Onde están os contratos con Marcial Dorado?

Feijóo insiste en que non destruíu contratos e di que todo o que había "xa se lle remitíu aos grupos". Toda a oposición cualificao de "mentireiro" e pídelle que dimita.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/05/2013 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

"O meu goberno non destruíu ningún papel, ningún documento nin ningún contrato vinculado coas empresas de Marcial Dorado". Con contundencia volveu respostar Feijóoo ás preguntas dos grupos da oposición sobre os famosos contratos que a Xunta asinou co narcotraficante e que, sen embargo, non aparecen por ningún lado.

Feijóo na Cámara galega
Feijóo na Cámara galega | Fonte: parlamentodegalicia.es

Nunha nova tensa sesión parlamentaria Feijóo insistiu no que xa dixo noutras intervencións na Cámara sobre a súa relación sobre Dorado. "Reafirmome sen emendas nin raspaduras no que xa dixen", suliñou ao inscribir esa amistade nos seus tempos de xuventude nos que non sabía a que se adicaba o que entón era un recoñecido contrabandista da Arousa.

"Mentireiro"

Pero a repetición de argumentos do presidente non convencen á oposición que insistiu, novamente, en que explique as lagoas que existen nesa relación que mantivo con Marcial Dorado, especialmente, nos contratos que as súas empresas tiveron coa Xunta. Tanto o portavoz do BNG na Cámara, Francisco Jorquera, como a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, cualificaron a Feijóo de "mentireiro" e esixiron a súa "dimisión" polo "ben" de Galicia. 

E é que todos os grupos da oposición insistiron este mércores na "contradición" que supón o feito de que Feijóo diga que non hai contratos anteriores a 2003 e que, despois, o secretario xeral de Sanidade, Antonio Fernández-Campa, "afirmase que era imposible reunilos".

Curiosamente, o presidente avalou o manifestado por Fernández-Campa e aludiu á existencia dunha comisión de selección documental, "órgano que decide sobre os documentos que se gardan na Administración", incidiu ao tempo que manifestou que non se destruíu "ningún contrato".

A quen crer?

"Se non me cre a min, creáo a el. Non se podo ensinar o que non existe", insistiu Feijóo. "Tanto el coma vostede están mentindo. Iso é unha falsedade. E os que din mentiras deben dimitir", espetoulle o líder do PSdeG, Pachi Vázquez, a quen Feijóo tentou ignorar e mesmo chamou "teloneiro" de AGE e BNG.

"Non habendo documentos que o sosteñan, a Xunta proporcionou xa toda a información", dixo Feijóo en alusión á relación dos pagos a firmas de Dorado nos últimos 20 anos remitida á Cámara. "A relación comercial, iso é o importante", esgrimiu, para engadir que mesmo se proporcionaron "máis" datos dos que pediu a oposición ao incluír subvencións. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 morasleira

Sigo pensando que esta non e a senda a seguir para presentarse a unhas eleccions con garantias de facer algo claro. A xente da rua non lle importa toda esta carallada pero si ve que o parlamento e unha carallada.

2 Lubre

O único que é falseábel é a verdade. A mentira non necesita ser falseada para que sexa máis mentira. Con todo, para Feijoo a mentira non representa ningunha realidade. Pode seguir mentíndose indefinidadamente en tanto alguén no lle dea unha labazada (democrática) que o faga volver en si. Os seus esquecementos, lapsus, contradicións… fan del unha persoa caótica que non diferencia o ben do mal. Outro Fraga? Outro Berlusconi? Arrenégote, demo! Tamén nos tiña que tocar isto?

1 Coiro

Mentíu cando dixo non coñecer as "actividades" de Marcial Dorado cando ia con el de vacacións, mentíu cando asegurou que curtara a súa relación con el en 1.998, mentíu cando dixo que os documentos destruíronse... e todo iso no Parlamento de Galicia. E aínda ten o valor de dicir que vaia Beiras en coalición con Dorado... Como se pode ser tan inmoral e tan fachendoso ao mesmo tempo? Sabe de sobra que levando o debate aos personalismos Feijoo-Beiras ten moito que gañar e mentres non fai máis ca mentir e pasarse a hixiene democrática polo forro dos pantalóns ao tempo que presume de superioridade moral sen que lle mude a cara e sen se poñer colorado. De que materia esta feita este home?, merecemos os galegos un presidente así? DIMISIÓN XA