Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2020 | Actualizada ás 18:26
Podemos Galicia retomou a súa vida orgánica a nivel galego este domingo coa celebración dunha conferencia política na que os seus militantes apoiaron a postura oficial de centrar esforzos en rearmarse a nivel local de cara ás eleccións municipais de 2023, nas que pretenden potenciar a marca propia.
Ao redor dun centenar de militantes participou na conferencia política que o partido morado levou a cabo de forma exclusivamente telemática ao longo deste domingo despois de ser aprazada por problemas organizativos e para compasalo ao proceso a nivel estatal co que a organización que lidera Pablo Iglesias busca reforzar o papel das súas bases locais tras un ciclo no que os círculos foron perdendo fol ata a súa práctica desparición.
Relanzar o proxecto desde o local é o obxectivo que se marca o partido que en Galicia encabeza Antón Gómez-Reino despois do golpe sufrido nas eleccións autonómicas do 12 de xullo en que, actuando como motor da coalición Galicia En Común-Anova Mareas, quedaron sen representación parlamentaria.
Sen eleccións á vista a curto prazo e co espazo político da esquerda rupturista en fase de reorganización tras o fracaso electoral, Podemos Galicia pretende potenciar a súa marca e os seus "referentes" a nivel local para camiñar cara á próxima cita electoral no horizonte: as municipais previstas para 2023.
A proposta da dirección saíu adiante, segundo fontes da organización, por "maioría" nunha conferencia política que se desenvolveu a través de Internet e sen convocatoria de prensa.
As mesmas fontes avanzan que o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, ten previsto nos próximos días comparecer ante os medios, algo que non fai desde a noite electoral do 12 de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.