Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2021 | Actualizada ás 14:00
O 2020 foi un ano de vertixe, pero tamén trouxo canda el unha eclosión ben interesante de podcasts en galego a raíz, precisamente, da pandemia e o confinamento. Este formato, que leva as ondas da radio ata o centro da Internet, despuntou neste ano tanto en oferta coma en demanda. Da man de Podgalego, un directorio de podcast que leva uns 14 anos recompilando todos os podcast galegos e en galego, imos facer unha viaxe polos de máis recente creación. Con cal quedas?
CAFÉ DERBY 21
Presentado polos xornalistas Nicolás Carreira, Carme Domínguez e Adrián Lede, este podcast trata unha chea de temas culturais - literatura, series, música, cultura pop... - acompañados dunha persoa convidada diferente cada semana. Por el xa pasaron Marta Veiga, Neves Rodríguez ou Verto. Nacido ao abeiro da revista Luzes, aquí podes escoitalo.
ZONA WIFI - FÓRA DE COBERTURA
Estoutro podcast tamén agromou en tempos de pandemia. Guiado por Xabier Rolán, se o que che interesan son os temas relacionados coa tecnoloxía e a comunicación dixital, este é o teu lugar.
MBA - MAL
Da man de Samuel L. París e Alberto Álvarez, esta proposta naceu durante o confinamento ao abeiro da plataforma Zoom, e pode visitarse a través de YouTube, Ivoox, Spotify ou Instagram. Unha chea de contido en clave de humor que podes comezar a desfrutar aquí mesmo.
DE PAROLA
Se che interesa a política e o humor, seguramente este podcast acabe por engancharte. Creado por Iván Iglesias e Martín Sorga, aquí podes escoitar e ver unhas cantas tertulias sobre os políticos que máis xogo lles dan, e tamén sobre temas culturais e de actualidade! Aquí abaixo, en formato vídeo:
BOCACHANCLAS
Tamén recente é estoutra proposta: Bocachanclas. "Uns amigos que falan... falan moito... e incluso de máis", preséntanse. "As veces metémonos en sumidoiros de opinión que normalmente nos levan a botar unhas risas xuntos. Nunca se nos pasara pola cabeza publicar isto, pero se uns profesionais poden facelo... por que nós non?". Así pois, aquí podes escoitalos.
Esta só é unha pequena mostra do universo podcast que agroma en galego. Para estar ao día de todas as novas creacións, visita a páxina do Podgalego. E se che apetece escoitar unha conversa con algúns dos seus creadores máis veteranos, o Carballo Interplay do 2020 brindounos este 'Encontro Podgalego' con Isaac González (creador da web Podgalego), Té con gotas, Iria Veiga e Carlos Pereiro:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.