Está o novo plano forestal da Xunta "viciado e invalidado"?

A Alianza Rural Galega pide adaptalo ao inventario forestal galego.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 29/12/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Alianza Rural Galega (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM) critica á Xunta por pretender aprobar en 2021 o Plano Forestal tras anuncialo hai tres anos e ano e medio despois de telo sometido a exposición pública e "metido nun caixón".

Ante tal situación, a Alianza Rural Galega pregúntase se o Plan forestal que agora pretende aprobar o actual goberno e que este tilda de “estratéxico para o futuro do monte galego” é o mesmo que someteu a exposición pública en xuño de 2018, ou ben se se trata "dunha nova revisión ou dun documento ex-novo e diferente ao xa coñecido".

Unha plantación de piñeiros fronte a outra de eucaliptos
Unha plantación de piñeiros fronte a outra de eucaliptos | Fonte: CG

Con todo, lembra que o proxecto "naceu viciado e fica invalidado", principalmente, por non proxectar os seus obxectivos e medidas a partir de datos certeiros sobre o estado actual, de distribución e composición dos diferentes tipos de formacións arbóreas na xeografía galega. Tal e como alegaron máis de 70 organizacións e colectivos, a proposta de modificación do Plano Forestal de 2018 baséase en datos, di, "absolutamente ficticios e desfasados" sobre a situación da superficie forestal galega, ao tomar como referencia os datos recollidos no IFN4 (Cuarto Inventario Forestal Nacional) que data de 2009, é dicir, de hai 11 anos.

Por tanto, destaca que a existencia dun inventario forestal galego é vinculante para poder aprobar unha reforma do Plan forestal conforme á legalidade vixente. "Isto implica que mentres non haxa un Inventario Forestal Galego non se poderá aprobar a revisión do Plano forestal de Galiza", sinala.

Deste xeito, insta á Xunta a revisar a proposta de modificación do Plano Forestal galego que se atopa en proceso de tramitación en función da diagnose que se obteña do novo inventario forestal galego e, por conseguinte, volver someter o documento resultante a participación e consulta pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta