Por Galicia Confidencial | A coruña | 22/12/2020 | Actualizada ás 21:21
A Real Academia Galega dedicaralle a Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) o Día das Letras Galegas de 2021. O Pleno da institución acordou na sesión celebrada esta tarde homenaxear o ano que vén a quen foi unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea.
Xela Arias formou parte dun grupo de poetas que tamén recibirán a homenaxe da RAG a través dela: o dos mozos e mozas que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma. Pero a dela é unha desas voces singulares e inclasificables, de tal maneira que —en palabras de Ana Romaní— o seu é un nome que se pronuncia sen xeración.
"A protagonista das Letras Galegas 2021 concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar", apunta a RAG nun comunicado. A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora.
Os primeiros versos que Xela Arias publicou viñeron a lume en distintas revistas e xornais dende os primeiros anos 80. En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, volume no que os versos e a fotografía se fusionan a través de vinte e catro poemas acompañados doutras tantas imaxes, a maioría de corpos espidos, entre eles o da propia autora. No seu terceiro poemario, Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tratamento tradicional. En 2003 chegou o seu derradeiro libro, Intempériome, un chanzo máis na súa exploración para converter a desobediencia e a transgresión en palabra poética.
COMPROMETIDA
A elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas —coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige— e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta. Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego. Fíxoo como correctora de estilo e editora, e tamén ao iniciar nos anos 80 un labor pioneiro no mundo da tradución, un eido poucas veces recoñecido, pero que en 2021 tamén será homenaxeado na súa figura.
Entre outros títulos, verteu ao galego dende o inglés, o italiano, o portugués ou o castelán autores e autoras como Bram Stoker (Drácula), Roald Dahl (As bruxas), Angela Carter (Venus negra), Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Carlos Oroza (Caballum) ou Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor); e formou parte dos equipos que trouxeron á nosa lingua O Quixote de Cervantes ou Dublineses de James Joyce.
ANA ISABEL BOULLÓN
No pleno de hoxe tamén se elixiu académica de número a Ana Isabel Boullón Agrelo, que ocupará a cadeira vouga polo pasamento de Xosé Luís Franco Grande. A profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, é unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega,
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.