Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2021 | Actualizada ás 11:38
Galicia rexistrou na tarde noite do sábado nun intervalo de cinco horas un total de catro incendios en inmobles de distintos puntos da comunidade cun mesma orixe: a combustión de chemineas por culpa dos restos acumulados no interior dos condutos de extracción.
Diso informa na mañá deste domingo o CIAE 112 Galicia, que atendeu incidencias similares, todas elas saldadas sen feridos, nas localidades de Sarria, Coristanco, Melide e Monforte de Lemos.
O primeiro incendio tivo lugar en Sarria ás 18,00 horas nun antigo mesón. Máis tarde, ás 21,00 horas, outra chamada ao 112 alertaba dun incendio nunha vivenda da parroquia de Oca, en Coristanco. En ambos os casos, as chamas só afectaron os restos acumulados dentro da cheminea.
Ao fío das 22,30 horas ocorría a terceira incidencia, neste caso, no municipio de Melide, onde, de novo, os restos do interior da cheminea provocaron que os ocupantes dunha vivenda da rúa Progreso chamasen alertados á central de emerxencias.
Por último, Monforte rexistrou ás 23,00 horas o último dos incendios, outra vez provocado polos restos acumulados no tubo da cheminea. Do mesmo xeito que nos outros incendios, non houbo que lamentar feridos.
A central de emerxencias lembra a necesidade de levar a cabo un bo mantemento das chemineas, dado que a acumulación de restos no tubo pode provocar incendios e rupturas. Así mesmo, apuntan que a limpeza das chemineas diminúe o consumo e tamén a contaminación que xeran estas fontes de calor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.