Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2020 | Actualizada ás 13:13
Mariscadores da ría do Burgo concentráronse diante da sede da Delegación do Goberno na Coruña para esixir que o Executivo estatal e o autonómico acorden que compensacións recibirán cando se inicien as obras de dragado. "É un tema para sentar e falar, non para discrepar e tentar obviar o problema, que está aí", denunciou o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir.
"Reclamamos ao Goberno do Estado que licite dunha vez por todas a obra", esixiu Baldomir en declaracións aos medios de comunicación e lembra que hai case un mes que se completou "o último requisito". Á vez, pide que se teña en conta ás 80 familias de mariscadores a pé e á boia que necesitarán compensacións por non poder faenar.
Os mariscadores lamentan que ambas as administracións digan que a competencia non é súa en canto ás subvencións e reclaman "que se poñan de acordo". "Que senten as dúas connosco para que poidan saír adiante solucións e non tirarnos pedras uns a outros", demandou o representante do colectivo.
Baldomir tamén insistiu na esixencia de que exista unha mesa de control das obras polos "posibles inconvenientes" que poidan xurdir. "Queremos estar informados de primeira man", explicou, solicitando a presenza de toda a plataforma pola defensa da ría, que tamén compoñen Concellos da comarca e a Universidade da Coruña.
SEN ESCUSAS
Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reprochou ao delegado do Goberno, Javier Losada, que non estea licitada a obra de saneamento da ría. "Non hai escusas, xa quedou sen elas", dixo. Por iso considera que o representante estatal debe "saír á porta" e explicar aos mariscadores por que non se fixo o trámite.
En declaracións aos medios na Coruña tras unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria, Vázquez mostrou a súa sospeita de que non existen fondos para o proxecto. "Parece que están a desviar a atención para ocultar que o Goberno non teñen o diñeiro", denunciou, antes de esgrimir que considera que o orzamento "se destinou a outras cousas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.