O cambio climático aumentará o potencial invasor do eucalipto en Galicia

Un novo estudo científico sobre o estado actual e futuro desta árbore sinala que nos últimos 50 anos "quintuplicou” a súa superficie nas catro autonomías atlánticas do norte peninsular e advirte de que Galicia será a única na que aumentará o hábitat adecuado para esta planta nas próximas décadas, “principalmente en Lugo e Ourense”, se se manteñen as tendencias climáticas.

Por Alberto Quian | Madrid | 10/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cambio climático favorecerá a expansión do eucalipto en Galicia. Isto é o que se desprende dun estudo sobre o estado actual do Eucalyptus globulus e o seu potencial invasor presente e futuro baixo o cambio climático no norte de España, onde ocupa xa preto de 400.000 hectáreas (concretamente, 389.033,57) en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, cifra que representa o 18,22 % do terreo boscoso destas catro autonomías. Para facerse unha idea, sería case a totalidade da provincia de Las Palmas cuberta por eucaliptos.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

As estimacións dos científicos apuntan que o cambio climático producirá “un aumento significativo do hábitat adecuado” para o eucalipto “nas áreas interiores de Galicia” e “unha leve redución nas outras tres comunidades autónomas (Asturias, Cantabria e Euskadi)”.

"A provincia da Coruña sofre un desenvolvemento excesivo de plantacións, con máis do 44% da superficie boscosa ocupada por eucaliptos”

A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP 2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP4.5 e RCP6.0 son os de estabilización das emisións, e o RCP8.5 é o escenario extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. É cos escenarios 4.5 (intermedio) e 8.5 (extemo) cos que traballaron os científicos autores deste estudo, con proxeccións futuras para os anos 2050 e 2070 (estes escenarios son cos que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases).

A situación presente xa é problemática, xa que “a superficie actualmente ocupada por eucaliptos no norte de España quintuplicouse nos últimos cincuenta anos”, alertan os investigadores, que destacan o exemplo da provincia da Coruña, a cal “sofre un desenvolvemento excesivo de plantacións, con máis do 44% da superficie boscosa ocupada por eucaliptos”, advirten.

A invasión do eucalipto tamén afecta áreas naturais protexidas do norte peninsular, onde calculan que xa ocupa o 2 % da superficie.

O escenario futuro pode ser aínda peor no caso de Galicia, única autonomía das catro analizadas na que se “prognosticou un aumento significativo no hábitat adecuado” para o desenvolvemento do eucalipto, conncretamente nas áreas interiores do país.

Os científicos calculan que o hábitat adecuado actual para a expansión potencial do eucalipto en terreos forestais e outras áreas naturais e seminaturais suma unha superficie de 830.885,41 hectáreas nestas catro autonomías, das cales 296.356,71 están ocupadas actualmente por bosque autóctono, principalmente en Galicia (185.420,12 hectáreas).

“A presión sobre o bosque autóctono aumentará principalmente nas zonas do interior de Galicia” 

Os prognósticos indican que o hábitat adecuado neto para o eucalipto aumentará en 398.810,27 hectáreas para 2070 no peor escenario de cambio climático (RCP 8.5). Isto calcúlase coa suma do hábitat apto para o eucalipto en áreas actualmente ocupadas por especies frondosas autóctonas, áreas naturais e seminaturais e área actual ocupada pola especie exótica.

Así, as previsións dos investigadores apuntan que “a presión sobre o bosque autóctono aumentará principalmente nas zonas do interior de Galicia” nas próximas décadas, se se manteñen as tendencias climáticas.

En áreas naturais protexidas, os eucaliptos ocupan actualmente unha superficie de 7.840,40 hecáreas nas catro autonomías, o que representa o 7,10 % do hábitat adecuado neto nas áreas protexidas na zona de estudo (110.428,78 hectáreas). A maior superficie deste tipo (5.032,65 hectáreas) atópase en Galicia e representa o 7,42 % do hábitat adecuado neto en áreas naturais protexidas, un total de 67.836,64 hectáreas.

“No futuro”, avisan, “esta cantidade aumentará entre un 59,16 % e un 87,89 % en Galicia, pero diminuirá entre un 18,41 % e un 30,59 % no resto de comunidades autónomas do norte de España, a excepción do escenario RCP 8.5 para 2070, no que se prevé un aumento do 4,42 %”.

“Os resultados da investigación demostran a presenza significativa de eucaliptos en áreas naturais protexidas e a posibilidade da súa expansión en Galicia en ausencia dun control efectivo”, alertan os investigadores.

Estes escenarios, din, “deberían instar os responsables políticos a desenvolver plans de manexo forestal sustentables para controlar unha maior expansión destas plantacións e reducir a alta presión dos eucaliptais sobre as frondosas autóctonas, de maior biodiversidade”.

GALICIA, ONDE MÁIS PROSPERA O EUCALIPTO

A superficie ocupada polo eucalipto no norte peninsular multiplicouse por 4,6 nos últimos 50 anos: de 84.323 hectáreas entre os anos 1966-1974, a 389.025 en 2018. Con todo, os investigadores observaron algunhas diferenzas entre comunidades autónomas. Así, salientan que a superficie ocupada por eucaliptos incrementouse en 11,29 veces en Galicia, 6,99 en Euskadi, 1,90 en Asturias e 1,20 veces en Cantabria.

A especie invasora representa só o 2,69 % dos terreos boscosos de Euskadi, o 15,46 % en Asturias, o 19,47 % en Cantabria e o 23,82 % en Galicia

A actual cobertura de eucaliptos representa de media o 18,22 % da superficie boscosa das catro autonomías. Pero, novamente, emerxen diferenzas significativas: a especie invasora representa só o 2,69 % dos terreos boscosos de Euskadi, o 15,46 % en Asturias, o 19,47 % en Cantabria e o 23,82 % en Galicia.

No caso galego, os científicos tamén subliñan diferenzas importantes: na provincia de Ourense, o eucalipto só representa o 0,28 % da superficie boscosa, mentres que no lado oposto sitúase A Coruña, cun 44,76 %.

Os científicos tamén puxeron o foco na fragmentación dos bosques, unha das principais causas de perda de biodiversidade no mundo pola redución do tamaño e calidade do hábitat boscoso, o aumento do bordo (zona de transición entre hábitats) e número de parches, e a perda de conectividade. Ao analizar a fragmentación da superficie actual ocupada por eucaliptos e bosques autóctonos nas catro autonomías, observaron diferenzas importantes entre provincias. Así, a maior superficie media de parches de eucalipto alcanzou as 23,79 hectáreas na Coruña e 51,54 en Lugo (as máis altas), e situouse en 3,38 en Ourense e 1,85 en Guipúscoa (as máis baixas). Pola contra, os valores para os bosques latifoliados autóctonos foron máis baixos nas primeiras provincias (5,25 e 4,52 hectáreas, respectivamente) e máis altos nas últimas (16,90 e 11,78 hectáreas, respectivamente).

OURENSE E LUGO, AS PROVINCIAS QUE MÁIS MUDARÁN

As proxeccións dos modelos de distribución de especies baixo os dous escenarios futuros de emisións de gases de efecto invernadoiro contemplados revelan un aumento no hábitat neto adecuado para o eucalipto no conxunto das catro autonomías, que varía entre o 14,16 % e o 22,36 % para 2050 e entre o 17,82 % e o 34,14 % para 2070, para os escenarios moderado e pesimista, respectivamente.

O aumento do hábitat adecuado para esta árbore terá especial impacto en Lugo e Ourense, xa que “A Coruña e Pontevedra son case totalmente aptas para o eucalipto e seguirán séndoo" 

Con todo, observáronse claras diferenzas entre Galicia e as demais comunidades autónomas, xa que no territorio galego espéranse grandes aumentos, do 29,63 % e 40,05 % para 2050 no RCP 4.5 e RCP 8.5, respectivamente, e incrementos adicionais do 4,60 % para o RCP 4.5 e do 6,11 % para o RCP 8.5, cara ao 2070.

Ese aumento do hábitat adecuado para o eucalipto, advirten, terá especial impacto nas provincias de Lugo e Ourense, xa que “A Coruña e Pontevedra son actualmente case totalmente aptas para o eucalipto e seguirán séndoo nos dous escenarios de cambio climático futuros proxectados”.

“A diferenza de Galicia, espérase unha gran redución do hábitat neto adecuado [para o eucalipto] nas outras tres comunidades autónomas baixo o escenario de cambio climático moderado. Así, espéranse reducións do 16,13 % e do 12,56 %, respectivamente, para Asturias, do 23,08 % e 26,06 % para Cantabria e do 62,59 % e 63,55 % para Euskadi, para o horizonte temporal de 2050 e 2070, respectivamente”, detallan.

Os científicos agardan que o escenario pesimista provoque unha maior redución para Asturias (23,22 % - 11,33 %) e Cantabria (33,33 % - 13,18 %), pero observan “un sorprendente efecto de contraste en Euskadi”, onde predín unha “perda de hábitat adecuado do 3,74 % para 2050 e un aumento do 85,79 % cara ao 2070”.

POTENCIAL DE EXPANSIÓN ACTUAL E FUTURA

Os expertos calculan en 1.203.756,11 as hectáreas actuais de hábitat apto para o eucalipto en terreos forestais nestas catro autonomías. A especie, apuntan, xa cobre unha área de 372.870,70 hectáreas, polo que a actual superficie adecuada para a expansión dos eucaliptos é de 830.885,41 hectáreas, o que representa un 222,83 % adicional da área actual que podería ser ocupada por esta árbore.

Das actuais 830.885,41 hectáreas susceptíbeis de ser invadidas polo eucalipto nas catro autonomías, 587.448,01 atópanse en Galicia

Desas 830.885,41 hectáreas susceptíbeis de ser invadidas polo eucalipto, 587.448,01 atópanse en Galicia, 148.196,33 en Asturias, 49.923,33 en Cantabria e 45.317,75 en Euskadi.

Na actualidade, apuntan, hai 296.356,71 hectáreas dese hábitat adecuado para o eucalipto ocupadas por bosque autóctono–das cales 185.420,12 están en Galicia–, polo que existe risco de que grandes áreas de especies nativas acaben sendo colonizadas pola árbore orixinaria de Australia.

As proxeccións futuras realizadas polos científicos indican un aumento deste hábitat apto para o eucalipto de até 414.705,96 hectáreas para 2070 no peor escenario de cambio climático (RCP 8.5), a maior parte do cal tamén se atopa en Galicia, con 307.473,67 hectáreas calculadas.

IMPACTO EN ÁREAS NATURAIS PROTEXIDAS

A situación actual e o futuro hábitat adecuado para o eucalipto nas áreas naturais protexidas tamén varía substancialmente entre as comunidades autónomas analizadas neste estudo.

Os eucaliptos ocupan actualmente una superficie de 7.840,40 hectáreas das áreas protexidas en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, o que representa o 7,10 % do hábitat adecuado neto nestas áreas protexidas na zona de estudo (110.428,78 hectáreas). Pero a meirande parte atópase en Galicia, con 5.032,65 hectáreas, as cales representan o 7,42 % do hábitat adecuado neto para a planta invasora en áreas naturais protexidas do país (67.836,64 hectáreas).

Nos escenarios de cambio climático moderado e pesimista espérase que a superficie apta para o eucalipto en áreas protexidas de Galicia aumente entre un 59,16 % e un 87,89 %

Baixo os escenarios de cambio climático moderado e pesimista espérase que esta área aumente en Galicia entre un 59,16 % e un 87,89 %, a máis de 107.900 e 122.400 hectáreas, respectivamente, para o ano 2070.

Nas demais comunidades autónomas, a superficie de hábitat adecuado para o eucalipto en zonas protexidas é actualmente de 42.592,14 hectáreas, pero a superficie ocupada actualmente por esta especie nesas áreas é de 2.807,75 hectáreas (case a metade que en Galicia). A diferencia do caso galego, agárdase una reducción de entre o 18,41 % e o 30,59 %, agás para o horizonte temporal 2070 e no peor escenario do cambio climático, para o que se espera un incremento do 9,90 %.

“Os resultados da investigación demostran a presenza significativa de eucaliptos en áreas naturais protexidas e a posibilidade de expansión do eucalipto en Galicia en ausencia dun control efectivo”, conclúen os autores.

O estudo vén de ser publicado na revista científica Forest Ecology and Management por investigadores do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidad de Oviedo e do Departamento de Enxeñería e Ciencias Agrarias da Universidad de León.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 Graña

Galicia é un eucaliptal grazas a política forestal especuladora da Xunta.

3 xemc

O eucalipto gaña terreo porque os propietarios decidimos prantalo, e ¿porque o prantamos?, porque os terreos son nosos, porque é unha actividade que polo menos cubre gastos, porque a diferencia de a horticultura, a gandeiria e todo iso, é unha actividade compatible cun traballo remunerado (cousa importantísima no campo de hoxe), porque medra nun lapso de tempo razonable, porque si non che dan o precio que queres non o vendes (as castañas ou as vendes ou as comes), porque somos xa tres ou catro xeracións de galegos que nacimos á sombra deles e que agora son o arbol tradicional das nosas aldeaas, porque nos gusta que a cociña de leña teña aroma a eucalipto, e poderíavos estár así toda a tarde

1 Fu man chu

E tu es Einstein por suposto.... Francia ten moitas zonas onde se podería plantar pero non o fan porque os terreos úsanos para agricultura que produce en diñeiro moito máis. Que os terreos sexan teus non implica que podas facer con eles o que queiras nin aquí nin en ningún lado. Que tu decidas plantalo non significa que che deixen. Hai moitas cousas que queremos facer e non podemos. O problema de Galicia son os ananos mentais representados por xente coma ti. E eu teño eucaliptos pero non son bobo nin todo vale. Hai un termo medio que aquí xa se sobrepasou hai tempo

2 nostrus

Fu man chu, a muchos no les gustan los eucaliptos porque "no son propios de aqui" ¡¡ja, ja!!!, pero le pasa lo mismo a las patatas, los tomates o los kiwis. Con tazonamientos como esos no se podran construir mezquitas y solo se podran hacer iglesias porque son propias de aqui, el desierto tendrá que seguir desértico para que sea desierto y los pobres no podrán conseguir dinero para que sigan siendo pobres.

2 Moine

Viva a colónia madrilenha! Viva os altos cortesãs madrilenhos! Viva o PPSOE! Galegos, emigrar!, sodes uns aventureiros.

1 CBZD

Moitos eucaliptos tamén van pa Portugal.

1 7zJw

O eucalipto gaña terreo, polas novas variedades de árbores, non polo cambio climático.