Investigadoras galegas rexeitan a eliminación da indemnización despois do contrato predoutoral

O Tribunal Supremo fallou en favor da Universidade de Santiago de Compostela e definiu os contratos predoutorais como "formativos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2020 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O colectivo Investigadoras de Compostela tachou de "anacrónica" a sentenza do Tribunal Supremo que non ve "xustificado" indemnizar aos profesionais que visen finalizado o seu contrato predoutoral e anula outro fallo previo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

En concreto, a sala entende que o predoutoral se trata dunha modalidade contractual específica, de carácter formativo, á que o contratante, durante a creación do contrato, non atribuíu indemnización para a finalización do mesmo.

Esta sentenza responde o recurso de casación interposto pola Universidade de Compostela ante a resolución emitida polo TSXG o 11 de abril do 2019, que estimaba parcialmente unha demanda interposta polo sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) de Galicia.

O tribunal galego si determinou un paralelismo entre o contrato predoutoral e o temporal de obra e servizo, xa que a actividade desempeñada polos profesionais enmárcase en "un proxecto específico e novo", e non de formación.

Esta é a postura defendida polo colectivo Investigadoras de Compostela que, mediante un comunicado, apoiou a sentenza do TSXG, en especial o carácter "autónomo e independente" á que fai referencia o tribunal galego. "Trátase de investigar, crear, producir e xerar novo coñecemento. Non de formarse", sinalaron.

En concreto, a Sala do Social do TSXG declarou que os traballadores que subscribisen os contratos predoutorais tiñan dereito a percibir no momento da súa finalización a indemnización fixada no art.49 do Estatuto de Traballadores --unha contía equivalente á parte proporcional da cantidade que resultaría de abonar 12 días de salario por cada ano de servizo--.

Ademais de apoiar a sentenza do Tribunal de Xustiza, a asociación tachou de "anacrónica" e "incomprensible" a estimación do recurso de casación por parte do Tribunal Supremo. "Os argumentos esgrimidos están equivocados e son impropios dos tempos actuais, ademais de prexudiciais para a investigación e o avance da sociedade", manifestaron.

Ademais, Investigadoras de Compostela censurou que o Tribunal Supremo non comprenda a realización dunha tese doutoral. "É unha tarefa de investigación con autonomía propia, un traballo de pleno dereito co que se está producindo e contribuíndo a incrementar o coñecemento na sociedade", manifestaron.

As investigadoras tamén rexeitan que o Supremo asegure que a modalidade de prácticas recollida no Estatuto dos Traballadores sería a "que presentaría maiores similitudes" con este tipo de contratos. "Preguntámonos que pretende ou a quen quere contentar o TS, que quere devolvernos aos tempos das bolsas e os contratos en prácticas. Uns tempos de precariedade que queremos superar".

Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago
Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta