Castrexos e romanos ocuparon a Mariña lucense vivindo do seu mar

Por Galicia Confidencial | | 14/12/2020 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

occidente cantábrico é unha zona onde os estudos arqueolóxicos non se estenderon moito. Sen embargo, si é un lugar onde apareceron abundantes restos e xacementos ao longo dos últimos 150 anos. O por que da pouca exploración deste terreo non responde a unha orografía complicada, nin á falta de vías de comunicación, senón, máis ben, á lonxanía respecto a aquelas áreas que suscitan máis interese para a investigación arqueolóxica na península. Para que invertir nunha zona por descubrir se sabemos que noutras 100 % imos atopar algo?

Cartaz Olimpíada Galega de Historia
Cartaz Olimpíada Galega de Historia | Fonte: UVigo

Pese a estes inconvenientes si se produciron algunhas intervencións arqueolóxicas de interese e se documentou un importante número de xacementos na área costeira que discurre dende a Punta de Estada de Bares (no municipio coruñés de Mañón) ata a Ría de Ribadeo (no este de Lugo chegando a Asturias), o que se coñece como a comarca da Mariña, chegando ata as serras setentrionais de Galicia. Esta estensión pode dividirse, á súa vez, en dúas: entre Estaca de Bares e Cabo Burela hai material granítico e unha liña de costa quebrada con moita ondulación, pouca zona chá e abundantes cauces fluviais; e dende o Cabo Burela ata a Ría de Tina Mayor hai numerosos acantilados.

Debido ás diferentes composicións do terreo hai restos que se poden atopar nunha zona e non noutra, sen querer esto dicir que as poboacións non estivesen tamén asentadas nela. De feito, a día de hoxe adoita confundirse a ausencia de datos publicados coa escasa romanización da área, algo que non é certo, xa que o occidente cantábrico está cheo de multitude de asentamentos castrexos con ocupación durante a época romana, ademais de asentamentos de nova planta, establecementos artesanais e algunhas minas auríferas (minas de ouro).

A ocupación, iso si, foi máis frecuente na liña de costa. Os estuarios dos principais cursos fluviais e das vías presentes ofrecen a conexión con sistemas dunares a pe de praia que foron empregados para o levantamento de novas construcións. Así é como pode entenderse a vocación marítima destas poboacións, confirmada pola sustancial explotación de recursos mariños documentados. O artigo 'Castrexos e romanos no occidente cantábrico', elaborado por Hugo Lozano, Eduardo Ramil e Sara Barbazán, membros do Museo de Prehistoría e Arqueoloxía de Vilalba; e José Manuel Caamaño, profesor de Historia na Universidade de Santiago de Compostela (USC), amosa estes elementos recuperados.

MATERIAIS RECUPERADOS

Desgraciadamente, a maioría dos restos e coleccións arqueolóxicas recuperados da zona da Mariña non gozan dun contexto estratigráfico ben definido. É lóxico, xa que como apenas houbo investigacións arqueolóxicas na zona, a maior parte dos restos achados foron atopados por persoas, estando en zonas moi superficiais, sen chegar a profundar no interior dos estratos. Así, a existencia de datacións radiocarbónicas non logra paliar a falta de cronoloxía definida. Por iso, as datacións realizadas son relativas e en base a outros achados noutras zonas da península.

Recentemente, en varios castros da zoona documentouse unha producción importada, non propia: as ollas de cerámica común non torneada de difusión aquitano-tarraconense. Chegarían a Lugo grazas á expansión destes pobos pola costa cantábrica e aquitana. A súa aparición, xa constatada en xacementos costeiros asturianos e na cidade de Lugo, permítenos desterrar o prexuicio que pesou durante moito tempo sobre o Cantábrico como mar perigoso e de difícil tránsito. Lonxe diso, houbo navegación nas súas augas e creáronse asentamentos nas súas costas, polo que formaba parte da vía de comunicación entre as costas septentrionais do Imperio e o Mediterráneo.

A conexión entre o territorio astur e o occidente cantábrico non se limita ás importacións, tamén se evidencia no resto da cerámica que compón as coleccións, notándose unha notable semellanza cos materiais recuperados nos castros da conca do Navia e do Eo, así como noutros xacementos do occidente asturiano. E da navegación dos romanos polo Cantábrico temos mostra, non só na aparición de cerámicas importadas procedentes do sector oriental ou na semellanza con xacementos asturianos, senón tamén na explotación pesqueira que atestiguan os restos de ictiofauna recuperados nos castros e a existencia de dúas factorías de salazón: a de Bares e a de Area, tamén coñecida como Estabañón.

Mais a pesca non é a única actividade que se desenvolvía nos asentamentos e que se pode documentar a través de restos faunísticos. A gandería e a caza están atestiguados a través dos restos óseos. Existen evidencias de certa actividade cinexética, aínda que seguramente fose esporádica e complementaria ás actividades agropecuarias. As cabanas ganadeiras predominantes son as habituais: bovina, ovicaprina e porcina, sen embargo, tamén se documentaron restos de galiñácea. A presenza de cabalos é minoritaria e documentouse a través de pezas dentais tanto en Punta do Castro como en Fazouro.

Entre os restos malacolóxicos destaca a aparición, en varios destos asentamentos, de grandes cantidades de púrpura, e pola súa cantidade e o nivel de fragmentación das cunchas, seguramente se recolectasen para ser procesadas e obter delas pigmentos, para pintar e decorar. O estudio dos concheiros permitiu tamén documentar actividades como a forxa. Sen embargo, apenas se atopan obxectos de ferro, pertencendo a maioría dos conservados a cravos. 

Tampouco se teñen recuperado unha gran cantidade de obxectos de bronce, e os conservados destacan únicamente pola súa función ornamental ou simbólica. De feito, nesta área son relativamente comúns os achados de orfebrería dende a segunda metade do século XIX. Cara 1897 cerca do castro de Llas en Foz, entón coñecido como Cú do Castro, descubriuse unha peza denominada Torques de Marzán, que foron erróneamente relacionados con outros xacementos próximos, situados tamén na parroquia de Marzán.

Ademais desta peza, poderían ter aparecido nesta área varios torques que se consideran procedentes do entorno da cidade de Viveiro, aínda que a súa orixe non está de todo claro. Delas, só unha recibiu o nome de Torques de Viveiro, unha peza achada no xuncal de Portochao, xunto ao río Landrove, segundo reflexa a correspondencia entre J. Araújo e Manuel Murguía de 1867. Hai outro fragmento de torques que puido aparecer en Viveiro, aínda que a súa orixe tamén se atribuiu a Masma, parroquia de Mondoñedo. Outra torques moi coñecida, polo seu tamaño e peso de 1,811 gramos, é a denominada Torques de Burela, atopada no Chao do Castro, lugar próximo a Cabo Burela. 

Así mesmo, ademais de torques, na área apareceron outros adornos de ouro. Entre eles destaca a Arracada de Burela, atopada en 1954; e varias diademas-cinturón. Un conxunto destas diademas puido atoparse na vertente oriental da Ría de Ribadeo, no municipio de Vegadeo. Alí tamén tivo lugar o achado, xunto a estas diademas, dun broche con dúas rosetas no anverso.  

Finalmente, téñense atopado moedas romanas en varios puntos da costa, entre elas, destaca pola súa entidade o chamado Tesorillo de Bares. Este grupo de moedas apareceu nas proximidades do Porto de Bares (Mañón), e tiña na súa orixe máis de mil pezas das que 700 se atopan actualmente no Museo Provincial de Lugo. Estudosos chegaron á conclusión de que varias corresponden a emperadores e emperatrices do século tres despois de Cristo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta