Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2021 | Actualizada ás 16:09
Desde o reinicio do curso escolar o pasado venres, cando se contabilizaron 1.033 casos de covid-19 en escolas infantís, colexios e institutos, o sistema educativo galego sumou 193 positivos, co que a cifra total de casos neste ámbito alcanza os 1.226.
No entanto, segundo o balance publicado este martes, con datos do luns, en Galicia non permanece pechado ningún centro a causa do coronavirus, pero si se manteñen en corentena 20 aulas, unha máis que o último parte.
Se se observan os datos por área sanitaria, A Coruña-Cee é a que máis casos asociados aos seus centros educativos rexistra, máis de 300, seguida polas de Santiago e Vigo, que exceden os 200, en consonancia coa propia situación epidemiolóxica destas áreas. As sete áreas experimentan un incremento con respecto aos datos do venres.
No balance deste martes é a da Coruña-Cee a área que máis positivos contabiliza nas súas aulas --o sábado era a segunda, tras Santiago--, con 303, o que supón 71 máis que os últimos datos dispoñibles. Tamén contabiliza seis aulas pechadas.
O centro máis afectado nesta área, e o que ten máis positivos de Galicia, é o CPR Santa María del Mar da Coruña, con 14 casos. Séguenlle, así mesmo, o Liceo a Paz, con 11, e o CIFP Ánxel Casal - Monte Alto e o IES Manuel Murguía de Arteixo, con oito positivos cada un.
En segundo lugar sitúase Santiago de Compostela e a súa zona de influencia, con 245 positivos nos seus centros educativos, cinco máis que no último parte, e tres aulas en corentena.
Como centro máis afectado desta área está o CPR Plurilingüe Compañía de María da capital, con 12 casos activos. Tras este, como centros con máis contaxiados nos arredores de Santiago, están o IES de Valga, o IES Plurilingüe A Cachada de Boiro, e a María Assumpta de Noia, con seis cada un.
VIGO, PONTEVEDRA E OURENSE
En terceiro lugar sitúase a área de Vigo, con 225 infectados de covid --26 máis que o último parte-- e cinco clases en corentena. Os peores datos son os do CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago de Vigo, con sete casos activos, e os do Plurilingüe Mariano de Vigo, o CEIP de Abelendo de Moaña e o IES Primeiro de Marzo de Baiona, con cinco cada un.
A área de Pontevedra, pola súa banda, contabiliza 126 casos, 11 mais que o sábado, e dúas aulas pechadas. Nesta zona, destaca a situación do CEIP da Torre-Illa, na Illa de Arousa, e o Castro Alobre, de Vilagarcía, con sete positivos.
No caso da área de Ourense, incrementou en 43 os casos activos no ámbito escolar, ata os 152, e mantén unha aula en corentena. As instalacións máis afectadas son o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, de Ourense, con sete casos covid, e o CPR Santa María de Ourense e o CEIP Rosalía de Castro de Xinzo, con seis.
LUGO E FERROL
Lugo continúa sendo a segunda área con menos contaxios asociados aos seus colexios, cun total de 93, 15 máis que o último parte. Nesta área permanecen tres aulas en corentena.
Os centros lucenses con máis positivos son o IES Vilar Ponte, o IES María Sarmiento e CEIP de Covas, todos en Viveiro, con sete casos cada un. O resto dos centros teñen tres ou menos casos.
Finalmente, a área de Ferrol contabiliza 82 infectados na súa comunidade educativa, 22 máis que o sábado, aínda que todas as súas aulas e centros están operativos. Nesta zona, cabe mencionar os oito positivos do IES Concepción Arenal de Ferrol, xa que o resto de centros ten catro ou menos casos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.