Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 21/01/2021 | Actualizada ás 18:30
O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey (CCOO), asegurou que a situación no estaleiro é "crítica" e por iso reclamou ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), que medie para lograr unha reunión co Goberno central e así "poder trasladarlle como vemos nós a situación". Así se pronunciou tras manter un encontro co rexedor ferrolán e o seu homólogo no Concello de Fene, Juventino Trigo, tras manifestarse xunto a operarios da empresa principal e das auxiliares este xoves na cidade departamental.
"Os alcaldes están de acordo connosco e transmítennos todo o seu apoio", explicou o representante sindical, que sinala que pretenden convocar os grupos parlamentarios do Congreso e ao Goberno para mostrar que se trata dunha "reivindicación moi ampla" e pedir os "investimentos necesarios para os diferentes plans".
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol asegurou que o seu goberno se pon a "disposición do comité de empresa para xestionar estes encontros en Madrid", que espera que "se poidan realizar ao longo do mes de febreiro, o máis inmediato posible".
O rexedor sostivo que "a situación da comarca é cada vez máis dramática" e polo que considera que o Goberno "ten que dar un paso á fronte para pór alternativas enriba da mesa". "Concretamente con Navantia, xa que estamos pendentes da mellora das instalacións, nos departamentos de Carenas e Turbinas, ademais de aproveitar o impulso da eólica mariña, que ten moitas máis posibilidades", sinala.
Por último, o rexedor de Fene, Juventino Trigo (BNG), mostrou o seu "apoio ás demandas de carga de traballo e para tratar de xestionar as reunións en Madrid". "Esta comarca estásenos apagando, que se Endesa, Siemens Gamesa, Alcoa..., imos ter un problema grave para poder desenvolver a nosa vida de maneira normal nuns anos e Navantia ten que ser o motor da comarca e ofrecémonos para mediar onde faga falta e con quen sexa necesario", advertiu
VERSIÓN DE NAVANTIA
Pola súa banda, un dos portavoces da empresa naval pública sinalou que "a dirección está a traballar para lograr carga de traballo para todos os estaleiros, cunha política comercial moi intensa" que mesmo "se viu reforzada coa pandemia".
"Navantia fixo unha aposta moi decidida para que sexa polo de referencia mundial en deseño e construción de fragatas de última xeración a partir do programa F-110, e que vai supor carga de traballo para máis de dez anos", sostivo.
Por último, incídese que o estaleiro de Ferrol "será a lanzadeira da nova plataforma dixital de Navantia e do Centro de excelencia para o xemelgo dixital, para o que será necesario contar coa colaboración de centros tecnolóxicos doutras cidades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.