Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 13:22
Os establecementos e locais de xogos e apostas, como casinos e bingos, terán a posibilidade de abrir máis horas en Noitevella, ata as 23,00 horas, nun total de 39 municipios galegos nos que, con todo, a hostalaría terá que permanecer pechada en atención directa desde as 18,00 horas ese mesmo día.
Trátase dunha excepción que recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) na súa edición bis do martes 29 de decembro, na cal se publicaron as medidas decretadas pola Xunta tras o comité clínico do luns, que presidiu Alberto Núñez Feijóo.
Con todo, esta medida con respecto aos locais como bingos e casinos non foi anunciada na rolda de prensa posterior ao comité clínico que ofreceu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nin na do presidente da Xunta tras o Consello este martes. Ambos si informaron da ampliación horaria para toda a hostalaría nos municipios con máximas restricións e de nivel medio alto.
Así as cousas, desde este mércores, restaurantes e bares poderán abrir nos concellos cos dous niveis máis duros de restrición ata as 18,00 horas, unha hora máis do que estaba establecido ata este momento. Esta medida coincide co segundo período vacacional do Nadal, pero permanecerá máis aló destas festas, xa que se estudou, dixo o propio Feijóo, que non incidirá nunha evolución negativa da pandemia.
EXCEPCIÓN PARA Os LOCAIS DE XOGO E APOSTAS
En segundo termo, este punto do DOG con excepcións concretas para Noitevella refírese aos establecementos e locais de xogo e apostas. Todos eles poderán abrir ata as 23 horas en todos os concellos galegos, salvo os que teñen as restricións máximas, que son: o perímetro Verín-Monterrei-Cualedro-Castrelo do Val; Noia-Lousame; O Grove-Sanxenxo; Cambados; Bueu; Baiona; Rianxo; Ribeira; Boiro; As Pontes; e Viveiro.
Isto significa, ademais, que nos municipios con restricións medio-altas, é dicir, naqueles nos que as reunións están limitadas a catro persoas e teñen a hostalaría pechada ás 18,00 horas, si poderán abrir casinos, bingos e salas de apostas e xogos de azar.
O cal se traduce en que este tipo de establecementos poderá abrir en Noitevella ata as 23 horas en 39 concellos nos que a hostalaría permanecerá pechada (salvo para entregas a domicilio e para levar) desde as 18 horas. Conforman este conxunto: perímetro Vigo-Mos-Redondela-O Porriño-Nigrán-Gondomar; Pontevedra-Marín-Poio; Ferrol-Narón; Santa Comba-Mazaricos-Negreira; A Guarda-Tomiño-O Rosal; Vimianzo-Camariñas-Zas; Dumbría; Fisterra; Porto do Son; Outes; Muros; Carnota; A Pobra; Carral; Xove; Vilalba; A Rúa; Sarreaus; Xinzo; Barro; Meaño; Vilagarcía; A Illa; Cangas; e Tui.
Ademais, este horario de apertura estará tamén permitido para os 251 concellos que están en nivel básico de restricións e os que se atopan en nivel medio: A Coruña-Culleredo-Arteixo-Cambre; Santiago de Compostela; Moaña; e Soutomaior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.