Confinadas co maltratador: así viven miles de mulleres esoutro "virus que urxe extirpar"

A violencia de xénero camiña con máis virulencia da man da pandemia da Covid. A propósito do vindeiro 25N - Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller - analizamos canda a de tres expertas o impacto que teñen os confinamentos e a paralización da actividade para as mulleres en situación de maltrato.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai mulleres para as que a casa é o espazo máis ameazante e perigoso no que poden estar. Mulleres que viven presas dunha longa pandemia á que agora se suma outra máis. Mulleres que saben o que é vivir illadas, confinadas, moito antes de que a Covid chegara. Pero se daquela existía algún raio de luz, algunha pequena escapatoria que podía salvalas, a crise do coronavirus, xunto co confinamento, encargouse de pechala de golpe.

Mural realizado polas internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero.. INSTITUCIÓNS PENAIS - Arquivo
Mural realizado polas internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero.. INSTITUCIÓNS PENAIS - Arquivo

A violencia de xénero e a pandemia da Covid superpóñense e fanse máis fortes xuntas. A primeira delas precisa da socialización, da compañía e da axuda presencial para ser superada, e a segunda corre no camiño oposto: impón peches, restricións e confinamentos dentro das casas. Dende a chegada do virus, todas as mulleres en situación de violencia foron abocadas a convivir as 24 horas do día baixo a atenta mirada do seu maltratador. As expertas concordan en que esta pandemia resultou ser a tormenta perfecta para desatar a violencia de xénero no fogar, xa que a perda dos traballos, o incremento da convivencia e o malestar psicolóxico derivado da crise provocaron situacións límite que rompían no maltrato físico e psicolóxico contra as mulleres. 

De feito, as cifras pegaron un salto a raíz do confinamento: as peticións de asistencia ao 016 durante os meses da pandemia subiron en torno a un 60%. Así pois, no conxunto do Estado recibíronse 63.437 chamadas, das que 2.561 procedían de Galicia. Ao mesmo tempo, os xulgados de violencia de xénero descenderon a súa actividade polo menor número de denuncias, que en concreto baixaron un 19'4% en Galicia no primeiro trimestre do ano. Con todo, durante os primeiros meses do 2020 incoáronse 17.370 ordes de protección no Estado, 1.018 delas en Galicia, segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial. Ademais, actualmente contabilízanse no país 3.733 casos activos por violencia de xénero. 

Sobre a percepción social, unha macroenquisa realizada pola Xunta arroxa estoutro dato importante: o 65,5% das persoas entrevistadas considera que a violencia se incrementou nese período por dous motivos: unha convivencia continuada co agresor e unha dificultade para pedir axuda. E é que, segundo tamén concordan as expertas, as posibilidades de defensa das mulleres en situación de maltrato víronse reducidas co peche da actividade presencial. 

MÁIS CONTROL E MÁIS VIOLENCIA

A psicóloga Concepción Rodríguez leva desde o ano 2004 traballando no programa de atención a vítimas de violencia de xénero desenvolvido polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia xunto coa Consellería de Igualdade. A situación do "inescapable" - explica - provocou o desbordamento de moitas mulleres que agora comezan a pedir axuda psicolóxica. "Durante o confinamento viron como desaparecían da sociedade, como deixaban de existir. Subsistiron a estas situacións de maltrato con moitísima soidade e con moita máis tristeza e impotencia. Non se vían con outra posibilidade que non fora a de resistir".

Os casos de violencia de xénero víronse aumentados a raíz do confinamento. JUNTA DE ANDALUCÍA
Os casos de violencia de xénero víronse aumentados a raíz do confinamento. JUNTA DE ANDALUCÍA

Esta convivencia pechada e esta imposibilidade das mulleres de saír do fogar, incluso para ir aos supermercados - curiosamente ateigados de homes durante os meses do confinamento -, aumentou o maltrato "en intensidade" e fixo que apareceran expresións de violencia onde non as houbera ata aquel momento. "Se a isto lle unimos a inseguridade que crea a potencial perda de emprego, de poder adquisitivo e de incerteza no futuro, coa frustración que isto supón, para que queremos máis?", fala agora Lola Ferreiro, psicóloga especializada en saúde e xénero. 

Así pois, o confinamento máis estrito do comezo da pandemia e os pequenos peches que se seguen producindo agora dan renda solta ao maltrator. E sobre todo, facilitan un "traballo" que viña desenvolvendo desde sempre: o illamento das mulleres. "Ese labor de ilas afastando de xente que as poida escoitar, apoiar e acompañar, que é fundamental para a continuidade das violencias directas, estivo facilitado desde marzo pola obrigatoriedade de dito isolamento", asegura Ferreiro. Esta herba mala que é o maltrato busca calquera oportunidade para enraizar, e o medo e a indefensión das vítimas que se acentúa nun contexto xeral de incerteza son o mellor abono para a violencia machista. 

DIMINUCIÓN DA CAPACIDADE DE RESPOSTA DAS MULLERES

Ante a falta dunha vía de auxilio, as mulleres en situación de maltrato senten que a única solución pasa por "resistir" ata que todo calme. "Carecen de posibilidades para dar un paso adiante por varias razóns: están totalmente vixiadas, os servizos sociais están colapsados e viven na precariedade económica, non teñen a onde ir", denuncia Beatriz Guerra, outras das psicólogas do programa de atención a vítimas e empregada do gabinete Chavert Piscología. Desta maneira, as respostas das mulleres maltratadas tamén se ven modificadas pola nova realidade á que se enfrontan durante a pandemia. 

A inseguridade e o medo mestúrase perigosamente coa "falta de confianza" nos dispositivos asistenciais, sociais, policiais e xudiciais, indica Ferreiro; de maneira que a iniciativa das mulleres afectadas se reduce en gran medida. Moitas delas, concordan as expertas, mesmo aprazan decisións que concernen á ruptura. "Priorízanse outras urxencias; e cando temos algo que consideramos urxente, o demais - por importante que sexa - queda para un lado. Se hai que tomar algunha decisión con respecto á vida en parella e agora mesmo hai tantas novas circunstancias polo medio, as mulleres non se senten coa seguridade de ter todo controlado para dar o paso", analiza a psicóloga Concepción Rodríguez.

Se ben as mulleres xa "nunca estiveron o suficientemente protexidas", nun contexto coma este as medidas de apoio alcanzan mínimos; o que supón unha forma máis de violencia, lembra Ferreiro, "porque o maltrato directo non se produciría se a violencia non fose estrutural, e neste caso concreto, tamén institucional". Dos informes oficiais despréndese que entre o 30% e o 40% das mulleres asasinadas tiñan presentado unha denuncia. Asóciase, fala Beatriz Guerra, que o asasinato se produce cando unha muller pon unha denuncia ou decide separarse. "Observabamos que cada vez había unha separación máis prematura, pero agora en corentena, sen poder saír e na precariedade, as mulleres non se atreven".

SAÚDE MENTAL MOI DANADA

Todo isto repercute dunha maneira directa na saúde mental - e non só - das mulleres. "Non esquezamos" - advirte Ferreiro - "que os máis dos traballos de coidados están nas mans das mulleres, que o traballo reprodutivo non parou en ningún momento e que todo isto hai que compatibilizalo co emprego ou co teletraballo". O resultado: máis carga, máis exposición á infección e máis estrés. Desta maneira, a pandemia agrava o problema que supón a violencia para a saúde das mulleres. "Está comprometida dende o momento en que nos educan para ser abnegadas, para non coidar de nós mesmas", prosegue a psicóloga.

Nos contextos de convivencia familiar, o nivel de estrés amplifica as discusións e os conflitos non só cara ás mulleres senón tamén cara ás crianzas. Ambientes desagradables que pasan "unha factura moi importante nelas", remarca Guerra. "Moitos nenos e nenas viven a violencia como algo habitual e responden tratando mal as súas nais; e outras enfrontan estas situacións con moita ansiedade e medo". Para as expertas, unha boa protección contra o maltrato debería ir encamiñada, precisamente, a mellorar o acceso a axuda psicolóxica dentro do sistema, tanto para vítimas coma para agresores e crianzas. O apoio para resolver situacións de dificultade e a educación emocional en igualdade é a "vacina máis eficaz contra a violencia de xénero", indica Rodríguez. E é que "a saúde debe ser integral; non existe unha saúde física ou psicolóxica, existe saúde ou non saúde".

O IMPACTO DA PRECARIEDADE DA SANIDADE PÚBLICA

Porén, a situación de precariedade que se vive na sanidade pública, xunto coa ausencia de políticas que reforcen a educación emocional, dificulta o tratamento das doenzas das mulleres. "As teleconsultas, a falta de recursos na sanidade pública debido aos recortes e a presión asistencial agravan claramente a situación de maltrato e a saúde das mulleres que xa había antes da pandemia", sentenza Lola Ferreiro. O sistema de saúde pública, moi exposto ante un virus que o está poñendo ao límite, debe "detectar e axudarlles ás mulleres a que identifiquen a violencia machista". "Por que se a situación da violencia non está identificada como tal, non se poñen os malestares en relación coa causa que os provoca e, en consecuencia, non se poden resolver dun xeito efectivo", sinala. 

O 25N E A LOITA DE AQUÍ EN DIANTE

Agora, ás portas dun novo 25N moi diferente a todos os que precederon, resoa nas nosas cabezas aquel canto único - 'Un violador no teu camiño' - que tan poderosamente se fixo con milleiros de cidades de todo o mundo hai xusto un ano. Desta vez, a pandemia obriga a cambiar a forma, mais non poderá co fondo. O movemento feminista redobra, pois, todos os esforzos ante unha crise que nos ameaza a todas, posto que, se ben "non implicou un paso atrás, si supón máis dificultades para seguir dando pasos adiante na loita contra a violencia de xénero". Con todas as actividades presenciais relegadas ao ámbito dixital, moitas mulleres perden o acceso a moitos talleres e cursos. "Isto supón unha sorte de alto no camiño que implica unha dificultade grande de seguir facendo presión", entende Ferreiro. Poida que este 25-N sexa "moito menos intenso", mais o que si debe manter é "o valor simbólico da conmemoración para que as mulleres en situación de maltrato se sintan visibilizadas, apoiadas e valoradas". 

A conversa con Concepción Rodriguez remata cunha poderosa frase: "A violencia contra as mulleres non deixa crecer a humanidade". Nas nosas mans está reducir a virulencia e a capacidade de contaxio destroutro "virus que urxe extirpar" da sociedade. Porque é bonito ver medrar a humanidade, non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta