Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 19:01
A Conferencia Intersindical Galega (CIG) advertiu este martes da aparición de tres brotes de covid-19 en diferentes centros do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), á vez que os vinculou coa "falta de medidas preventivas" por parte da Xerencia da área Sanitaria. En concreto, segundo informa nun comunicado a central nacionalista, este tres focos afectarían a profesionais e pacientes da unidade de Somática do Psiquiátrico, da planta 2ª dereita do Hospital de Conxo e do piso 5ª B do Clínico.
A CIG lamenta non dispor de cifras concretas debido á "falta de transparencia" por parte da Xerencia, que só informa os sindicatos sobre "os casos xeneralizados". "A Xerencia oculta información para evitar que as e os delegados de prevención de riscos poidan facer un seguimento dos brotes, xa que non desagrega os datos de pacientes e profesionais por categorías e servizos", engade a organización no comunicado.
Ademais, a CIG censura que a dirección da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, capitaneada por Eloína Núñez, "tampouco mantén reunións periódicas" co Comité de Seguridade e Saúde nin coa Comisión de Centro para "solucionar as distintas problemáticas existentes" ao comezo da terceira onda da pandemia. Á parte do "déficit de información e formación", o sindicato sinala que seguen "escatimando" en equipos de protección individual (EPI), como máscaras FPP2, "a pesar das queixas reiteradas dos traballadores mediante escritos e mensaxes de correo electrónico".
O caso máis grave, segundo a CIG, é a do Hospital de Conxo, onde hai activo un brote de coronavirus que afecta "a un número importante de pacientes e profesionais". O sindicato relaciona esta situación a todas estas carencias, a unha "falta de circuítos" que separan enfermos covid e non covid e ás "múltiples mobilizacións de doentes entre varias plantas" cando estaban "á espera" de resultado dunha proba diagnóstica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.