Pode o profesorado modificar o sistema de ensino na sociedade de Whatssap, Internet e os videoxogos?

Os métodos memorísticos e escritos son os sistemas básicos polos que se xulgan as competencias do alumnado. Algunhas voces dentro dos profesionais do ensino cren necesarios cambios para mellorar as capacidades de desenvolvemento persoal dos mozos e mozas. Isto último, pensando en que a persoa ten potenciais máis alá da simple retención de datos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“A impresión que temos algúns profesores é que o rendemento dos alumnos nesta primeira avaliación baixou moitísimo” di a psicóloga educativa Conxita López. O comezo do curso 2020-2021 non está sendo doado nin para alumnos nin para profesores. “Ao mellor o feito de estaren sen exames durante oito meses é a causa, mais non é de todo seguro”. López compara isto co adestramento deportivo, “un deportista que leve case un ano sen adestrar non ten o mesmo rendemento nos primeiros días cando retoma o exercicio físico”.

Alumnos dun centro de FP. IREKIA - ARQUIVO
Alumnos dun centro de FP. IREKIA - ARQUIVO

O “exercicio” neste caso sería a memorización de conceptos, vertelos sobre papel para superar unha serie de materias que co tempo, segundo algúns dos profesores consultados, non quedarán na memoria dos e das alumnas. Superar as materias supón tranquilidade tanto para estudantes como pais e nais. Con todo, poderíase cambiar o método de aprendizaxe? Podería evitarse o fracaso escolar sobre todo en áreas economicamente deprimidas?

MEMORIZACIÓN E EXAMES

O método tradicional de ensino leva sendo cuestionado desde hai décadas e aínda así, polo de agora non houbo ou non hai un método que o dea substituído, nin sequera por métodos máis prácticos. “Un ensino memorístico deixa satisfeitas ás familias e aos alumnos porque buscan un aprobado, non se busca unha aprendizaxe, aínda que hai excepcións” sinala Bernardo Penabade, profesor do IES Perdouro de Burela.

Esther Martínez, vicepresidenta de ANPAS Compostela e Profesora de Pedagoxía na facultade de Ciencias da Educación da USC, estima que os currículos deberan centrarse no esencial, como traballar sobre competencias de cada alumno sen presión ningunha. “A escola non debera ter que fixarse tanto nos exames, no sistema repetitivo” afirma Martínez. “O sistema non está preparado para que un profesor diga de  non abrir o libro para interactuar co alumnado relacionando aprendizaxes coa vida real”.

Abandono escolar en Europa
Abandono escolar en Europa | Fonte: UE

A aprendizaxe práctica observando o mundo real mediante os coñecementos recollidos na aula “non é abrazada nin por alumnos nin por familias” di Penabade. “Hai unha grande presión do ensino particular de academia” sinala este profesor. Pais e fillos depositan a responsabilidade da aprendizaxe neste tipo de centros que seguen nunha explicación personalizada e moi de memorización e estereotipada. “Os proxectos novos supoñen unha ruptura co costume, aquilo ao que estamos afeitos danos seguridade, preferimos iso á incerteza do que se pode mellorar”.

FRACASO ESCOLAR, QUEN TEN A CULPA?

O fracaso escolar dáse cando un colectivo amplo de persoas non superou as etapas do ensino obrigatorio ou, se se superan os estudos obrigatorios, non se pode avanzar cara unha titulación académica superior. “Temos un sistema ríxido onde o neno ou nena se ten que adaptar a el, así que o fracaso escolar ten moitas raíces” explica Esther Martínez. “Non só é fracaso o feito de non superar materias, tamén é fracaso cando o alumno supera todas as materias e aínda así non se sente adaptado”.

Ademais da rixidez do sistema a outra grande “besta” que apoia o fracaso escolar é a contorna social e familiar da persoa, sobre todo cando falamos de contornas e familias deprimidas economicamente. No caso de seren as familias quen teñan problemas socioeconómicos “hai que facer unha análise da situación para coñecer as posibilidades dese grupo familiar” di Sandra Montero de UGT-Ensino. “Tamén é necesario establecer unha comunicación fluída familia-docentes e buscar fórmulas de aprendizaxe e logo seguir a evolución e autoavaliación do sistema empregado”.

E coas contornas social e economicamente deprimidas? Nun contorno socioeconómico baixo, unha maior parte do problema solucionaríase “coa actuación do departamento de orientación e a posterior derivación aos servizos sociais dos concellos” di Montero. As axudas económicas en situacións precarias poden permitir que o contorno “se sinta máis relaxado e os cativos e cativas se poidan centrar na súa formación”. Mais se o ambiente segue sendo hostil á aprendizaxe, pouco ou case nada se pode facer.

“Hoxe en día un dos puntos importantes no ensino é a atención á diversidade, se 8 de cada 10  van a academias, que pasa cos outros dous?” di Bernardo Penabade. “Ou teñen programas de atención bos nas escolas ou fracasan”. Deste punto dedúcese que se o 80% do alumnado recibe apoio extra fóra das aulas oficiais, o 20% restante acaba “en traballos precarios e se imos máis alá, mesmo na delincuencia e os que están en mellores programas pedagóxicos teñen máis posibilidades de éxito na súa vida”.

Os departamentos de orientación están moi mal dotados” resalta Esther Martínez, por iso reclama ás autoridades educativas “caer na conta en que necesitan recursos máis atractivos, pois fóra das escolas hai estímulos moi atractivos que non existen nas aulas”. Todo isto fai que se reclamen máis medios para RRHH cando os ambientes onde se desenvolve a actividade académica son máis "atractivos".

SON POSIBLES NOVOS MÉTODOS?

“Non existe unha metodoloxía resolutiva común para todos e todas pero si hai un método para conseguilo, «adaptación» a cada alumno ou alumna e á súa situación” di Sandra Montero. Entre as diferentes metodoloxías está a da aula invertida, “o alumnado estuda os contidos na casa e os traballa na aula”. A aprendizaxe cooperativa “os alumnos traballan en grupo repartindo tarefas para mellorar atención, implicación e adquisición de coñecementos”. A última sinalada por Montero é a aprendizaxe baseada en problemas “os nenos e nenas investigan para ter datos e información útiles potenciando o pensamento crítico”.

A aprendizaxe en grupo permite que os alumnos expliquen os temas “usando a mesma linguaxe que usan entre eles e elas mentres que o profesor asesora o grupo” apunta Conxita López. “As familias tamén poden participar na aprendizaxe animando ao neno ou nena preguntándolle que aprendeu e así se motiva máis ao alumno”. López considera que desde o profesorado se poden introducir cambios “mais somos poucos e ademais, debemos ter o acordo do centro educativo”. En tal caso,  o que pretenden as novas metodoloxías é a aprendizaxe colaborativa saíndo do ambiente competitivo en que viven actualmente os mozos e mozas.

As novas xeracións necesitan un apoio educativo que fomente as súas capacidades sen recorrer a métodos clásicos que non permiten o desenvolvemento total do alumno. O fracaso escolar pode ter solución coa implicación de educadores, servizos sociais e familia, ademais dunha mellor distribución dos recursos contra a  pobreza. A educación, segundo os educadores, debe tornarse nunha aprendizaxe para vivir en sociedade o que implica tamén a atención á diversidade. Desta maneira, os métodos clásicos deberan ser, polo menos, avaliados de novo para corrixir o necesario.

Fracaso escolar en Europa
Fracaso escolar en Europa | Fonte: elordenmundial.org
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Do fracaso escolar xa se ocupou a ministra Celaá posibilitando pasar de curso e titular con varias materias suspensas... Os alumnos nin son parvos agora nin o foron nunca: os malos resultados desta primeira avaliación anticipa os resultados das restantes: ¿para que me vou esforzar se ao final vou pasar de curso igual? Temos unha poboación Netflix que vive no mundo das Series (igual que unha boa parte do Goberno) polo tanto terminaremos igual que o Sergas, facendo consultas médicas por teléfono (?) En educación bastará un cuestionario on-line para aprobar as materias e a vivir que son dous días...