Feijóo recoñece agora que a terceira onda será "igual ou superior" á segunda logo de permitirse reunións no Nadal

Avanza que as medidas do comité clínico serán "máis restritivas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2021 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que as medidas que adoptará a comunidade galega tras a reunión do comité clínico de expertos deste martes serán "máis restritivas", co fin de afrontar as consecuencias dunha terceira onda de contaxios que será "igual ou superior" á do mes de novembro.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta de Galicia.

Así se pronunciou este martes, o mesmo día que se reunirá o comité de expertos que asesora ao Goberno galego co fin de abordar a importante repunta de contaxios de COVID-19 que afecta a Galicia e as novas restricións que se implantarán no territorio para tentar paliar esta situación.

Feijóo non entrou en detalle respecto das medidas concretas que se adoptarán, aínda que si garantiu que serán "máis restritivas" pero "proporcionadas" á evolución epidemiolóxica que presenta cada concello, ademais de trasladar a súa "absoluta preocupación" polas cifras de contaxios.

Os datos que manexa a Xunta apuntan a que a situación "vai seguir deteriorándose" nas próximas xornadas e ao longo de todo o mes de xaneiro, como unha bóla "que vén formando nas últimas semanas" por mor das "accións individuais ou colectivas" das festas de Nadal.

"Esa terceira onda vai ser igual ou superior, eu creo que superior, á que tivemos no mes de novembro", advertiu Feijóo.

A incidencia en Galicia está "a subir" e "as PCR positivas están a aumentar", explicou, do mesmo xeito que os casos detectados a tres, sete e 14 días revelan "unha acumulación constante e continua" que "vai durar como mínimo" durante todo este mes.

"Por iso imos tomar decisións antes de chegar aos 10.000 infectados de novembro", engadiu. Estas medidas adoptaranse este mesmo martes, anunciaranse este mércores e entrarán en vigor "probablemente" o venres desta semana.

NON SERÁ UN "TRAXE IGUAL PARA TODOS"

No entanto, as medidas non serán homoxéneas para toda Galicia. O comité clínico vai estudar a situación "de cada concello e de cada comarca" para aplicar accións "proporcionadas" á evolución epidemiolóxica de cada localidade, polo que non será "un traxe igual para todos".

Feijóo lembrou, en todo caso, que os protocolos "son coñecidos" e contan con medidas previstas relativas á mobilidade, a hostalaría e outros sectores de actividade para taxas concretas de contaxios. "Non imos improvisar", asegurou, e o nivel de restricións será maior "a medida que a incidencia suba".

Neste sentido referiuse a sectores como a hostalaría para defender que o peche ás 23,00 horas suporía un "risco máis elevado" que ás 18,00 horas, posto que cidades como Vigo ou Pontevedra rexistran unha secuencia de contaxios "preocupante" pero "menos intensa" que outros puntos nos que se permitiu un horario máis amplo deste tipo de negocios, como Santiago, A Coruña e Ourense.

O presidente da Xunta considerou que o obxectivo para as próximas semanas é articular medidas que permitan manter as actividades esenciais e, ao mesmo tempo, frear e virus, que é "a gran dificultade e a gran materia" para as administracións.

"Se agora fixésemos un confinamento xeral da poboación probablemente a onda duraría menos tempo, pero o certo é que necesitamos traballar, seguir estudando e mantendo as actividades esenciais".

CUMPRIR AS REGRAS

Tamén lembrou, igual que fixo este luns, que a Xunta "sempre propuxo" que non se celebrasen actividades sociais con non convivientes ou "como moito dúas unidades familiares" e anticipou o "alto risco" do concepto de achegados e das reunións "de ata dez" persoas.

Feijóo asegurou que se tentou "limitar" o número de persoas nos encontros familiares mais alá destes termos, pero a asesoría xurídica advertiu de que carecían de "competencias para facelo" por tratarse de lexislación estatal.

Doutra banda, apelou tamén ao respecto e incumprimento individual das medidas vixentes. "Non hai dúbida que as regras estaban para ser cumpridas e moitas veces non en todos os casos cumprimos todas as regras que estaban activadas no Diario Oficial de Galicia ou no resto de diarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta