As aldeas galegas propoñen un novo modelo eólico

Un 60 colectivos galegos piden a moratoria a novos parques eólicos e un novo marco regulador para a enerxía eólica en Galicia, a través do manifesto "Aldeas con Horizonte".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2020 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

As aldeas de Galicia plántanse contra o modelo de eólicos da actual Xunta de Galicia. Dende hai semanas, varias plataformas do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal -como a Rede galega por un rural vivo (RGRV)- e cultural, xunto con plataformas de persoas e comunidades de montes afectadas por parques eólicos abusivos en Galiza lanzan o manifesto "Aldeas con Horizonte".

Parque eólico de Greenalia en Miñón (A Coruña). GREENALIA
Parque eólico de Greenalia en Miñón (A Coruña). GREENALIA

O manifesto recolle as principais demandas xurdidas da cidadanía tras casos de denuncias como os eólicos de Monte Salgueiras, que podería destruír as paraxes cantadas por Pondal, ou, máis recentemente, o relativo á Serra de San Mamede, avanzado por GC. Con todo, o obxectivo das asociacións asinantes non é cortar de raíz a produción eólica de Galicia senón impulsar a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país "un modelo de implantacion desta enerxía máis ordenado, sostíble, social, participativo, xusto e racional".

O obxectivo do documento non é outro que "dar a voz de alerta" sobre a "ameaza que está a supoñer para o rural galego a actual implantación de parques eólicoso" e "a necesidade de mudar drasticamente o marco lexislativo" galego no relativo á implantación de enerxía eólica. Seguno destacan as asociacións implicadas, Galicia conta cun modelo legal "desfasado", ancorado nos anos 90, que dá pé ó espallemento dos eólicos nun sistema "socialmente inxusto" e "pouco participativo".

"FIN DO PROCESO DE INTENSIFICACIÓN EÓLICA"

O manifesto que hoxe sae á luz inclúe 15 principios básicos que, segundo as plataformas, "deberán guiar a nova normativa de desenvolvemento eólico en Galiza". Estes contemplan un modelo máis "democrático" no que negocio non estea "concentrado" nas mans dunhas poucas empresas ao servizo das cales se poñen as terradas dos pequenos propietarios. E é que outra das demandas dos colectivos impulsores é relegar á "última opción" as expropiacións de terras, unha posibilidade flexibilizada e impulsada por Feijóo a través da coñecida como 'Lei de predación'.

O obxectivo non é outro que poñer fin ó "proceso de intensificación eólica sen precedentes" que domina o rural dende hai anos, "favorecendo ao grande oligopolio enerxético fronte ós dereitos das comunidades locais afectadas".

MANIFESTO DE "ALDEAS CON HORIZONTE" 

1. Planeamento eólico para a unha transición ecolóxica ordenada e xusta. Tal e como está concibida, a implantación masiva de parques eólicos en Galiza non está respondendo a un proceso ordenado e planificado de transición ecolóxica e carece de estratexia de cara a acadar a descarbonización da economía galega e reducir a dependencia de Galiza das enerxías fósiles. O actual proceso utiliza a transición ecolóxica como instrumento de “lavado verde” das espurias intencións das compañías eléctricas, que non son outras que engordar os seus beneficios e conquistar para o seu particular beneficio gran parte do noso territorio. A falta dun plan eólico enmarcado na transición ecolóxica está a permitir ademais que as grandes industrias contaminantes de Galiza se reconvertan ao negocio eólico sen ter reparado previamente a súa débeda ecolóxica nin ofrecer alternativas ao impacto social xerado.  

2. Democratización e soberanía enerxética. O modelo vixente de implantación eólica é colonial e antidemocrático, concentra todos os dereitos de produción e distribución da enerxía en mans dunhas poucas e grandes empresas (oligopolio enerxético), que se benefician da ausencia dunha ordenación territorial e duns gobernos centralistas e tecnócratas, que impiden a participación da cidadanía na toma de decisións, no deseño e planificación, no acceso e reparto dun ben esencial para a vida, como é a enerxía. As persoas titulares das terras e a sociedade galega no seu conxunto deben ter unha participación activa na gobernanza deste recurso colectivo, que atenda a criterios de sustentabilidade, distribución equitativa e accesibilidade á enerxía. 

3. Aforro, eficiencia e autosuficiencia enerxética. Fronte á produción ilimitada de enerxía eólica, o uso e explotación do recurso enerxético de Galiza debe sustentarse fundamentalmente en criterios de aforro, eficiencia e autosuficiencia enerxética, de xeito que a adxudicación de megavatios non dependa só da dispoñibilidade do recurso ou do rédito económico para as empresas, senón das necesidades de acceso á enerxía por parte da poboación e da posta en marcha de plans de aforro e eficiencia enerxética nos distintos sectores económicos e sociais do país. Así mesmo, as subvencións públicas á enerxía eólica deben primar os proxectos de aforro, eficiencia e autosuficiencia enerxética fronte aqueles que só procuren obxectivos de produción e non revertan en beneficio social. Paralelamente, deberíanse impulsar mecanismos de penalización do consumo electrointensivo.

4. Repotenciamento fronte novas instalacións. Completando o punto anterior, a repotenciación dos parques eólicos existentes debe prevalecer sobre a autorización de novos proxectos eólicos.  

5. Fomento do autoconsumo e a produción a pequena escala. Para superar o reto climático e acadar a democratización, soberanía e autosuficiencia enerxética, cómpre que a nova normativa eólica de Galiza impulse e apoie decididamente proxectos de autoconsumo e de produción a pequena escala (mini-eólica) que aproximen as distancias entre as fontes xeradoras e consumidoras e contribúan a reducir drasticamente as emisións contaminantes derivadas do transporte da enerxía e a discriminación entre os diferentes territorios.

6. Iniciativa pública e comunidades enerxéticas fronte a privatización dos beneficios. Os proxectos eólicos que se están a aprobar pola Xunta de Galiza non deixan ningún beneficio social nin económico nas comunidades rurais nas que se asentan. Para superar esta eiva, cómpre apostar por proxectos de desenvolvemento eólico de iniciativa pública, destinados a garantir o acceso á enerxía da sociedade civil e a xestionar de forma racional e equitativa, e baixo criterios de sustentabilidade e xustiza social, o recurso enerxético. Ou ben, pular pola creación de comunidades enerxéticas locais que primen os obxectivos sociais e ambientais (infraestruturas sanitarias, educativas, transporte colectivo...) sobre a rendibilidade financeira dos proxectos e involucren á veciñanza afectada e a outros actores sociais, como entidades sen ánimo de lucro, empresas, cooperativas ou administracións públicas. As comunidades enerxéticas outorgan empoderamento e un trato máis xusto ás poboacións rurais afectadas e contribúen á economía local e a sociabilizar os beneficios dos proxectos eólicos.

7. Concesións públicas fronte a autorizacións administrativas. Á diferenza doutro tipo de aproveitamentos de recursos públicos e renovables, como no caso da enerxía hidroeléctrica, o dereito a explotar o vento en Galiza réxese polo réxime de autorización administrativa e non polo réxime de concesión pública. Isto implica que as compañías eléctricas beneficiarias dunha autorización administrativa para o aproveitamento eólico no noso territorio adquiren ese dereito para sempre, eliminando calquera posibilidade presente ou futura de participación social no desenvolvemento eólico do país. Consideramos, por tanto, que o dereito de explotación do vento en Galiza, como recurso de carácter público, debe ser outorgado a través de concesións administrativas con data de caducidade.

8. A expropiación de terras como última opción. A coñecida como “Lei de Depredación” da Xunta de Núñez Feijóo eliminou calquera atranco á expropiación de terras para o desenvolvemento de proxectos eólicos, deixando a veciñanza e as comunidades de montes totalmente indefensas ante os privilexios de usurpación dos dereitos de propiedade das compañías eléctricas. Os parques eólicos son considerados por defecto de “utilidade pública”, malia a ser todos eles de iniciativa privada, prevalecendo por riba de calquera outro dereito. O novo marco normativo debe obrigar as empresas promotoras a demostrar coas suficientes garantías o interese social e a utilidade pública dos seus proxectos para poderen ser executados. Así mesmo, debe considerarse a expropiación como última opción, tendo as empresas que xustificar diante da administración pública por que non chegaron a acordo cos propietarios. En caso de incompatibilidade coa actividade vocacional ou básica para a supervivencia da comunidade rural afectada, deberá prevalecer esta sobre o dereito de explotación do aproveitamento eólico. E, en caso de expropiación, deberá terse en conta a depreciación de todos os bens afectados directa ou indirectamente polo proxecto eólico, non só a superficie ocupada polos aeroxeneradores, tendo que indemnizar a totalidade dos bens. 

9. Consulta pública real e efectiva. A Lei de depredación tamén permite tramitar os expedientes de expropiación ao mesmo tempo que os proxectos empresariais e alixeirar a tramitación administrativa dos expedientes reducindo os tempos de consulta pública e os prazos de presentación de alegacións. Estas circunstancias fan imposible que a consulta pública dos proxectos sexa participativa, real e efectiva. Para acadala, o goberno galego debe derrogar a “Lei de Depredación” e facilitar e favorecer o acceso á información e a participación e consulta pública dos proxectos a través da nova normativa sectorial para o aproveitamento eólico en Galiza.

10. Penalizacións contundentes contra da fragmentación dos proxectos. As administracións públicas fan a vista gorda a situacións de evidente fraude de lei nas que as compañías eólicas promotoras fragmentan os seus proxectos eólicos en proxectos máis pequenos para esquivar os atrancos da avaliación de impacto ambiental. Esta práctica frecuentemente recorrida para a implantación de parques eólicos en Galiza deberá ser absolutamente abolida e contundentemente penalizada por parte da Administración pública, de xeito que signifique a denegación automática do proxecto e a prohibición de poder optar a novos dereitos de explotación. Do mesmo xeito, as empresas eólicas deberán verse obrigadas a avaliar o impacto ambiental acumulativo de todas as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento dos proxectos (parque eólico, liñas de evacuación, camiños de acceso, subestacións, etc.) e dos efectos sinérxicos con outros proxectos próximos. 

11. Compatibilidade coa normativa vixente en materia ambiental, patrimonial e da paisaxe. A actual normativa eólica non está adaptada nin é compatible coa actual e vixente normativa relativa ao medio ambiente, ao patrimonio cultural e á paisaxe. Ademais, está deseñada para uns proxectos eólicos con tecnoloxías hoxe obsoletas, que nada teñen a ver coas características técnicas dos parques que se están a implantar actualmente no país, aeroxeradores de maior potencia e tamaño, e que exercen, por tanto, maiores impactos no territorio.

12. Novas zonas de exclusión e plan de eliminación progresiva en Rede Natura. É preciso ampliar as zonas de exclusión para parques eólicos, introducindo novos criterios de incompatibilidade que vaian alén da súa pertenza á rede de espazos naturais protexidos de Rede Natura 2000. As novas zonas de exclusión deberían contemplar os hábitats que sexan chave para loitar contra a mudanza climática e aqueles espazos que teñan un especial interese ambiental, paisaxístico, patrimonial, cultural, ou agropecuario. Tamén se deben considerar como zonas de exclusión aqueles espazos propostos para a ampliación da Rede Natura 2000, pendente desde hai 16 anos, e promover a elaboración dun Plan para a eliminación progresiva de parques eólicos dos espazos de Rede Natura.

13. Maiores distancias aos núcleos de poboación. O actual marco normativo permite a instalación de aeroxeradores a 500 metros aos núcleos de poboación, independentemente das súas características técnicas e dimensións. A colocación de muíños eólicos de grande potencia e máis de 150 metros de altura a carón das casas implica un importante risco para a seguridade e integridade das persoas e un impacto acústico e paisaxístico inasumible para vivir dignamente. Da mesma forma, deberían establecerse distancias mínimas de seguridade aos núcleos de poboación de todas as demais infraestruturas incluídas nos proxectos eólicos.

14. Asesoramento e mediación regrada fronte contratos abusivos. A forma na que se pechan contratos de aluguer ou acordos de expropiación con particulares e comunidades de montes polo uso das terras é opaca e ofrece a miúdo cláusulas abusivas, que deixan as poboacións locais nunha situación de total indefensión. Fronte isto, a administración pública debe promover mecanismos ou servizos de asesoramento e mediación para que as negociacións entre os particulares ou comunidades rurais e as empresas eléctricas sexan xustas e equilibradas, e eviten a sinatura de contratos abusivos. 

15. Exclusión de empresas de dubidosa reputación. Quedarán excluídas de participar en calquera proxecto eólico as empresas cuxa reputación sexa eticamente reprobable, por atentar contra os dereitos humanos ou ser causantes de conflitos sociais e ambientais neste ou noutros países. Tamén quedarán excluídas aquelas empresas que conten no seu cadro de persoal ou de accionistas persoas que ostenten ou teñan ostentado cargos públicos ou de representación política que puidesen ter influído, directa ou indirectamente, no beneficio particular das devanditas empresas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta