Por Xosé M. Eyré | Vigo | 13/06/2013 | Actualizada ás 17:00
Título: A asasina
Autor: Alexandros Papadiamandis
Traducen: Susana Losada e Margarita Olivar Roldán
Editorial: Hugin e Munin
Na transición do século XIX ao XX, en pleno debate entre naturalismo, realismo, relativismo, modernismo… En definitiva, cando o debate creativo na procura de novos camiños expresivos estaba en pleno desenvolvmento, aló polo 1903, o grego Alexandros Papadiamandis daba a luz esta novela, A asasina, agora traducida por Susana Losada e Margarita Olivar para Hugin e Munin,e considerada unanimemente como unha obra magana, a primeira grande novela grega da narrativa grega moderna. Para o crítico, asignar a novela unha corrente ou outra preséntase como un atraente reto, pois certamente a novela de Alexandros Papadiamandis contén características mediante as cales pode ser asignada a unha ou outra. É unha novela inequivocamente realista; se se teñen en conta as coidadas e profusas descricións que Papadiamandis fai da xeografía, pode ser considerada naturalista; tendo en conta que a novela obriga o lector a cuestionarse sobre o que é xusto e moral e que non o é, tamén pode considerarse relativista; e dado que Dickens, Ibsen, Dosievski, Rodin ou Nietzche tamén aparecen no listado de autores modernistas, e esta presenta concomitacias particulares con eles, ou que co denominado “modernismo crioulo” tamén ten puntos de contacto, a denominación de modernista tamén lle acae moi ben; non faltando quen lle sinalara un determinismo evidente. Porén teña seguranza do lector de que non imos prolongar semellante debate, que nin neses –ismos citado se esgota, pois seguramente o único que lle fará xustiza á novela e o autor será precisamente presentala como tentativa de superación de todos eses movementos, movementos entre os cales cabe mesmo introducir etiquetas non contemporáneas, o cal salienta con xustiza unha obra que racha calquera asignación posíbel, podenrando a sú magnanimidade, o seu cerne excelso e único. Non, non continuaremos este atraente debate, conscientes de que ao lector desta crónica libresca, e posíbel lector da novela, outros pormenores lle interesarán máis a cerca da lectura proposta.
A asasina, en primeiro lugar, é unha novela moi intelixentemente escrita, de xeito que cada uns dos seus capítulos, cada unha das súas páxinas cativen o lector de xeito que lle problematice pospoñer a lectura iniciada. Nos primeiros capítulos, a protagonista ( porque tamén pode considerarse novela de protagonista), Khadula, mentres vela o sono da netiña e da súa nai, vai lembrando a súa propia infancia, que é unha maneira de expoñer as características dunha sociedade rural decimonónica ( matrializadas nunha illa lgrega) na cal a muller resulta un problema, case unha traxedia constitúe o feito de ter fillas nunha sociedade pobre, pois despois haberá que lles prover dote para que poidan casar, feito que condiciona totalmente a economoía e vivir de campesiños que xa só traballarán para iso, e tendo en conta que casaren tampouco mellorará as condicións de vida das mulleres, xa que non deixarán de seren serventas ( primeiro da familia, despois do marido até que volvan servir a súa propia familia), nun ambiente no cal se queren mellorar han ter botar man de artes pouco ou nada nobres ( como a rapina ou engano), tal e como a propia vida de Khadula demostra.
Pregúntase entón o lector cal será a asasina, porque se titula así a novela?
Esa pregunta, porén, non o abandonará no transcurso da lectura. Pois en canto Khadula interfira, de xeito máis intuitivo que razoábel posto que tal raciocinio se opón á propia vida e a moral, nestas condicións, matando a súa propia neta, tal cuestionamento non deixará de condicionar a lectura posto que a protagonista central “non o fai por mal” senón porque as circunstancias extremas da sociedade en que vive non lle deixan outra saída. Para que deixala vivir? Para que, cando medre e case, empobrecendo así os pais, lle toque ser arrastrada polo chan polo seu propio fillo, como lle acontecera á propia asasina?, para non poder zafar dunha vida mísera na cal non deixará de preocuparse por fillos que a maltratarán?
Sabe, ademais, o autor, introducir o elemento fortuíto xa que non todos os crimes imputados a Khadula son responsabilidade súa, podendo así aínda falar,como xa vimos, de determinismo, e inclusive haberá quen lle vexa tremendismo. Obsérvese que xa dixemos que as etiquetas aplicábeis a esta novela non teñen porque ser contemporáneas súas. Entre nós vén sendo utilizada outra denominación máis, pois con novelas deste tipo aoita falarse de “novelas da Galiza profunda”. Non é unha denominación xenérica literariamente ben establecida, mais a translación á realidade grega ( “novela da Grecia profunda”, pois) pode permitir unha rápida visualización, unha rápida descrición do contido.
Eis, pois, unha novela inclasificábel, unha novela á que só lle acae ben e xusto o cualificativo de obra mestra, pois sabe nadar entre as diferentes adscricións que a época proporciona e mesmo adiantar outras que aínda tardarían no tempo. Maxistralmente deseñaada e escrita, de xeito que aínda que a historia contada muta ao se desnvolver o interese lector non decae senón que se acrecenta. Sendo a súa vez imposíbel que o lector non se cuestione a cerca do que está lendo e o seu significado, e importan pouco as posíbeis conclusións, pois o realmente decisivo é ese papel activo lector, o papel activo dun lector ao cal a impsibilidade lle está vetada en función dun humanismo que á súa vez a novela pon en cuestión. Porque, en definitiva, alén de calquera outro criterio asignador, o feito de que propoña un tipo de lectura radicalmente diferente do decimonónico é o único verdadeiramente decisivo. Que propoña esa lectura, lembremos que a novela é de 1903, porque realmente se logrou esa lectura, é sen dúbida froito de que o autor non se decante por ningunha estética en particular senón que sabe inserir diferentes perspectivas lectoras sen que estas berren entre si.
Imprescindíbel en calquera biblioteca que se prece, esta apaixonante lectura. Apaixonante, malia a neutra frialdade da terceira persoa narrativa que expón, pois as cousas e os feitos gardan en si mesmas os únicos vínculos afectivos estimábeis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.