadas polos 47 lotes nos que a Deputación decidiu dividir o subministro para as súas obras. Así fíxose con 22.400 euros polo aluguer dun camión, 28.000 polo aluguer dunha pala e 21.000 polo aluguer doutro camión. 

Non se fixo con outro lote para alugar un camión simplemente porque Aricur non lle quedaban ningún máis.

"Declárase deserto o lote número 37 correspondente ó aluguer de camión 2x1/2x2 PMA 18/20 Tm., debido a que as empresas que presentaron proposicións económicas ó mesmo, José Rubén Rozados e Hijos, S.L., Áridos de Curro, S.L. (ARICUR) e Transportes Ramón Abal Abal, xa resultaron adxudicatarias de outros lotes e non dispoñen de máis vehículos destas características", di a Resolución.

É dicir, de todas as empresas con camións da provincia de Pontevedra só se presentaron a ese lote tres empresas con tan poucos camións que se lle esgotaron porque a Deputación xa llos contratara todos antes.

En setembro de 2008 a empresa da familia de Louzán facíase con máis de 37.500 euros polo aluguer de 500 horas dunha máquina retro-excavadora para a Deputación. A documentación oficial explica que foi unha "Resolución Presidencial", é decir unha iniciativa do propio Louzán, quen mandou pedir prezo unciamente a Aricur e a outras dúas empresas (Alfonso Mouriño Ameal e Áridos y Saiar). As dúas compañías con Aricur son das que acostuman a traballar para a Deputación, de feito Alfonso Mouriño tamén é hoxe un dos maiores contratistas da Deputación tras botar anos traballando como obreiro nas súas contratas.

En xullo 2088 a Deputación xa lle contratara 25.500 euros de material de obra polo mesmo procedemento sen prublicidade. Unha "Resolución" de Louzán mandara pedir prezo solamente a Aricur, Alfonso Mouriño Ameal e outra das empresas beneficiadas en anteriores obras, Álvaro Piñeiro Chaves.

En 2009 Aricur faise con 23.000 euros por alugar un camión, 28.000 pola pala e 21.000 polo outro camión.

En 2011 a Deputación dividiu en 71 lotes o alugueiro de maquinaria e subministro de materiais. Aricur apaña desta volta 27.800 euros polo alguer dunha pala, 21.700 polo alugueiro dun camión e 23.000 polo alugueiro doutro camión. Ao igual que en 2008, a empresa do Primo de Louzán non gaña outro lote porque xa non tiña máis camións que alugar. 

Concurso sen publicidade hai uns meses

Por último, en outubro de 2012 Aricur gaña o concurso negociado sen publicidade para ensanchar a estrada E.P. 7102 entre Serapio e Portelo, en Cercedo. A Deputación só lle pediu prezo á firma da empresa de Louzán e a Canalizaciones y Construciones Salnés e Construcciones Eiriña.

O concurso non saíu publicado en ningures. Este xeito de adxudicar é unha vía legal pero opaca, que as administracións só poden usar para contratos menores, urxentes ou cando hai poucas empresas capacitadas para facer o traballo. Ningunha destas circunstancias concurría a priori na ampliación dunha estrada comarcal. Aricur ingresou 124.000 euros por esta obra.

Unha rede de pequenas constructoras vive case exclusivamente da Deputación

De acordo aos boletíns oficiais, Aricur non ten ningunha outra contrata con administración algunha que non seña a Deputación de Pontevedra. Non é un caso excepcional, pois ducias de pequenas empresas de obras da provincia, a maioría baseadas na Comarca do Salnés que viu nacer a Louzán, traballan case exclusivamente para a Administración que preside o ex-concelleiro de Ribadumia.

O motivo deste continúo orballo de contratos é que a Deputación non licita todo o seu parque móbil ou subministros nun gran lote por varios anos, o que lle permitiría aforrar. Polo contrario, o parque móbil e os subministros divídense en ducias de lotes case idénticos cada ano -as veces máis de 70 nun só exercicio.

Isto permite que dende hai lustros un grupo de empresas da construcción de Pontevedra subsista en exclusiva das adxudicacións recurrentes da Deputación. Aricur é só unha delas.

Louzán e o conselleiro de Infraestructuras na inaguración do paseo fluvial polo Umia, que discurre por unha beira até que chega a altura da finca O Atranco e cambia de lado
Louzán e o conselleiro de Infraestructuras na inaguración do paseo fluvial polo Umia, que discurre por unha beira até que chega a altura da finca O Atranco e cambia de lado
Peche, merendeiro tapado e garaxe dos camións na finca Atranco, moi próxima á casa da familia Louzán
Peche, merendeiro tapado e garaxe dos camións na finca Atranco, moi próxima á casa da familia Louzán
Pastor, Rajoy, Feijóo, Rueda e Louzán paseando polo sendeiro que fixo a Deputación polo Umia antes de ir cenar ao Atranco
Pastor, Rajoy, Feijóo, Rueda e Louzán paseando polo sendeiro que fixo a Deputación polo Umia antes de ir cenar ao Atranco | Fonte: forocoches
Embarcadeiro, camións que traballan para a Deputación e merendeiro na finca Atranco de Ribadumia
Embarcadeiro, camións que traballan para a Deputación e merendeiro na finca Atranco de Ribadumia | Fonte: W.B.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

6 ANONIMO

si visitades as proximidades do atranco e un nino de aves carroneiras, en canto o a nudo de curro o farineiro {abal} niun siquiera era propietario, era unha concesion. Ah outro fillo no hospital do salnes, a nora no areeiro as fillas en guarderias. Outra cousa buscade os testaferros.....

5 tototo

agora andan a facer carreteras en Belice ( sudamerica)..... xa sabredes en breve de que falo....

4 lobeiro

Unha das patas do PP está na Deputas de Pontevedra.Seguide furando. Que ahí hai tela telita...

3 SrMainstream

Que noxo de País, por favor.

1 xxx

España ba bien

2 Vulcano

Mexan por nos e dis que chove. En Galicia o problema é, que os que mexan son tamén os donos do paraguas.