Investigadores galegos rexeitan o uso do código de barras xenético do coronavirus para analizar a circulación de variantes

Apostan polo estudo do xenoma enteiro do virus.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2021 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

Unha investigación liderada polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Federico Martinón e Antonio Salas determina que o estudo dos denominados 'barcodes' ou 'código de barras xenético' do coronavirus, dada a súa limitada resolución, non permite analizar a circulación de variantes actuais, senón soamente aquelas que xurdiron no inicio da pandemia. Pola contra, apostan polo estudo do xenoma enteiro do virus.

Antonio Salas (esquerda) e Federico Martinón (dereita)
Antonio Salas (esquerda) e Federico Martinón (dereita) | Fonte: Santi Alvite - USC.

En palabras de Antonio Salas, os investigadores desenvolveron unha estratexia de análise que permite "analizar en moi pouco tempo e de maneira moi eficaz miles de xenomas do virus". "Así, por exemplo, neste estudo analizamos 160.000 xenomas enteiros do virus e establecemos un modelo de análise matemática que nos permitiu entender a variabilidade do virus desde unha dimensión diferente a como se fixo ata o momento, o que nos levou a concluír que os barcodes ofrecen unha visión moi limitada da dinámica do virus", apuntou.

Os investigadores cren que a técnica do barcoding podería ter sentido só naqueles casos nos que fose necesario facer un seguimento de cepas concretas que, co paso do tempo e as evidencias necesarias, puidesen demostrar que teñen unha maior virulencia ou unha capacidade de dispersión importante.

A investigación baséase en dous alicerces fundamentais, por unha banda, un coñecemento importante dos patróns de variabilidade xenómica do virus, desde os inicios da pandemia ata o momento; e, doutra banda, unha "ampla experiencia no terreo da filodinámica e estratexias semellantes aos barcodes noutros ámbitos da xenómica", como é a xenética forense ou o estudo dos patróns de ancestralidad das poboacións humanas.

Os autores despregan no seu estudo "un amplo abano de argumentos científicos que desmonta a tan ben recibida metodoloxía", proporcionan elementos que "cuestionan fortemente as achegas científicas presentadas ata o momento", e "obrigan a unha reconsideración dos métodos propostos", a favor dun reforzo das metodoloxías baseadas na secuenciación completa do xenoma do virus.

"Entendemos que, polo momento, debemos estudar o xenoma enteiro do patóxeno, e evitar métodos reduccionistas que achegan moi pouco ou nada á filodinámica do virus", apuntan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta