Por GC Tendencias | Galicia | 03/06/2013 | Actualizada ás 08:47
Títulos: Palestina e Gorazde, zona segura
Autor: Joe Sacco
Editorial: Rinoceronte
Ano: 2013
O xornalista e debuxante norteamericano Joe Sacco viaxou a Palestina no inverno de 1991, cando a Primeira Intifada entraba no seu tramo final. En apenas dous meses de estadía, Sacco percorreu diferentes vilas e cidades da zona, recollendo numerosos testemuños dos seus habitantes, principalmente entre os palestinos. De volta a Estados Unidos, relataría a súa experiencia nos nove cadernos que conformaron a serie Palestina, posteriormente compilados nun tomo único que axiña resultaría acredor de distincións diversas e dun recoñecemento crítico unánime.
A metade de camiño entre a crónica xornalística e o caderno de viaxe, en Palestina atopamos unha instantánea do estado da confrontación entre palestinos e israelís a principios dos anos 90. Sacco foi quen de construír un denso macrotexto no que as súas experiencias na zona se mesturan con testemuños de cidadáns e datos históricos. Malia valerse de ferramentas xornalísticas, o propósito do autor non semella ser o de ofrecer unha visión global do conflito, senón o de expresar a súa percepción persoal ao respecto. No canto de aspirar a unha complicada neutralidade, Sacco opta polo compromiso, advertindo da desigual relación de forzas entre os dous bandos en conflito e denunciando os repetidos abusos dos colonos fronte os palestinos. O seu discurso é parcial, mais tamén honesto, e non renuncia a expoñer as zonas escuras da posición palestina, o fanatismo, a violencia ou a contraditoria situación na que se atopan as mulleres máis activas politicamente.
No que atinxe ao aspecto gráfico, o debuxo de Sacco denota unha clara influenza do underground norteamericano. De trazo groso e con tendencia á deformación expresionista, o seu estilo vai suavizándose a medida que o relato avanza, evolucionando cara un acabado máis realista e asumindo fórmulas narrativas cada vez máis convencionais.
Para comprender o impacto que supuxo a publicación orixinal de Palestina hai que decatarse de que o desafío que contiña era dobre: por unha banda, a súa visión do conflito contradicía a tradicional simpatía da opinión pública estadounidense cara o bando xudeu. Por outra, o feito de Sacco recorrer ao cómic para levar a cabo un proxecto destas características puña en cuestión os límites implícitos do medio, esnaquizando ideas preconcibidas acerca da capacidade da banda deseñada para ir máis aló das formas e contidos que tradicionalmente se lle asignaban como propios.
Uns anos máis tarde, Sacco repetiría a fórmula con Gorazde, zona segura, obra centrada no conflito dos Balcáns e no que se expón cómo a vila de Gorazde, especialmente vulnerable pola súa ubicación e a súa escasa relevancia política e económica, pasou de ser un lugar onde serbios e bosnios de distintos credos convivían pacificamente, a converterse no escenario dunha guerra entre veciños. Sacco nútrese de testemuños de cidadáns bosnios para ofrecer un retrato estarrecedor dos horrores da guerra, ao tempo que expón algunhas claves da complexa historia de Iugoslavia imprescindibles para comprender o estoupido bélico dos anos 90. A alusión do título ao estatus de protección que a ONU lle asignou a zona é a única concesión á ironía que atopamos en toda a obra, que pode lerse tamén como unha contundente denuncia da ineficacia das Nacións Unidas e da diplomacia internacional para deter unha matanza que estaba a ter lugar no seo da civilizada Europa.
A publicación de Palestina e Gorazde, zona segura en versión galega por parte de Rinoceronte Editora achéganos dúas obras de referencia do cómic de autor, ademais de dous títulos fundamentais para comprender a evolución recente do medio. É unha ledicia poder ler na excelente tradución de Rafael Salgueiro uns traballos que, despois de dúas décadas, conservan toda a súa contundencia e que veñen a sumarse ao feixe de títulos esenciais da banda deseñada vertidos ao galego pola editorial canguesa. Con estas dúas obras fica completo o plan inicial da colección de Novela Gráfica, sen que ata a data se anunciaran novos títulos. Agardamos que axiña haxa máis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.