Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2020 | Actualizada ás 17:55
A Oficina Técnica da Seca desactivou o estado de prealerta nas comarcas de Ortegal e da Mariña lucense ao consolidarse os niveis de ocupación de auga dos ríos e dos encoros. Diso informou a Xunta nun comunicado, no que detalla que a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu este luns unha nova reunión deste órgano, no que se decidiu desactivar o aviso nestas zonas.
Segundo indicou a consellería de Infreastruturas e Mobilidade, as precipitacións rexistradas en outubro apontoaron os niveis de ocupación dos ríos e confirmaron a tendencia positiva que se observou nos últimos meses.
Os datos avaliados na reunión tamén mostran un incremento na ocupación dos encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Neste sentido, os rexistros dos encoros mantéñense nas últimas semanas por encima da media do últimos dez anos.
A Xunta lembrou que a Oficina Técnica da Seca, integrada por técnicos de Augas de Galicia, da Consellería do Medio Rural, Meteogalicia e a Dirección Xeral de Emerxencias, activou en xullo a situación de prealerta nestas comarcas como aviso temperán para prepararse con suficiente antelación ante un eventual escenario de seca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.