Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2020 | Actualizada ás 22:00
Preocupación e tensión nas UCIs galegas. A situación nas unidades de críticos vén de agravarse vertixinosamente nas últimas semanas logo dun aumento dos ingresos que deixa aos hospitais galegos cada vez máis preto dos valores da primeira vaga. A cifra de hospitalizados leva dende hai días por riba dos 100 críticos e pode ir a peor se, de acordo con expertos, a chegada do inverno dá novos azos á transmisión do virus.
A situación sanitaria ameaza tamén con abanear os plans económicos da Xunta de Galicia. O executivo de Feijóo leva semanas facendo fincapé na importancia de protexer a campaña de nadal mentres avanza na promoción dun Xacobeo 2021 cuxo éxito pende dun fío chamado Pzifer. Neste contexto, as unidades de coidados intensivos estanse a converter no chícharo que non deixa durmir a Feijóo e o seu equipo. Por un lado, porque ante a orde de facer menos PCRs as cifras de ingresos hospitalarios gañan relevancia como indicador real da pandemia. Por outro, porque a “precariedade” das UCIs esperta a pantasma dunha xestión sanitaria baseada no recorte que agora pode pasar factura.
A pota a presión das unidades de críticos estourou a pasada semana logo de meses de silencio. O persoal do clínico santiagués anunciaba que ía á folga para protestar contra unha suposta escaseza de persoal á que se sumaban as “promesas incumpridas” da xerencia. Denunciaban, en particular, que a área sanitaria comandada por Eloína Núñez -curmá do Presidente- prometera reformar a Unidade para sacala do seu “abandono”. As obras non foron nin comezadas porque, segundo a Xerencia, ningunha empresa se mostrou disposta a facer as obras no tempo previsto.
“OBRIGADOS” Á UCI
Nestas circunstancias, Galicia Confidencial vén de indagar nas dificultades e penurias denunciadas por sanitarios que traballan en UCIs galegas, dende a “desorganización” amosada polo Sergas a prácticas de “presión” e “chantaxe” nas que -segundo relatan- se obrigou a profesionais sanitarios a dobrar quendas, resultando en xornadas laborais de ata 17 horas de duración.
Segundo relatan os sanitarios consultados, moitas das “deficiencias” sufridas estes meses estaban xa presentes na primeira vaga da pandemia. Esta situación levou a moitos profesionais a negarse a volver ás UCIs logo ter entrado “con ilusión” en marzo, explica Paula, traballadora do CHUO. A vontade dos sanitarios pouco importou, porque, segundo relatan a GC, o Sergas “obrigou” a boa parte destes sanitarios a volver á Unidade de Críticos.
Tal foi o caso de Lorena, tamén do CHUO que ata hai uns meses traballaba en Reanimación. “Obrígante a traballar en críticos e non che queda máis remedio”. O mesmo destaca Raquel, que exerce en Santiago de Compostela: “como a xente está máis queimada xa non dan a escoller, obrigan”. Explica que, por motivos de saúde, a UCI ‘quédalle grande’, pero o Sergas “non o tivo en conta”.
QUENDAS DE 17 HORAS
"Somos os mesmos que en marzo, haberá dúas persoas máis"
Estas rotacións de persoal entre unidades veñen marcadas porque -segundo as mesmas fontes- o Sergas, no canto de ampliar persoal cun número importante de reforzos, optou por redistribuír os profesionais dispoñibles. “Somos os mesmos agora que en marzo. Haberá dúas persoas máis”, explica Paula. As xerencias reduciron así a dotación de persoal doutras unidades que agora deixaron de atender ou acumulan listaxes de espera anormalmente amplas.
Os recursos das xerencias, porén, non serviron para dar solución a unha falta de persoal que agora se deixa en ver en tácticas de “presión” sobre os sanitarios. Outro sanitario do CHUS que prefire non revelar a súa identidade fala de “moitos casos” de traballadores que “foron obrigados a dobrar quenda” despois de estar traballando “toda a noite”. “O supervisor díxolle que non atopaba ninguén para coller o relevo e que non podía abandonar a unidade mentres non houbera substituto”, explica en relación a un caso concreto que tivo lugar en setembro.
Os sanitarios do CHUS afirman contar cun bo número de documentos no que dan conta deste tipo de “incumprimentos” por parte da dirección. Este suceso en particular está recollido nunha incidencia que “enviaron por rexistro” a instancias superiores e á que tivo acceso Galicia Confidencial. Porén, segundo destaca este profesional, o caso de sanitarios “obrigados” a dobrar quendas é común na UCI do CHUS.
"CAÍDA DO SONO" NA UNIDADE
Un dos casos máis destacables tivo lugar nesta segunda, cando outro sanitario da unidade, logo de facer unha quenda nocturna de 10 horas, descubriu que non contaba con relevo para o día seguinte. Ante estas circunstancias, o profesional -que pide o anonimato por medo a “represalias”- permaneceu no seu posto de traballo un total de 17 horas. “Caída alí do sono”, explica unha compañeira do Clínico.
Tamén dende o CHUS, outra muller relata como, unha vez comezada a quenda de noite, que arrinca ás 22:00, foi avisada de que ía ter que quedar “toda a mañá” porque non había relevo. “Dixéronme que non podía deixar o posto de traballo se non viña alguén a coller a quenda”, sostén. Finalmente, puido abandonar a UCI ás 11 da mañá grazas á chegada dun compañeiro, tras unha xornada de 13 horas de traballo.
Estas acusacións contra a xestión das xerencias únense á suposta suspensión de días libres e mesmo de períodos de vacacións que estaría a ter lugar ante a falta de persoal. Paula, da UCI do CHUO, fala abertamente de “acoso” por parte da dirección do hospital: “Chámante ata 8 veces no teu día libre para que vaias traballar, a calquera hora”, describe. A “desorganización” queda patente tamén nas denuncias de Raquel, do CHUS: “recibín unha chama ás 7 da mañá no meu día libre para ir traballar. Que fago cos nenos?”, pregúntase.
PROTOCOLO “INCUMPRIDO”
Porén, as “presións” ao persoal das UCIs son só unha das moitas consecuencias que, alegan as fontes consultadas, ten a “falta de persoal” do Sergas. Como xa informou Galicia Confidencial uns días atrás, os hospitais galegos contan, en boa proporción, con UCIs ‘abertas’ nas que levar o EPI é preciso en todo momento ante a circulación da covid polo aire. A dureza de xornadas de 7 ou 10 horas con este traxe é evidente: “Tentas non beber para non ter que ir ó servizo, porque tes sacar todo o traxe, pero así deshidrátaste pola calor que fai”, relataba Rosa González, voceira dos sanitarios da UCI de adultos, a GC uns días atrás.
Segundo as denuncias, a solución de xerencias como a do CHUO ou o CHUS foi comezar a rotar ao persoal da UCI covid co da UCI limpa, unha práctica que contravén os protocolos do Ministerio de Sanidade. O contacto entre persoal limpo e sucio é unha constante, segundo describe Rosa González: “hai persoas que á unha da mañá teñen que deixar aos seus enfermos na UCI limpa para pasar á covid” por orde da xerencia. “Ao mellor nin sequera teñen roupa alí para ducharse”, subliña.
PERIGOS NA UCI
"Hai a posibilidade de que un paciente morra e non me decate"
Pero, por suposto, o auténtico problema desta “falta de persoal” reside nas dificultades para atender aos pacientes na UCI. Así o relata Lorena, do CHUO: “Se eu estou no box -cubículo- 6 facendo curas a un paciente, co EPI non escoito ben as máquinas. Se non hai alguén pendente do resto, hai a posibilidade de que un paciente se poña fatalítico ou morra e non me decate. Porque non hai ninguén que bote unha ollada xeral mentres outros estamos en cousas concretas”, sostén.
Este perigo dáse, sobre todo, nas primeiras horas do ingreso, cando os pacientes dependen do sanitario para “absolutamente todo”. Co persoal dispoñible, destaca a Lorena, resulta complexo manter a atención sobre a totalidade dos pacientes: “Na práctica rematamos estando 6 sanitarios para 14 persoas. É nada”, valora. Neste aspecto, a profesional do CHUO carga contra a súa Xerencia por non comezar os labores de formación ata este mesmo mes, “cando xa estabamos desbordados”. “Se houbera máis persoal a cousa quizais sería distinta”, subliña.
“AMEAZAS”
As denuncias e chamadas de atención dos sanitarios non foron ben recibidas polas xerencias, segundo destacan as fontes consultadas. Os voceiros da UCI do CHUS afirman ter recibido “ameazas” por parte dos seus superiores cando lles comunicaron que comezaban a mobilizarse. “Tivemos unha reunión co xefe de servizo, na que estaba a supervisora, e indirectamente díxonos que tiveramos coidado co que falaramos”.
Segundo describe un dos sanitarios, a conversa cos superiores sufriu unha escala de tensión que os levou a presentar mesmo unha incidencia. Galicia Confidencial tivo acceso a este documento, no que se describen as “coaccións” e “faltas de respecto” do xefe de servizo. De acordo co voceiro da UCI, este sanitario chegou a proferir “ameazas claras”, á parte de insultos contra o persoal: “chamounos incluso ineptos”. No documento recóllese textualmente a frase seguinte: “hay veteranas que no servís para nada”.
Os sanitarios de Santiago e Ourense consultados por GC coinciden na “falta de previsión” das xerencias. “Hai unha desorganización total e absoluta, co cal temos que improvisar en cada quenda”, Paula, que traballa na UCI CHUO. Esta sanitaria asiste preocupada á evolución dos contaxios e á dificultade diaria para atopar relevos. “É que non hai xente. “Como comecemos a ter algún positivo entre o persoal non sei que pasará”.
SEN RESPOSTA DO SERGAS
Galicia Confidencial tentou contactar co Servizo Galego de Saúde para contrastar as denuncias aquí recollidas. A día de publicación desta reportaxe, non houbo resposta algunha por parte do Sergas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.