Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 20:05
Os sindicatos CIG-Ensino e ANPE-Galicia advertiron da situación na que se atopan os centros nesta terceira onda da pandemia sanitaria, tras constatar este martes o incremento de contaxios respecto das cifras de peche do mes de decembro. A CIG-Ensino, por unha banda, censurou o discurso "triunfalista" da Xunta a pesar das circunstancias que se están producindo nos centros, cun repunte de contaxios e circunstancias climatolóxicas (especialmente baixas temperaturas) que dificultan as tarefas de ventilación.
Todo iso, engaden, sen medidas de reforzo ou incremento de rastreadores, nin maior axilidade na realización de PCRs a posibles positivos ou de cumprimento de corentenas e illamentos preventivos. O sindicato critica, ademais, que as direccións dos centros aínda non recibiron comunicación ou circular algunha sobre o uso da anunciada aplicación para dar pautas sobre a ventilación.
Desde ANPE, pola súa banda, lamentan as cifras de contaxios anunciadas este martes pola Xunta e advirten da diferenza entre os preto de 800 casos de finais de decembro cos máis de 1.200 que existen neste momento nas instalacións educativas. Neste sentido, consideran que a Xunta debería atrasar o regreso ás aulas, como propuxo o sindicato, para evitar que ese incremento do 20 por cento de contagios circulase polos centros educativos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.