Por Galicia Confidencial | | 12/07/2013 | Actualizada ás 08:00
Persoal investigador do IPHES (Instituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social) encontrou, na Cova de Valdavara (Becerreá, Lugo), un dente infantil, de hai uns 17.000 anos, que constitúe o fósil humano máis antigo descuberto ata o momento en Galicia.
O IPHES explica que trátase dun molar de leite cun grao de desgaste moi avanzado e pertencente a un individuo duns 10 anos de idade. É, ademais, o primeiro resto humano do Paleolítico encontrado no país.
"O dente de Valdavara sería polo menos 7.000 anos máis antigo que os restos fósiles que ata agora ocupaban esta categoría en Galicia, e que foron encontrados na Serra don Courel cunha antigüidade en torno aos 10.000 anos antes do presente", puntualiza Manuel Vaquero, investigador do IPHES e director das escavacións en Valdavara.
Segundo as datacións de que se dispoñen actualmente, realizadas polo método de Carbono 14, este dente tería unha cronoloxía de máis de 17.000 anos antes do presente, aínda que non se descarta que poida ser un pouco máis antiga. "Este mesmo ano tense previsto realizar novas datacións que permitirán establecer con máis precisión a antigüidade do fósil", anunciou Manuel Vaquero.
Rico conxunto arqueolóxico
O dente púxose ao descuberto durante escavación arqueolóxico do ano pasado, pero o achado non se fixo público até agora. Apareceu ána base do nivel 4 da Cova de Valdavara, que corresponde culturalmente ao Madaleniano antigo.
No mesmo nivel se recuperou un rico conxunto arqueolóxico, integrado por numerosas ferramentas elaboradas con sílex e ósos, así como elementos de ornamentación persoal, como unha serie de cunchas de Dentalium utilizadas como contas de suxeitar.
Os traballos na Cova de Valdavara iniciáronse no 2007 e enmárcanse nun proxecto de investigación conxunto da Universidade de Santiago de Compostela e o IPHES. As escavacións lévanse a cabo grazas ao apoio do Concello de Becerreá e están dirixidas por Manuel Vaquero e Susana Alonso, esta última colaboradora do IPHES.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.