Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/11/2020 | Actualizada ás 22:00
A empresa Urbas Capital Financiero, centrada sobre todo en mercados inmobiliarios, mercou en Muras uns terreos onde, segundo os seus cálculos, existen reservas de feldespato por valor de 600 millóns de euros. Nun primeiro momento as extraccións de mineral serían de 150.000 toneladas por ano, con ampliación ao medio millón de toneladas tamén por ano. Aínda que de momento nin a empresa nin o Concello falan de datas para o comezo da actividade, un e-mail enviado a Galicia Confidencial asegura que a actividade podería comezar "a finais de 2020 ou comezos de 2021".
SEN NOTICIAS DE APERTURA
“É certo que os novos propietarios viñeron falar con nós mais non presentaron ningunha solicitude de actividade por parte da empresa” di Manuel Requeijo, alcalde de Muras. Requeijo considera que ata o de agora o único que se ve son “operacións de márketing” por parte de Urbas. “De momento, nós aquí non temos ningún documento” insiste o alcalde.
A noticia ademais, chega nun momento en que Muras ten visto diminuir a súa poboación drasticamente durante as últimas catro décadas. Desde a década dos 80, este concello ten perdido máis da metade do seu padrón municipal. Por tanto, a apertura dunha explotación como a de feldespato na parroquia de Silán, podería darlle a volta a unha tendencia de despoboamento que aínda segue. Outra cuestión engadida é a afectación ao medio ambiente coa apertura da explotación de Silán.
“Sabemos que a actividade se desenvolvería sobre os terreos adquiridos, non temos constancia de novas compras de parcelas” sinala Requeijo, en referencia a posibles efectos mediambientais no entorno dos terreos. Preguntado sobre o valor ecolóxico da zona, o alcalde de Muras sinala que “sobre esas propiedades descoñezo o seu valor, aínda que estando arredor da Serra do Xistral, entendo que si”.
A zona onde está o xacemento de feldespato é un lugar de terreos abandonados “aínda que é certo que hai xente en núcleos ao redor” di o alcalde de Muras. “Si que é certo que pode ter un uso gandeiro, mais tamén é lícito que os propietarios actuais podan explotar un produto como é o feldespato”. A isto Manuel Requeijo engade que “o rural leva anos despoboándose e a isto súmaselle falta de investimento, por iso cremos que calquera iniciativa económica en Muras é benvida”.
Os investimentos máis elevados ata o momento foron os parques eólicos “que non repercutían directamente sobre a poboación local e se agora si repercute, é grazas á administración local” di Requeijo. O mesmo espera da explotación mineira “que haxa un punto de equilibrio entre a explotación e o respecto ao medio natural”, pois segundo o alcalde, Muras ten un grande potencial ecolóxico e ao mesmo tempo “tamén entendo que propietarios privados queiran explotar unhas propiedades e que repercutirán sobre a veciñanza” sendo observadores sobre o medio.
O MERCADO MANDA
Durante a última década Galicia asiste a unha sucesión de tentativas, peticións de permisos e exploracións para a apertura de xacementos mineiros. A cuestión detrás de todo isto, segundo a Sociedade Galega de Historia Natural é que “o mercado dos minerais está ofrecendo prezos que converten en rendibles as explotacións agora pechadas ou sen abrir”.
No caso do feldespato, falamos dun material para a industria do vidro e cerámicas, aínda que se estudan novos rendementos. En tal caso, a demanda mundial, sobre todo por parte de mercados como o chinés, son unha aguilloada moi poderosa para fomentar a extracción mineira. “Isto tamén trae a reapertura de vellas minas ou a apertura de novas”. Así pois, a alta demanda mundial de materiais está convertendo en rendibles explotacións que durante décadas non o foron.
Con todo, a empresa estima viable a explotación “Urbas aposta así pola explotación do feldespato potásico e sódico potásico, un mineral utilizado polos sectores cerámico e do vidro, que actualmente importa material maioritariamente desde Turquía”. A compañía engade ademais que “tras realizar unha análise do mercado existente en España, Urbas conta xa con varias fábricas interesadas en adquirir a produción total do xacemento, ofrecendo por tanto unha alternativa nacional á importación”.
“Está claro que agora mesmo hai unha man aberta para iniciar ou reiniciar explotacións de minas ou de áridos” din desde a SGHN. Para este colectivo hai unha promoción da explotación mineira que “logo non se lles esixe todo canto se lles debera esixir”.
Postos en contacto coa Consellería de Economía e Industria, a resposta do departamento que dirixe o vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, foi que "na actualidade hai cinco concesións de explotación -que foron outorgadas para feldespato- que pertencen á mercantil Materiales Cerámicos, Materias Primas SL". Sobre as últimas operacións de compra ou venda de terreos, Economía di que que "este ano se autorizou unha agrupación de labores e que se presentou diversa documentación e expedientes que están agora en tramitación".
O xacemento de feldespatos en Muras, segundo a empresa Urbas, pode durar décadas. Se é certo o que manifesta a compañía, as importacións deste mineral poderían reducirse, cousa que devolvería o investimento nun terreos aínda sen explotar. Por outra parte, algunhas posturas consideran que se está abrindo o territorio galego a todo tipo de extracción sen ter en conta, moitas veces, as consecuencias medioambientais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.