Por X.M. Fernández | Pontevedra | 21/10/2020 | Actualizada ás 13:17
Estes premios están promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo e nacen co obxectivo de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego.
A edición deste ano, que tiña que terse celebrado o pasado 6 de maio, tivo que ser cancelada e trasladada ao mes de outubro por mor da pandemia. A excepcionalidade marcada pola Covid provocou que non se poidese organizar a gala dos finalistas e a organización optou por facer encontros virtuais a través das redes sociais para dar a coñecer os proxectos a concurso. E este mércores 21 ás 21:00 h. terá lugar a gala dos premiados no Pazo da Cultura de Pontevedra e cun aforo moi reducido para uns cantos privilexiados.
Nesta VII edición destaca o número de inscritos, 581 proxectos presentados, e as 17 categorías escollidas para abranguer o máximo de estilos posibles. Un xurado profesional escolleu os 60 finalistas e os socios/as de Músicas ao Vivo foron os encargados/as de elixir aos premiados que se darán a coñecer na devandita gala.
A presentación destes Premios Martín Códax correrá a cargo da polifacética Inés Salvado Gontad, actriz, cantante, licenciada en Comunicación Audiovisual, graduada en Fotografía e en Interpretación e integrante dos grupos musicais DE VACAS, Coro Encaixe e a Cia de teatro A feroz.
Para seguir a gala en streaming: www.premiosmartincodaxdamusica.gal
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.